Skip to content

Non á tala de árbores no río Avia

26/06/2009

Coto do Frade considera unha temeridade plantexarse unha tala das árbores mortas ou afectadas cando, a día de hoxe, non existe afirmación científica que avale as razóns polas que se está a producir esta seca masiva das árbores (Amieiro-Alnus Glutinosa), sendo a propia Confederación Hidrográfica Miño-Sil quen, no escrito remitido a Coto do Frade, ratifica esta afirmación.

P8252052Dende Coto do Frade queremos subliñar, que actualmente se barallan varias circunstancias que están a provocar esta desfeita ambiental e paisaxística, por unha banda, o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural, dependente da Universidade de Compostela, achaca como hipótese o avance do fungo Phytophthora Alni, un fungo que penetra polo aparato radicular das árbores e coloniza o seu sistema de vasos conductores ata provocar a morte dos exemplares, consideran, que as esporas deste fungo dispérsanse con facilidade polos cursos fluviais propagándose con moita celeridade. Outra hipótese ven dada pola propia Confederación Hidrográfica, considerando varios factores que determinan esta grave afectación; situación de estrés das árbores e debilitamento fisiolóxico por axentes contaminantes, as riadas do ano 2000, a acción de varios tipos de fungos que de xeito natural produce a propia árbore. En definitiva, ningún dato é concluinte, meras hipóteses que deben ser estudadas con profundidade antes de tomar unha decisión de tal embergadura.

No hipotético caso de que estiveramos a falar do fungo Phytophtora Alni, a tala das árbores podería causar efectos altamente perniciosos, dada a súa facilidade de propagación, os propios utensilios de traballo poden transportar as esporas para contaxiar ás árbores que non están afectadas. Outra das circunstacias negativas dunha tala masiva das beiras do río Avia, radica no estado de vulnerabilidade no que quedará o ecosistema fluvial ante unha riada (perda de solo pola erosión, caída de árbores sans que quedarían desprotexidas, etc). Por estas razóns, insistimos, a tala das árbores e posterior repoboación deben producirse baixo rigorosos criterios científicos e técnicos, baseados non en hipóteses, senón nas conclusións logo de levarse a cabo os pertinentes estudos, as veces, e peor o remedio que a enfermidade. Outra das razóns que manexamos dende Coto do Frade para rexeitar esta actuación inmediata, pode resumirse como un plantexamento congruente, non é lóxico repoboar as beiras do Avia con árbores da especie afectada (Alnus Glutinosa) cando descoñecemos (científicamente) as razóns da enfermidade, estariamos condeando á repoboación a unha morte segura.

Reiteramos, antes de calquera actuación téñense que clarificar as razóns, senón estaremos dando voltas de peonza e, tal vez, estragando aínda máis os nosos ríos para conducilos a unha situación de morte biolóxica.

Por outra banda, do seguimento que está a facer esta Asociación, queremos recalcar a gravidade na que estamos inmersos e alertar desta situación á sociedade e ás autoridades competentes poñéndonos a disposición das mesmas para colaborar na recuperación dos nosos ríos, sempre baixo criterios de lóxica e seriedade, que non conten con nós para actuacións como a presente.

Lembrar, que os efectos demoledores desta enfermidade son perceptíbeis en tramos de río que descurren polos Concellos de Ribadavia, Beade, Leiro, O Carballiño e Boborás, afectando xa a todo o curso medio e baixo do río Avia e o río Arenteiro.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: