Skip to content

Alegacións ó PXOM de Ribadavia

28/12/2008

Asociación Ecoloxista Coto do Frade, CIF G-32213456, e con enderezo a efectos de notificación no Apdo. de correos 32, 32400 Ribadavia, Ourense.

■ Expón:

Que atopándose en exposición pública o Plan Xeral de Ordeación Municipal e dentro do prazo conferido ó efecto, achegamos a seguinte alegación.

Teremos en conta, se aplique o principio de cautela ante a posibilidade real de futuros danos causados polas avenidas do río Avia no espazo “Os Ferreiros”. Do mesmo xeito, evitar actuacións futuras no río Avia para subsanar os erros (que consideramos) desta intervención. Igualmente, observamos, unha actuación prescindíbel dentro do PXOM, a necesidade de solo está perfectamente cuberta no Plan sendo asumíbel a nosa alegación e non supondo ningún obstáculo destacábel para a realización do mesmo. Simplemente, basta con atender ó sentido común, nos últimos dez anos, ate en sete ocasións as augas asolagaron o espazo en cuestión, destacando o periodo Novembro 2000-Marzo 2001 sendo cinco as incidencias.

As crecidas e inundacións son procesos naturais necesarios para o funcionamento dinámico dos hidrosistemas fluviais, para a supervivenza dos procesos de erosión, transporte e sedimentación, para a conservación dos ecosistemas acuáticos e ribeireños e para o mantemento e incremento da biodiversidade nos medios fluviais. As áreas inundabeis contan, ademáis, con un notábel valor territorial, por canto os usos do solo deben zonificarse protexendo o espazo. En consecuencia, a súa delimitación é fundamental sendo as marxes do río Avia e as crecidas ó longo do tempo o único referente a ter en conta a hora de levar a cabo calquera actuación urbanística. Os ríos deben manterse no seu estado natural, como cidadáns debemos aprender a convivir coas súas peculiaridades e traballar dende a sustentabilidade, preservando os corredoiros fluviais como solo non urbanizábel ou sometendo a algunha figura de protección. Os propios ríos delimitan ate onde pode chegar o home e os seus experimentos, é simplemente cuestión de facer caso da lóxica para correxir os nosos delirios.

■ Alegación:

No plan defínese, na zona chamada “Os Ferreiros”, situada entre a marxe do río e as edificacións existentes na rúa Ribeiro, un área de reparto chamada R-16, na que se propón a apertura dun novo vial, un área de edificación concentrada e unha zona verde. Por outra banda propón unha liña de encauzamento para o río Avia nas dúas marxes. O Plan Xeral de Ordeación Municipal no seu documento de Normativa Urbanística inclúe: “Quedan prohibidas as obras, construcións ou actuacións que poidan dificultar o curso das augas nas canles dos ríos, arroios, ramblas e barrancos, así como nos terreos inundables durante as enchentes non ordinarias, sexa calquera o réxime de propiedade e a clasificación dos terreos” (Normas Xerais de Protección do Medio, da Paisaxe e do Ambiente, CAPITULO III. PROTECCIÓN DO SOLO, DOS RECURSOS HIDROLÓXICOS, DA VEXETACIÓN E DA FAUNA, SECCIÓN SEGUNDA. PROTECCIÓN DE RECURSOS HIDROLÓXICOS, punto 5.3.3. CANLES, RIBEIRAS E MARXES) Tamén neste documento defínense as limitacións para a zona de servidume e de policía (de 5 e 100 metros de anchura, respectivamente) deixando claro “En solo urbanizable, a localización dos espazos libres situarase na zona de policía, e establecerase a ordenación adecuada que facilite o acceso á zona de servidume e canle; de igual modo, adoptaranse as medidas no proxecto de urbanización para que se manteña ou mellore a capacidade hidráulica, se facilite a drenaxe das zonas inundables e, en xeral, se reduzan ao máximo os danos provocados polas avenidas”.

• O Plan carece do estudo de inundabilidade da zona, ademáis de cumprir coa lexislación en materia de augas, en canto ó respecto do dominio público hidraúlico e as súas faixas de protección, o PXOM debe xustificar a idoenidade de tódolos solos sobre os que se prevé novos crecementos en materia urbanística, entre outros aspectos, por razóns de prevención de riscos naturais (inundacións), polo tanto, débese definir que espazos contan con risco manifesto dispoñendo dun estudo de inundabilidade que delimite os dominios públicos hidraúlicos, faixas de protección e ámbitos inundabeis.

Necesidade de xustificación e viabilidade técnica e económica que tería a adopción das medidas correctoras.

Estudo de impacto ambiental.

Alternativas e concreción da necesidade real de actuación no espazo.

• Razóns para a protección do bosque de ribeira nesta área. Débese ter en conta que a vexetación nas ribeiras dos ríos teñen un elevado valor pola alta diversidade biolóxica, a alta produtividade e o elevado dinamismo dos hábitats que acollen. A vexetación de ribeira incluso en áreas urbanas, regula o microclima do río, aseguran a estabilidade das beiras, regulan o crecemento de macrófitas, son un hábitat ideal para un gran número de especies animais e vexetais, supoñen unha fonte de alimentación para as especies que aloxan, actuan coma filtro para a polución difusa, cumpren un papel de acumuladores de auga e sedimentos, funciona como áreas de recarga de augas subterráneas, actúan como vía de comunicación entre os distintos ecosistemas contiguos e posúen un gran valor paisaxístico, recreativo e cultural. A rexeneración que está asentando o bosque de ribeira nesta área suporá un incremento da protección das edificacións existentes pola diminución das crecidas e o incremento do control natural sobre o crecemento do río, ademais de unha moi probable diminución no nivel freático na zona. Por outra banda, incrementarase o valor natural, paisaxístico, recreativo e cultural existente.

• Razóns para a protección do río. É necesario protexer a dinámica natural dos ríos (inundacións, estiaxes, migración do cauce…) como un equilibrio dinámico e complexo con unha xestión que require a aplicación do principio de cautela. Ademais débese protexer as súas funcións (abastecemento, rego, esparcimento, evacuación de residuos, sostén de ecosistemas, transporte de sedimentos…), limitando os impactos e ponderando os distintos usos. Ademais débese ter en conta que o nivel freático nesta área é elevado e pequenas subidas no caudal do río afectan ás edificacións xa existentes.

Ante o exposto, solicitamos, se teña por presentado este escrito e se atenda ó mesmo en base a un desenrolo sostíbel e socialmente xusto.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: