Skip to content

Hidrogiesta mata a centeares de anguías en A Peneda

27/07/2009

P7251590Coto do Frade presenta sendas denuncias ante o SEPRONA e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil contra a empresa Hidrogiesta, que nesta pasada fin de semán, sementaba de morte as augas do río Arnoia o seu paso pola Peneda. Centeares de anguías adultas foron engullidas pola canle das turbinas para rematar seccionadas ou reventadas pola presión. Dende Coto do Frade queremos resaltar que este feito é habitual nestas instalacións, o botón de mostra do que acontecerá no encoro de Frieira unha vez entre en funcionamento a nova central, todo o cauce do río Miño pasará polas turbinas ou ben polas comportas, o que vai a provocar a morte de tódalas especies que atravesen o encoro.

Esta é a realidade dos ríos galegos, en mans das empresas enerxéticas e ó desamparo das diferentes administracións con competencias ó respecto, unha auténtica dictadura que o sector impón a tódolos galegos para beneficio dunha elite vinculada ó poder político, nesta estafa democrática non se libra nin o apuntador do partido político de turno. Para sobrepasar o humano e o divino, o Partido Popular estuda a posibilidade, por descontado que así será, de por fin ó veto para construir máis minicentrais nos ríos galegos, lembrar que o señor Hernández, actual Conselleiro do Medio Ambiente e outras lerias foi todo un exemplo neste sentido co governo Fraga, chegando a aprobar 36 instalacións deste tipo sen planificación ambiental.

P7261617

Á Confederación Hidrográfica Miño-Sil

Asociación Ecoloxista Coto do Frade, CIF G-32213456, e con enderezo a efectos de notificación no Apdo. de correos 32, 32400 Ribadavia, Ourense.

Remitimos a presente comunicación para denunciar á empresa Hidro Giesta, que nesta pasada fin de semán levaba a cabo unha matanza de anguías adultas nunha das centrais que a empresa ten na zona de A Peneda (río Arnoia). Esta actuación enmarcada dentro do que consideramos un atentado contra o medio natural producíase entre o Venres e o Domingo, cando varios centos de anguías eran atrapadas na canle que leva ás turbinas da central e arrastradas a unha morte segura ó fallar, ou ben, non estar en funcionamento a barreira eléctrica coa que conta a presa e que evita a entrada de exemplares no circuito que leva ás turbinas.

FEITOS

O pasado Sábado día 25 de Xullo eramos alertados por varios pescadores da presenza de un número importante de exemplares de anguía mortas na saída da central máis próxima á desembocadura do río Arnoia en A Peneda, central xestionada pola empresa Hidro Giesta, que no seu proceso de turbinado arrastrou a un número importante  de anguías maduras ata as turbinas provocando a morte de varios centos de exemplares. Unha vez que varios membros de Coto do Frade nos achegamos ó lugar puidemos comprobar a realidade dos feitos, aproximadamente 30 exemplares de anguía adulta aparecían mortas na saída da central, sendo un número indeterminado, por centos segundo os pescadores, as que foron arrastradas pola corrente río abaixo. Teremos en conta, que a baixada dos exemplares adultos, se produce de xeito masivo en colonias formadas por varios milleiros de exemplares en ríos libres de osbtáculos artificiais (dígase presas ou encoros), dadas as circunstancias actuais dos ríos e a incidencia destes obstáculos o número é significativamente inferior, aínda que no caso que nos ocupa, poderiamos estar a falar de colonias que contan por centos o número dos seus exemplares. A situación da anguía é alarmante e próxima a extinción mentres se siga mantendo o estado da nula responsabilidade ante feitos como o que relatamos. De toda esta situación demos parte á Garda Civil de Cortegada, os cales se personaron no lugar e unha vez reflexada a nosa denuncia, nos comunicaron que a mesma ía ser remitida ó SEPRONA.

Os exempares de anguía mortas aparecián seccionadas, noutros casos, a súa morte  foi provocada por embolia gaseosa, efecto, este último, relacionado coa presión á que son sometidas as anguías unha vez que pasan polas turbinas.

DENUNCIAMOS

Como responsábeis directos dos feitos expostos á empresa Hidro Giesta, xestora da central en cuestión e responsábel do correcto funcionamento dos elementos disuasorios que eviten estas situacións. Ante a gravedade dos feitos, instamos á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a exercer as súas competencias e a tomar tódalas accións legais que sexan pertinentes contra a empresa Hidro Giesta, comprobar o correcto funcionamento das barreiras eléctricas, investigar se estaban en funcionamento cando se producen os feitos, e, no seu caso, obrigar á empresa á instalación de sistemas que eviten as circunstancias descritas.

Do mesmo xeito queremos reflexar a nosa indignación e repulsa ante a situación de desamparo na que se atopa a anguía e o nulo compromiso que as diferentes administracións competentes amosan diante da última especie migradora do río Miño, resulta paradóxico e contradictorio que sexan as propias administracións públicas quen, en diferentes casos  adoiten medidas para preservar especies ameazadas como o Lince Ibérico e o mesmo tempo, esas mesmas administracións, esquezan e, no seu caso, colabouren no exterminio de especies como a anguía.

Por todo o exposto agardamos, sexa atendida conforme á lei vixente a denuncia que presenta a Asociación Ecoloxista Coto do Frade na que se adxuntan fotografías tomadas os días 25 e 26 de Xullo de 2009.

En Ribadavia a 27 de Xullo de 2009

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: