Skip to content

Coto do Frade en Costa Rica

03/07/2009

Pois si amigos, nunha nova andaina do Coto achegámonos a Centroamérica, tendo a base de asentamento en Costa Rica, coa finalidade de axudar e aprender nun lugar tan rico coma este. Ó longo duns tres meses, aproximadamente, daremos conta das nosas reflexións e aprendizaxes neste lugar, co fin de teren unha visión global dos problemas medioambientais que están presentes en todo o mundo, ademais da axuda que pretendemos facer a distintas familias campesiñas.

O noso pensamento é moi sinxelo, visión global e traballo local como solución ós diferentes problemas medioambientais que se presentan no noso planeta, e que derivan, inevitablemente, en problemas económicos, sociais, culturais, terrritoriais…., inda que os nosos magníficos políticos non se den conta dunha realidade tan evidente pra nós.

SV102030A elección de Costa Rica, cuestión máis azarosa que elección propiamente dita, supón unha estupenda oportunidade de ver como se traballa en distintas organizacións, coma por exemplo JAZON (jóvenes agricultores de la zona norte), quenes nos están axudando nesta incríbel aventura. Ademais, Costa Rica, en comparación con outros países, queda bastante ben situada a nivel medioambiental, xa que ningún outro país ten tantas reservas biolóxicas e zonas protexidas en relación a súa extensión. Segundo o Ministerio de Medio Ambiente e Enerxía Costarricense, no ano 2003 o país tiña 256 áreas protexidas, e un 25% da súa superficie está catalogada como reserva ecolóxica ou parque nacional (dos cales falaremos algún día porque, crédeme, merecen a pena, cunha consevación e respetos reais, non só a nivel administrativo, como por desgraza ocorre no noso país).

Pero, como en todos lados cocen fabas (aquí chamada frijol), a república costarricense tamén ten problemas medioambientais, coma por exemplo a tala de árbores, coa conseguinte perda de superficie forestal e os problemas engadidos que dela se derivan (disto falaremos no noso primeiro artigo, a semana que ven), contaminación do solo por fertilizantes e pesticidas, tratamento deficiente dos residuos, cambio climático, fragmentación do hábitat, especies invasoras, redución da viabilidade xenética da poboación, perda da biodiversidade, especies ameazadas…, en fin, pra que seguir.

SV101747

Só unha reflexión sobre isto: se Costa Rica, un dos lugares considerados como de maior respecto á natureza, con varios premios e recoñecementos a nivel mundial, ten unha lista tan longa de problemas medioambientais, ¿que nos queda ós demais?. Con esta pregunta, que deixo no aire, despídome, agardando que a próxima semana visitedes a nosa web, non só pra seguir estas aventuras centroamericanas, senón tamén pra que estedes máis ó tanto dos problemas que acontecen na nosa comarca. Saúdos agrorrevolucionarios.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: