Skip to content

Os recursos forestais

13/07/2009

O estilo de vida actual fainos adquirir produtos que podemos calificar a priori de non necesarios, con todo, outros si o son, en maior ou menor medida, coma por exemplo as portas das casas, as propias casas, mesas e sillas, que habitualmente fanse de madeira. Ademais, esta madeira ten diferentes usos, coma antigamente pra calefacción ou pra cociña, uso que todavía está en vigor en diferentes zonas do noso país, as máis das veces motivado pola saudade da lembranza das nosas avoas e avós.

2O uso da madeira vense facendo dende tempos inmemoriais, agora ben, o uso que se lle daba antigamente nada ten que ver co abuso que se lle da hoxe en día. Gustaríame facer unha reflexión sobre o xeito que se lle dá hoxe en día á explotación madereira e a repercusión que isto ten no noso medio. Pra isto, é pra min un pracer, explicar como se fai un uso adecuado destes recursos, aquí en Costa Rica, grazas á familia Herrera, que emprega un sistema certamente sustentábel, ó meu parecer, con técnicas de antaño (emprego de bois) sen renunciar ós adiantos de hoxe en día (emprego de motoserra). Trala corta das árbores necesarias pra o uso requerido, perfílase o toro coa motoserra, servíndonos de guía a través das marcas deixadas por un tiraliñas. Unha vez que a torada queda limpa, procédese a sacar as táboas, da medida que se precise, grazas a un marco que se acaroa a motoserra. O grosor das mesmas, conséguese grazas a uns parafusos que se sitúan na altura axeitada pra tal fin.

A medida que van saíndo as táboas, vanse baixando polo monte cargadas no ombreiro, pero cando o toro é moi grande empréganse os bois para baixalo até o lugar no que se lle realicen os cortes finais pra obter a madeira rematada.

Unha vez rematada a madeira, ésta emprégase pra diferentes usos, neste caso parte serán pra facer unha serie de galpóns nos que imos comezar unha experiencia de abono orgánico (compost), xa que o que se pretende nesta finca é pasar todo á agricultura ecolóxica. Pero disto falaremos noutra ocasión.

1

Máis arriba falaba do uso adecuado destes recursos. A primeira vista pode parecer que é un uso un tanto indiscriminado, xa que se sube ó monte pra agarrar a madeira necesaria pro que nós precisemos, pero agora ven o segredo: esta madeira que se corta provén dunha árbore chamada melina, invasora neste país, que foi introducida no pasado procedente de Asia. Con esta práctica, ademais de obter a madeira necesaria pros nosos fins, conseguimos tamén limpar o monte dunha especie invasora. Nunca se corta unha árbore autóctona e nunca se corta unha árbore que non estea seca. Inclusive, podemos dicir, que hai unha previsión inicial de madeira necesaria pra non ter que levar madeira de máis, que podería ser cortada sen ser necesario. Os restos sobrantes da corta de madeira déixanse no monte co fin de seguir formando solo forestal e non deixar éste tan limpo, algo que ademais protexe das posíbeis avenidas de auga por mor de non ter o solo unha cuberta vexetal axeitada trala corta.

Pero como non é ouro todo o que reluce, temos que dicir que non en toda Costa Rica faise un emprego deste recurso dun xeito concienzudo. Máis ben é o contrario. Existe a tala ilegal, e máis grave que esta, existe unha tala ilegal dentro da legalidade, e me explico: en 1996 aprobouse a Ley Forestal que prohíbe transformar os bosques. Pra convertir un bosque en potrero (herba pra pasto), elimínase a vexetación menor, córtanse as árbores de escaso valor comercial e introdúcese pasto. Unha vez que o terreo mudou de aparienza, o responsábel solicita permiso ó Minae (Ministerio de Ambiente e Enerxía) pra aproveitar mellor as árbores, pero cando os funcionarios do Minae chegan pra facer un inventario forestal, atópanse cun potrero e non teñen cómo saber que iso, até fai pouco, era bosque e, entón, exténdenlles os permisos. A isto hai que sumarlle que, según datos do informe elaborado polo Centro Agronómico Tropical de Investigación y Enseñanza(CATIE) solicitado pola Comisión de Seguimiento del Plan Nacional de Desarrollo Forestal, nomeado La Tala Ilegal en Costa Rica, na súa páxina 46 destaca, que os infractores desta lei forestal, nun 95% dos casos, quedan impunes dos seus actos, por deficiencias e erros procesais (¿sóalles de algo?).

3Esta práctica ilegal é utilizada pra burlar as reglas impostas á explotación madereira en bosques, dado que a tala de áreas agroforestais, potreros e terreos agrícolas con árbores, é máis barata e menos restrinxida. Co cal, a Ley Forestal, consegue xusto o contrario do que nun principio plantexaba, algo moi semellante ó que acontece coas leis no noso país, nas que sempre se busca a trampa ou, simplemente, non se respecta, grazas á inutilidade da administración. Este é o verdadeiro problema das “políticas medioambientais” que, como vemos, non son só un problema da nosa terra, senon algo global, co que conseguimos, pouco a pouco, estragar o planeta debido á fraxilidade existente na interrelación entre ecosistemas. É que se un sistema biolóxico se estraga, o que está ó seu carón, xa lle queda menos pra desaparecer.

Esta tala indiscriminada de árbores proporciona grandes beneficios, pero en ningún caso queda nas comunidades, máis ben todo o contrario: os plans de manexo non deixan beneficios nos pobos rurais onde se aplican, pois a actividade forestal non xera postos de traballo nin de infraestructura. O que si deixa e a perda da riqueza ambiental, maiores ameazas á función ecolóxica de áreas protexidas e boscosas, aumento na tasa de deforestación e os seus efectos na erosión dos solos, contaminación e regulación das augas, perda da biodiversidade debido a unha maior fragmentación e illamento dos bosques cun incremento de ameaza de extinción de especies asociadas, lugares destrozados por camións e tractores…. Parece que tamén en Costa Rica, mexan por nós e hai que dicir que chove.

Saúdos agrorrevolucionarios.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: