Skip to content

SOGAMA, xestión dos residuos?

03/02/2009

lg_globe2A xestión dos residuos farmacéuticos en SOGAMA volta a poñer en entredito o modelo actual, a denuncia no diario “La opinión” desvela a estafa que a industria farmacéutica, DANIGAL e SOGAMA veñen desenvolvendo dende o ano 2002 cando se implanta  o modelo SIGRE, que baixo o lema “Por la salud, por la naturaleza” ofertaba unha xestión innovadora, única en Europa, dos restos de productos oncolóxicos (altamente tóxicos). A normativa ó respecto é ben clara, este tipo de sustancias deben ser incineradas a altas temperaturas para inertizar completamente os compostos químicos (a incineradora de SOGAMA non cumpre os requisitos mínimos para realizar esta tarefa con seguridade) e así, minimizar os riscos de saúde pública e medio ambiental, tódolos actores do entramado eran conscientes desta realidade. Na actualidade, ainda que sexa unha sorpresa para algúns, máis de 12.000 toneladas aparecen depositadas no vertedeiro da Areosa mesturadas con residuos sólidos urbáns. Estas sustancias son moi contaminantes cando os seus principios activos entran en contacto con outros residuos, contaminan a auga e contribúen o desenrolo de cepas resistentes ós antibióticos, esta circunstancia pode favorecer o desenrolo de enfermidades xa erradicadas. Raul Vieira, experto en xestión de residuos perigosos alerta do “grave risco sanitario que supón manter almacenados en vertedoiros estas sustancias, as filtracións ós cauces dos ríos e ós acuíferos é un dos maiores perigos desta almacenaxe indiscriminada”.

Manuel Vázquez, Conselleiro do Medio Ambiente, ben a dicir, “que os restos farmacéuticos son asimilabeis ós residuos sólidos urbáns, e que os mésmos están tratados dacordo ás directrices SIGRE, o organismo que ten que responder a estas acusacións”. SOGAMA está participada nun 51% pola Xunta de Galiza e un 49% pola eléctrica Unión Fenosa, se atendemos a participación pública as responsabilidades políticas do goberno da Xunta son evidentes, incluso estariamos a falar da necesidade de emprender accións legais contra os responsabeis da xestión nesa planta. Como en tantas outras ocasións as acusacións entre os diferentes organismos públicos e privados están a desviar a atención; industria farmacéutica, DANIGAL, SOGAMA, Consellería do Medio Ambiente, evitan as suas responsabilidades.

O secretismo na xestión dos residuos en Galiza é alarmante, dende a inauguración da planta de Cerceda, amparada incluso por algún ecoloxista “despistao”, o desastre e os riscos tanto para o medio ambiente como para a saúde das persoas é unha evidencia, por moita maquillaxe que se tente aplicar dende o poder a xestión é un fracaso a tódolos niveis. Este tipo de instalacións se constrúen con diñeiros públicos, a súa explotación realízase mediante concesións a empresas privadas, éstas destiñan a terceiros a xestión das diferentes fraccións. En todo este trámite as responsabilidades esfúmanse, a legalidade se imcumpre, a transparencia esbaece e a cidadanía asiste impasíbel ás acusacións entre os diferentes actores. Un espectáculo grotesco onde a saúde das persoas está renegada a un simple experimento de consecuencias impredecíbeis.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: