Skip to content

Recursos enerxéticos

09/08/2009

SV104692Miro na miña casiña eiquí, en Costa Rica, e miro e volvo a mirar. E miro nas casas dos veciños e volta a mirar. E nas dos amigos, e nas de xente que nin coñezo pero que me saúdan con amabilidade, como se me coñecesen dalgunha cousa. E faise de noite e revolta a mirar. E mira que te mira vaise facendo máis noite e, nas casas dos veciños e veciñas, da xente que non coñezo e, na miña mesma, hai que prender a luz. E a luz faise. Pero non é unha luz calquera, non, é unha luz de baixo consumo. Si, si, unha luz de baixo consumo, desas que antes tardaban varios minutos en prender, pero que agora, cos adiantos existentes na materia, alcanzan o seu culmen de luz nuns poucos segundos.

Seica o goberno español anda estes días regalando na Galiza un cupón, que ven coa factura da luz, pra canxear nas oficinas de Correos por unha lámpada de baixo consumo. Uns 22 millóns de lámpadas de baixo consumo pretenden regalar no 2009, a razón dunha bombilla por fogar neste ano e outra máis no 2010. Total: 44 millóns destas lámpadas serán regaladas ás familias no Estado español.

Según datos do propio Ministerio español (o de industria para seres máis exactos), só un 11% destas lámpadas foron recollidas na Galiza. Na comunidade madrileña, só un 8% destas lámpadas están xa nos fogares e no resto de comunidades non se chega en ningún caso ó 50% de recolección. En total, dos vales repartidos, só se retiraron, polo de agora, unha cuarta parte das bombillas de regalo.

Di o goberno que se adianta, ¿que se adianta a que?, pregúntome eu. Eles din que se adiantan ó calendario previsto pola unión europea pra supresión paulatina das lámpadas incandescentes (as de toda a vida), que deixarán de comercializarse no 2012. A min paréceme ben, mellor dito, moi ben. Non só polo aforro que isto supón, non só pros fogares, senon pro medioambiente en xeral. Unha destas lámpadas consume entre un 50 e un 80 por cento menos de enerxía que unha lámpada convencional, dado que as incandescentes transforman máis da metade da enerxía en calor, e non en luz. Ademais, duran como unhas dez veces máis inda que, e aquí o problema, custan polo menos unhas cinco veces máis que as convencionais. Outra das cousas que ocorren é que o considerarse de baixo consumo e que contaminan pouco, podémolas deixar toda á noite acendidas, isto é algo que eu vexo cada día o meu redor neste país centroamericano e que non deixa de abraiarme, a moita concienza que se está tendo a hora de empregalas pero a pouca cabeza que se ten pra darlle un uso totalmente adecuado.

SDC12536Pero temos máis problemas, o consumidor ou consumidora trata de aforrar, si, máis en cartos que en enerxía propiamente dita, pero que ó fin de contas ven sendo o mesmo. O que ocorre é que a enerxía ten que vir dalgún sitio. ¿E cal é a resposta en Costa Rica para a obtención de enerxía?: minicentrais. Supoño que vos soarán de algo. Minicentrais hidroeléctricas que os que saben, ou supoñemos que saben, din que son un recurso medioambientalmente sostíbel. E a min dame a risa. Si, estou dacordo, as minicentrais hodroeléctricas, en comparación con outro tipo de enerxías, basicamente as de orixe fósil, non son tan agresivas en canto ó quecemento global, diminución da capa de ozono, acidificación, metais pesados ou substancias carcinóxenas. Tamén, suponse, deixan menos residuos (dependendo bastante de quen e como se fagan, por suposto, inda que aquí tamén me volve a dar a risa) e non producen radiacións ionizantes.

Ista é a cara amábel, a que promociona este tipo de centrais como un recurso viábel á hora de crear enerxía. Pero isto é máis ben teoría. A práctica é ben distinta. Cóntanme aquí que xa non se pode ir pescar ós ríos, bom, si se pode, pero á volta é mellor pararse no mercado se queres ter algo pra cea porque, o máis probábel, é voltar coas mans valeiras. É que unha vez plantada unha minicentral nun río, toda a vida existente en torno a ésta queda mermada.

SV104686

Pra evitar que a fauna, eminentemente piscícola, do río non sufra os inconvintes da súa explotación por parte destas centrais e minicentrais, créase o malchamado caudal ecolóxico. Isto non é máis cun regatiño que se deixa cun caudal mínimo pra tratar de asegurar a vida nos ríos, pero isto ten moitos problemas. O caudal ecolóxico, que ten que ser o 10% do caudal medio anual, é o que se aplica actualmente nos ríos galegos. Este caudal pretende ser unha solución pra sobrevivencia de especies autóctonas. O que ocorre é que as especies que empregan a migración pra reproducirse (salmónidos como a troita, anguía…) vense estimuladas por un caudal grande. Este dez por cento é insuficiente en tódolos casos, máis cando non se teñen en conta as singularidades propias de cada río. A resposta sería saber o que se quere protexer e, en función disto, calcular o caudal de auga necesario. Ademais, os macroinvertebrados, son a fonte de alimento dos peixes e un caudal mínimo acaba con eles.

SV102136A desviación no caudal produce cambios no substrato, na calidade físico-química das augas, aumento da temperatura…A subida e baixada de caudal, segúndo a demanda eléctrica, provoca unha falla na osixenación das augas e nos cauces río abaixo, o que provoca a mortandade de moitas especies ó non poder soportar estos continuos cambios de nivel e pola eutrofización das augas (exceso de nutrintes en relación á cantidade de auga, o que provoca un crecemento anormal dalgunhas plantas acuáticas. Cando estas algas morren, debido ó proceso de putrefacción, consúmese gran cantidade de osíxeno e as augas deixan de ser aptas pra a meirande parte dos seres vivos). A auga embalsada termina con todo tipo de bosques, na súa meirande parte bosques autóctonos (unha destrucción xa difícil de remendar) e coas especieis animais relacionadas con estes. Ademais da alteración dos rexímenes hídricos, altéranse as beiras e prodúcese o efecto de barreira ou trampa, que supón pra os anfibios as canles de derivación de auga, estos cambios de caudal afectan tamén a pequenas pozas onde as píntegas, rás e tritóns realizan as súas postas e teñen os seus habitats. A posta de escalas pra especies migratorias é insuficiente e, en moitos casos, ridícula, como a colocación do ascensor, tan coñecido por nós, no encoro de Frieira, que a quen beneficia son ás distintas especies de arácnidos que alí se pousan pra vivir con total tranquilidade. É que estas escalas deberían servir pra que a fauna da zona poida remontar este gran obstáculo e non simplemente pra cumplir co expediente.

Non esquezamos tamén a contaminación directa durante anos por mor das obras pra realización da minicentral, ademais do forte impacto visual que ésta supón, maquinaria pesada, explosivos, tala indiscriminada de árbores coa conseguinte fuxida de especies de alto valor biolóxico e, en ocasións, de especies protexidas. Movementos de terras e escombros, que en ocasións caen no río (ou os botan directamente, hai que abaratar costes, amigos). Pistas e máis pistas tanto pra circulación como pra instalación de torretas pros tendidos eléctricos… Podería seguir, pero me canso.

Os que non se cansan, pero de amasar cartos, son os responsábeis das empresas a quen se lle adxudican estas explotacións, quen, rascando un pouco o averiguaredes, casualmente soen ter algún tipo de relación, familiar ou de amizade, cos mandatarios de turno que as conceden. Parece que agora vóltase a levantar o veto imposto polo anterior goberno galego en canto a estas concesións hidroeléctricas. O novo, Agustín Hernández, entra con forza. Inda que non tan novo: o fulano este xa fora presidente de Augas de Galicia e, nun periodo de tres anos (setembro de 1998- febreiro 2002), aprobou 36 concesións hidroeléctricas, sen desenrolar o pertinente estudo de planificación ambiental previo. Unha xoia o novo conselleiro. Non nos queda nada.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: