Skip to content

Biodiversidade

25/07/2009

Dende fai xa unhas semanas véñome fixando nun feito que me fai recuperar a miña nenez: cando cae a noite, observo uns seres marabillos que van de aquí pra alá e pra acolá, voando como espíritos errantes que parecen non saber moi ben cara onde dirixirse. A semana pasada ocorreu un feito inaudito, uns destes espíritos, que alumean na noite, foise a pousar no chan da miña habitación, facendo imposíbel que puidese pegar ollo, motivado polo seu hipnotizante fulgor.

Falo dos coroceiros, máis coñecidos polo nome de lucecús ou vagalumes. Estos coleópteros, da familia dos lampíridos, poboan as noites costarricenses co seu resplandor onde, os machos, buscan con ansia ás femias, patrullando a noite na procura da súa parella, cun voo característico, namentres emiten secuencias escintileantes de luz, propias de cada especie. As femias respostan con escintileos característicos e así, o apareamento pode acontecer.

En Costa Rica, hai 80 especies perfectamente descritas e, moitas máis no centro e sur de América, con preto de 1900 especies catalogadas mundialmente. Na Galiza, apenas sabemos de dúas, a saber: Lampyris lusitanica, López Seoane (1866); Chapman & Champion (1907); Iglesias (1928); Otero (1974); Novoa et al. (1999), e Lampyris noctiluca; López Seoane (1866).

monarcaInda que son poucas as especies coñecidas deste coleóptero no noso país, si é moi importante a súa presenza. É que, como moitos outros tipos de insectos, estos nos serven de bioindicadores ambientais, pra saber a repercusión dos contaminantes sobre organismos vivos. Neste senso é de salientar a capacidade da abella, a través da cal podemos coñecer a cantidade de contaminantes coa que os organismos entran en contacto realmente. Estos insectos (himenópteros), teñen o corpo recuberto de pelos, o que propicia a captación de elementos contaminantes, ademais dunha gran mobilidade (até sete quilómetros cadrados), o que os sitúa no primeiro posto en canto a insectos indicadores de contaminación.

Como moitos de vós lembraredes, fai uns anos había unha enorme preocupación pola alta mortandade de abellas (coñecida como a síndrome do despoboamento masivo), tanto no noso país coma no Estado español e resto da Unión Europea. Esta preocupación, lonxe de diminuir, vai en aumento, inda que os medios de comunicación, ocupados a cotío en tarefas banais, xa non lle den a importanza que merece este problema de ámbito mundial. É que, pra nada, esta situación está revertíndose. Todo o contrario, como dato, cabe salientar que o ano pasado pereceron ó redor do 30 por cento dos 13,6 millóns de colmenas europeas, fiel reflexo do que acontece. No continente americano, esta diminución é dun 25 por cento, moi semellante ó que ocorre no Estado español, onde a mortandade das colmenas mantense en torno a un 25-30 por cento anual nos dous últimos anos (2007/2008).

Os motivos desta mortandade, tras varios anos de estudo, resultaron, por consenso da comunidade científica, como unha serie de factores que, combinados, expoñen de xeito exponencial a morte das colmenas. Concluíuse que, as condicións climatolóxicas que afectan ás floracións, teñen un efecto directo sobre as colmenas, pero ademais disto, o uso (e abuso) de pesticidas, xunto cos parásitos que se desenrolan tanto dentro como fora do sistema dixestivo das abellas, son a causa principal deste fenómeno.

o verme_2

Tamén o uso de monocultivos (xa que obliga ás abellas a consumir o polen dunha soa especie, na meirande parte dos casos insuficiente en nutrintes) e outros manexos “antinaturais” (que permitiron o avance de enfermedades como a varroa, un tipo de fungo, e unha carencia de diversidade xenética nas plantacións) en agricultura, considéranse como a causa preponderante deste feito, xa que poñen en risco a polinización. De feito, quen están en contacto máis directo coas abellas, os apicultores, culpan disto ós modernos métodos de cultivo e ós poderosos novos pesticidas que asulagan o noso territorio, dado que os cultivos, a través destes métodos non tradicionais, necesitan máis cantidade de agroquímicos e máis potentes, coma os empregados en transxénicos, cun potencial de toxicidade que supera, con moito, o que calquera outro tipo de organismo non modificado é capaz de tolerar.

O lector ávido, xa se daría conta de que un problema na polinización, non só pon en perigo o futuro das abellas, senon que ademais, pon en xaque o futuro da alimentación mundial, dado que un gran porcentaxe dos cultivos alimentarios, ó redor dun 35 por cento no caso de Europa, baséanse na polinización das abellas sobre eles. As abellas, liberan o néctar das flores e, ó facelo, permiten que o polen pase dunha flor a outra, o que favorece a fertilización e fai, en última instancia, que a froita medre, facendo posíbel a produción de sementes, polo que a súa desaparición implicaría unha redución de biodiversidade e da produción agraria.

nocturna_buhoFalando disto aquí, en Costa Rica, cóntanme que unha especie de abesouro chamado chiquisá (hymenoptera apidae bombus epiphiatus) é o polinizador dunha árbore que se atopa en toda Centroamérica chamada jícaro. Este abesouro gosta moito dun tipo de orquídeas (descoñezo o seu nome) e, indo primeiro a polinizar estas, despois, produce a polinización do jícaro. O problema está en que cada vez hai menos orquídeas e, polo tanto, menos chiquisá e, entón, a polinización do jícaro non se produce, co cal atopamos menos de estas árbores en estado salvaxe. Ademais, o froito do jícaro (empregado antigamene en toda Centroamérica como cantimplora) ten unha especie de tapa que, cando abre, permite a saída da semente, parecida a unha noz, que gosta moito ás lapas (aves) e a diferentes animais coma o tepezcuintle (roedor). Esta semente, unha vez que comeza a brotar, produce unha toxina que fai que ningún animal se achegue a ela e, así, pode brotar sen que a coman.

Ó igual que acontece cos lucecús, xa case non se ven bolboretas, nen as abellas pican ós nenos e nenas, xa non hai xoaniñas nos parques nin alamedas que disfrutar; os grilos, que tanto molestaban nas noites de verán agora escóitanse coma tímidos, semellando ás veces que nin están…

Albert Einstein afirmaba que “se desaparecen as abellas, en catro anos desaparecerá a raza humana. Sen abellas non hai polinización, nen plantas, nen seres humanos”. O que ven dicir Einstein é que, de seguires así, nuns cincuenta anos, imos comer hostias.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: