Skip to content

Incendios forestais no Ribeiro

29/03/2009

P9292409Neste mes de Marzo, o Ribeiro rexistrou un total de 9 incendios forestais, falar de casualidade ou unha eventualidade pasaxeira sería caer no autoengano. O Ribeiro arde ano tras ano coincidindo con periodos de estabilidade meteorolóxica, da o mesmo que falemos de verán ou inverno, aínda que, loxicamente o verán resulte máis destructor e a extinción semelle un espellismo. O problema poderiámolo definir en duas vertentes, económica e social. Económica polos diferentes intereses que existen en torno ó lume, social pola desafección na Galiza rural por uns bosques de repoboación impostos ó longo do tempo  polo poder económico e político.  O comezo das talas indiscriminadas de bosque autóctono aparece hai tres séculos, a transformación en bosques de especies baratas e de rápido crecemento aptas para a industria (piñeiro, eucalipto) acabaron por romper a relación do pobo con un monte que ata entonces non lle era alleo, con este crime ecolóxico o ecosistema sofreu unha transformnación radical que dificilmente poderá ser subsanada. Outro dos problemas, afastado dos intereses industriais e máis ligado á propia cultura do Ribeiro, foi a introducción dunha especie allea ó noso ecosistema como é a mimosa, utilizada en tempos para estacas na viticultura, e que agora se apropia dos nosos bosques logo dos incendios ou do abandono das vellas explotacións impedindo o desenrolo doutras especies e supondo un risco añadido. Independentemente da pésima xestión dos nosos montes, cabe sinalar que os incendios se producen por que hai desalmados que os provocan, as condicións do monte, simplemente, contribúen a que éstes sexan máis virulentos.

incendio cENLLEIncendios máis destacados dos últimos anos, matizamos os seguintes pola cantidade de hectáreas calcinadas ou ben pola singularidade dos mesmos. Non esquecemos que dende os anos oitenta o Ribeiro é incendiado sen descanso sendo os Concellos máis afectados; Melón, carballeda de Avia, Cortegada, Leiro, Avión e Cenlle.

.

•Ano 2004- O Concello de Avión arde durante 15 días consecutivos ata calcinar preto de 1000 Ha. Nese mesmo ano, incumprindo a legalidade, unha empresa do sector da madeira tala o bosque previamente incendiado.

•Ano 2004- Carballeda de Avia rexistra innumerábeis incendios forestais coincidindo coa intervención do Concello nun proceso de regulación das canteiras. Aparecen artefactos incendiarios en todo o perímetro. Se calcinan 600 Ha e remata afectando ós Concellos de Avión e Melón.

Ano 2005– Un incendio con diferentes focos afecta ós concellos de Leiro, Ribadavia e Cenlle. Catro anos máis tarde o viñedo ocupa unha parte importante da zona calcinada.

Ano 2005– O Concello de Melón rexistra un record de incendios, nun só día se producen 27 lumes forestais.

Ano 2006– Un incendio que comeza no Concello de Ribadavia (Francelos) calcina bosques de Melón, Crecente, A Cañiza. Este incendio coincide coas denuncias de Coto do Frade ante a construcción dunha minicentral no Outeiro-Brull que pon os veciños de Francelos en pé de loita. O incendio nace ás beiras deste río. Son calcinadas 1500 Ha.

Ano 2007– Se producen un total de 128 incendios no Ribeiro, as condicións climatolóxicas impiden o desastre e a extinción resulta máis loábel.

É reseñable que nos últimos anos a incidencia dos incendios forestais non só se reduce ós meses de verán, tamén nos días secos e fríos do inverno hai oleadas de incendios, se ben a súa propagación é máis lenta son moito máis perigosos cando afectan a bosques con unha forte presenza de caducifolias, ó atoparse nesta época con un baixo contido de auga son máis vulnerábeis á acción das chamas.

Lume1

Intereses e causas

O sector forestal. Obtención dunha materia prima máis barata ó mercar madeira queimada, esta situación provoca a baixada dos prezos na madeira verde, quebrando o mercado.

Agricultura e gandería. Limpeza de fincas por medio de queimas (incendios por neglixencia). Obtención de pastos para os animais.

Recalificacións de terreos. Obtención de solo para outro uso (agricultura, parques eólicos, canteiras, intereses inmoviliarios, etc). Á hora de presentar un proxecto resulta máis sinxelo se o espazo esta degradado, se non queda nada que protexer.

Caza. Transformar o monte nunha galería de matorrais. Nun bosque impenetrable as posibilidades son do animal, no campo aberto gaña a arma de fogo.

Industria da extinción. Se hai lume hai negocio, se o monte arde a industria existe. A escalada de números de incendios e investimentos contra o lume van sospeitosamente parellos.

Esta pequena reseña son as causas fundamentais dos lumes na nosa terra; intereses económicos, mala xestión dos montes, desarraigo na sociedade e unha pésima actuación política  e xudicial. Poderiamos añadir as rencillas entre veciños ou a existencia de perturbados mentais. As dúbidas ó respecto son moitas neste senso, polo que falar de “taraos” como causa dos incendios sería estúpido. Outras causas dos incendios, apenas supoñen un 3% dos totais segundo datos da Xunta de Galiza, son debidos a accidentes (ferrocarril, liñas de alta tensión, tráfico) ou ás condiccións meteorolóxicas (tormentas de verán).

Diferentes colectivos creamos na provincia de Ourense o Comité de Defensa do Monte Galego no ano 2003. Estas son as nosas reivindicacións.

Decálogo pola defensa do monte

PRIMEIRO.- A modificación do Consello Forestal Galego, deberá revisarse a composición actual e integrar a todos os axentes sociais. Del sairá un órgano consultivo e representativo multisectorial, a semellanza do que ocorre nos países do noso contorno.

SEGUNDO.- Un cambio na política agro-forestal, coa revision do Plan Forestal de Galicia e dos Plans de Loita Contra o Lume (INFOGA), para acadar o consenso necesario entre todos os grupos políticos e sociais, en particular dos propietarios forestais.

TERCEIRO.- A Fiscalía contra incendios debe ser dotada de medios técnicos, humanos e económicos para mellorar a investigación dos lumes, nesta tarefa é necesaria unha perfecta coordinación entre as forzas de orde pública e os servizos forestais.

CUARTO.- Transparencia e rapidez no acceso á información sobre incendios: facilitarlle á opinión pública o coñecemento da realidade, de xeito que poida reaccionar de forma positiva diante desta problemática. Emprego de satélites de teledetección para unha avaliación real do número de incendios e da superficie queimada.

QUINTO.- Os equipos de extinción de incendios deben estar baixo un mando único e depender na súa totalidade dunha soa Consellería. A transferencia dos equipos de extinción ós Concellos produce a súa descoordenación, desprofesionalización, falta de homoxeneidade dos equipos, menor eficacia e ampliación da estrutura político-caciquil, ao non haber control na contratación nin equidade nos salarios percibidos.

SEXTO.- Ordenación dos cultivos agrarios e forestais e mobilización produtiva das terras asignándollelas localizacións máis axeitadas, evitando o aumento da superficie ocupada por especies de medra rápida (eucaliptos, piñeiro “radiata”,…), ao tempo que a perda de mais Superficie Agraria Útil, parámetro no que Galiza xa ocupa o último posto da Unión Europea. Neste senso, resulta urxente elaborar plans de ordenación dos montes que contemplen os aproveitamentos agrogandeiros, compatíbeis coa existencia de matos e áreas boscosas multifuncionais.

SÉTIMO.- Posta en marcha inmediata de plans de restauración e recuperación das zonas afectadas por incendios nos últimos anos.

OITAVO.- Implicar na conservación e protección do patrimonio natural a todas as Consellarías do Goberno Galego e mellorar a coordenación coas Administracións públicas central e local.

NOVENO.- Trasladar ao eido educativo os contidos e coñecementos ambientais e fomentar en toda a sociedade valores que favorezan comportamentos compatíbeis coa preservación e mellora do medio (campañas de concienciación e sensibilización). Formar e informar especialmente ás Comunidades propietarias de montes, promovendo o sentimento de identidade positiva entre o veciño e o monte.

DÉCIMO.- Incremento dos investimentos para a prevención, que deberían ser superiores aos de extinción. Estabelecer sistemas de axuda económica (subvencións e exencións fiscais, etc.) para montes públicos conveniados ou privados orientados á conservación.

DÉCIMO PRIMEIRO.- Fomentar a creación de emprego, así como a estabilidade das persoas que traballen en labores relacionados coa multifuncionalidade do monte, xa que resulta fundamental para acabar cos lumes a revitalización económico/demográfica do mundo rural onde se localizan as grandes superficies forestais. Cómpre tamén profesionalizar a tarefas de prevención, detección e extinción mediante creación de emprego fixo e con plans especificos de formación.

DÉCIMO SEGUNDO.- Control do sector forestal centrado en aspectos como a extinción de incendios, a reforestación, o aproveitamento da madeira, a caza, o pastoreo, etc., co fin de que os seus beneficios non dependan directamente do aumento do número de incendios ou da superficie afectada.

DÉCIMO TERCEIRO.- Potenciar a creación de sectores industriais e empresariais que centren o seu traballo na conservación de masas forestais e na prevención dos incendios.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: