Skip to content

Posicionamento Parque Ambiental

18/03/2007

Posicionamento oficial da Asociación Ecoloxista Coto do Frade en referencia ó Polígono Medioambiental de Carballeda de Avia.

1-      A Asociación Ecoloxista Coto do Frade aposta por unha muda integral da actual política herdada de anteriores gobernos; a reducción dos residuos, a reutilización dos mesmos e finalmente a reciclaxe son pautas ineludibles para a consecución de obxectivos baixo criterios medioambientais. A planificación de políticas neste sentido resulta fundamental, reducir en orixe apostando por envases retornables,  a información  ó cidadán por medio de campañas de sensibilización ante o problema, son prioridades para acadar resultados óptimos que non dexeneren como o actual modelo liderado por SOGAMA.

2-      A asociación Ecoloxista Coto do Frade reclama a axilización do Plan de Xestión de Residuos de Galiza e rexeita calquera execución, medida ou actividade relacionada con éste ata que se aprobe dito plan.

3-      A Asociación Ecoloxista Coto do Frade é radicalmente contraria á incineración, esiximos neste sentido unha planificación na xestión do lixo para cumprir cos obxectivos de recuperación establecidos na normativa europea, isto é, reducir a capacidade incineradora actual e incrementar a reciclaxe.

4-      A Asociación Ecoloxista Coto do Frade se posiciona en contra da xestión dos residuos sólidos urbáns do Sur de Galiza no Polígono Medioambiental de Carballeda de Avia. Esta Asociación aposta dun xeito claro e contundente, pola xestión a nivel comarcal en pequenas plantas, onde o impacto medioambiental e mínimo, o aforro enerxético faise evidente e os resultados acadan a máxima eficacia. Rexeitamos a idea dunha Planta Sur que xestione os residuos sólidos urbáns das provincias de Ourense e Pontevedra exista ou non a incineración.

5-      A Asociación Ecoloxista Coto do Frade non se posiciona en contra dun Polígono Medioambiental Empresarial adicado única e exclusivamente a reciclaxe de residuos  sempre e cando, atendendo a criterios de eficiencia enerxética, non sexa axeitado tratalos en plantas comarcais por tratarse de pequenas cantidades. As empresas que ocupen esta instalación deben cumprir estrictamente as normativas medioambientais, así como, estar dotadas de tecnoloxía avanzada sendo escrupulosamente respectuosas co entorno natural, calquera empresa que incumpra estas directrices debe ser suspendida na súa actividade.

6-      A Asociación Ecoloxista Coto do Frade esixe exames periódicos, tanto dentro das instalacións como no entorno,  que rexistren os niveis de contaminación en solo, aire e auga. Medicións automatizadas ás cales teñan acceso os cidadáns en todo momento e non sexan susceptibles de manipulación.

7-      A asociación Ecoloxista Coto do Frade esixe a depuración e reutilización da auga de uso industrial mediante un circuíto pechado sendo independente para cada empresa, así como, unha depuradora central cos sistemas máis eficientes de tratamento.

.

Apunte (Outubro 2008)

Unha vez  presentado o borrador do Plano de Residuos do goberno bipartito e logo de 5 reunións previas co Conselleiro de Medio Ambiente ó longo do ano 2008 onde defendimos este posicionamento, esta Asociación di NON ó Proxecto para Carballeda de Avia (Outubro de 2008) e comeza a actuar en consecuencia.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: