Skip to content

Pola recuperación integral do río Avia

04/06/2009

P6021185A seca dos amieiros no río Avia supera as nosas previsións para converterse nun problema global que está a afectar a toda a cunca Miño-Sil. Nesta última semán puidemos comprobar como as árbores mortas ou afectadas son moitas máis das que chegamos a calibrar nun primeiro momento, así mesmo, o seu radio de acción acada xa a todo o curso baixo e medio do río Avia, afectando tamén, ó río Arenteiro.

Coto do frade ben de recibir contestación da Confederación Hidrográfica Miño-Sil ó noso escrito, curiosamente esta circunstancia xa fora advertida noutras zonas do territorio galego, sendo as nosas hipóteses semellantes ás que barallan neste organismo; vulnerabilidade ante o ataque dalgún fungo, incremento do uso de fitosanitarios na agricultura, etc. Do mesmo xeito, científicos da Escola Politécnica Superior do Campus Universitario de Lugo, alertan desta situación facendo fincapé na acción do home e considerando que o problema afecta a espazos onde se realizaron acondicionamentos para paseos fluviais ou onde se rexistraron movementos de terras. Coto do Frade ven de constatar que estas apreciacións se quedan curtas ante a realidade dos feitos, e a seca de árbores está afectando tamén a espazos que non obedecen ás circunstancias expostas por este grupo de científicos. Neste sentido, Pablo Ramil, Director do instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural considera que o Fungo Phytophthora alni, é o culpábel desta seca masiva, facendo fincapé na pésima xestión realizada pola administración con podas e limpezas que orixinaron a propagación deste fungo entre outras circunstacias.

Dende esta Asociación estamos argallando diferentes actuacións para que as nosas demandas non fiquen no olvido, e se actúe con rapidez para evitar a morte biolóxica dos nosos ríos, poñéndonos a disposición dos organismos competentes. Do mesmo xeito, consideramos imprescindíbel, se executen tódalas actuacións pertinentes ante a gravedade da situación con total transparencia e sen ocultar á sociedade nengún dato por irrelevante que semelle.

.

Escrito remitido á Consellería de Medio ambiente, Territorio e Infraestructuras, Concello de Ribadavia e Confederación Hidrográfica Miño-Sil, era o 28 de Maio cando aínda nen imaxinabamos que a seca ía moito máis aló das nosas previsións.

Asociación Ecoloxista Coto do Frade, CIF G-32213456, e con enderezo a efectos de notificación no Apdo. de correos 32, 32400 Ribadavia, Ourense.

EXPóN

Remitimos o presente comunicado co ánimo de amosar a nosa preocupación pola degradación ambiental e paisaxística que se está a producir en ámbalas marxes do río Avia (franxa de vexetación riparia), no tramo que descurre entre a vila de Ribadavia (Ponte S.Francisco) ata a área recreativa de S.Crintobo. Un treito de 2,5 Km onde as árbores de primeira liña aparecen secas ou en proceso de degradación. Esta situación  afecta ás formacións arbóreas de Amieiro (Alnus Glutinosa), aproximadamente un centenar desta especie aparecen secas, sendo ó redor de medio milleiro as que se atopan afectadas en diferentes graos.

FEITOS

Esta situación vense producindo dende o verán do ano 2007, sendo o ano en curso cando se extende de xeito alarmante. No ano 2008, esta Asociación, tiña contabilizadas un total de 15 árbores afectadas nun treito que apenas acadaba 1 km e que afectaba á área recreativa de “A Veronza”, a relación que atopamos daquela viña dada polo movemento de terras que se fixera para aumentar a superficie desta área. A situación presente tira polo solo aquela apreciación para considerar que estamos ante unha enfermidade (fungos) ou ben garda relación con algún axente contaminante establecido nas augas do río Avia. Cabe sinalar, que no hipotético caso, non descartábel pola cantidade de exemplares afectadas e polo avance rexitrado neste último ano, de producirse unha seca masiva o ecosistema sufrirá unha transformación de consecuencias desastrosas (flora e fauna piscícola) podendo desencadear a deforestación da ribeira (o 70% da primeira liña de árbores está copada polo Amieiro).

Consideramos, que de non levarse a cabo ningunha actuación, a degradación continuará avanzando ata afectar a todo o curso baixo do río Avia.

● É importante aclarar o efecto das franxas de vexetación riparia en tódolos aspectos, ”a sombra que produce a vexetación riparia é determinante nas fluctuacións de temperatura das augas e cantidade de luz solar, afectando o crecemento das plantas que viven xunto ás canles, e consecuentemente ós peixes de auga doce e vertebrados que se alimentan de animais e froitos provenientes dos mesmos (Price e Lovett, 2002d; Boutin et ao., 2003).  Ademais, a vexetación que atopamos nas terrazas de inundación nos bosques riparios provén refuxio para peixes e outros animais que se atopan dentro do ecosistema acuático de maneira que non sexan arrastrados polas altas correntes que xeran as inundacións e crecentes dos ríos (Price e Lovett, 2002d; Boutin et ao., 2003)”.

● A perda de árbores nas marxes do río Avia incrementará a luz e a calor que chega ós cursos de auga, favorecendo o crecemento de algas nocivas e malas herbas que alterarán os ecosistemas acuáticos. Outra das cuestións a ter presente, é o feito de que actualmente atopámonos cun incremento das explotacións agrícolas (viñedos) onde se utilizan fertilizantes e herbicidas que se introducen na dinámica natural das nosas concas hidrográficas. A desaparición da vexetación situada no marxe dos ríos, aumenta os riscos asociados ó incremento da deposición de sedimentos e nutrentes nos cursos de auga; situación esta que loxicamente inflúe negativamente na vida acuática xa que os sedimentos que se verten poden sufocar o hábitat e incrementar en gran medida o crecemento de algas. Ademais, a remoción da vexetación riparia desestabiliza as barrancas  e incrementa significativamente o seu ancho, provocando así mesmo desprendimientos e derrubes das terras situadas nas marxes. A deforestación nestas zonas provoca tamén que a auga flúa a maior velocidade contribuíndo en consecuencia ó incremento das inundacións.

● En clara contraposición co que sucede na actualidade nas beiras do río Avia, resulta de suma importancia destacar que as áreas riparias deberían manterse inalterábeis e incólumes xa que estas provennos de diversos servizos ambientais como  a diminución na erosión das barrancas dos cursos de auga, mellóra na calidade do auga, ecosistemas sans, o mantemento da biodiversidade e dos cursos de auga, a disminución de pragas e crecemento algal, o mantemento do stock pesqueiro, o incremento no valor agregado, refuxio e microclima, a retención de nutrentes, a redución do nivel de auga, a desnitrificación, oportunidades para a diversificación, a recreación, o entretenimiento cultural e espiritual e o ecoturismo.

SOLICITAMOS:

Por todo o exposto, a Asociación Ecoloxista Coto do Frade, esixe se tomen as medidas pertinentes e se active un plan de actuación na área referida, solicitando un estudo que determine as causas polas que se está a producir esta seca masiva das árbores (Alnus Glutinosa) e se realicen as actuacións pertinentes para a recuperación do bosque ripario na área afectada (reforestación). Do mesmo xeito, esiximos toda a información das actuacións e medidas (necesarias) a realizar para a nosa colaboración e supervisión.

Sen outro particular e agardando unha resposta á altura das circunstancias expostas, aprovéitase para remitirlle un cordial saúdo.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: