Skip to content

FEG, supresión do Plano Eólico

13/08/2009

800px-Parque_eólico_desde_Tineo

Coto do Frade como grupo integrante da Federación Ecoloxista Galega aproba a resolución da permanente amosando tamén a súa satisfacción pola anulación do plano eólico que pretendía o governo anterior. Dende Coto do Frade queremos recalcar que calquera inciativa deste tipo, independentemente do ámbito que abarque, terá sempre que contar coa participación dos axentes afectados, ser socialmente xusta e respetar o patrimonio cultural e medio ambiental da nosa terra.


A Federación Ecoloxista Galega recibe coma boa nova a decisión da Xunta de Galicia de paralizar a adxudicación dos 2.325 MW, que quixo repartir o  anterior goberno da Xunta aproveitándose de resortes legais do Plano Eólico da era Fraga, e polo que se permitía que setenta oito parques eólicos non fosen sometidos á normativa europea de Avaliación Estratéxica Ambiental.

Cabe recordar que a FEG xa presentara no seu día un recurso no que se pedía a anulación e suspensión preventiva da orde do 6 de marzo de 2008 sobre a tramitación de parques eólicos. A concesión eólica pretendida pola anterior Consellería de Industria, liderada polo BNG, no caso de se consumar acadaría un grao de impacto ambiental e paisaxístico que sorprendería e incluso, horrorizaría á maioría dos galegos no caso de comprobar os seus efectos sobre o  territorio e que se sumaría ao xa creado durante a era Fraga e que tanto criticara o BNG.

Neste sentido, a FEG agarda que o afán revisionista da nova Xunta en materia eólica continúe e se estenda ao que foi o triste xerme da planificación eólica de Galicia, é dicir, á carencia de sensibilidade ambiental, á desmesura, á falla de transparencia das concesións e á especulación enerxética.

A FEG agarda “novos aires” no xeito de entender a aposta polo desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia, que comece co estudo e aprobación dun novo Plano Eólico baseado en criterios de responsabilidade e que teña en conta o verdadeiro valor das montañas e serras galegas, que son o berce do patrimonio rural, cultural, e ambiental do noso territorio.

A FEG solicita un novo Plano que :

a) se someta á Avaliación Estratéxica Ambiental, o que suporá integrar o deseño e ocupación eólica dunha maneira máis belixerante no territorio, tendo en conta outras ferramentas legais aplicábeis coma son os plans de conservación da Rede Natura, a Directiva de Hábitats 92/43/CEE da conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, a Directiva de aves (Directiva 79/409/CEE do Consello, de 2 de abril de 1979, relativa á conservación das aves silvestres), a Lei 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, o Decreto 88/2007 do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas, ou a Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

b) contemple expresamente un capítulo coa designación de ÁREAS DE EXCLUSIÓN por motivos ambientais e culturais (espazos naturais, Camiño de Santiago, paisaxísticos, etc) no que se inclúan os espazos naturais aínda non incorporados á Rede Natura 2000.

c) Incorpore o PRINCIPIO DE CAUTELA ou de precaución, no que cada posíbel concesión eólica veña acompañada dunha avaliación de opcións alternativas menos prexudiciais asentadas en principios de sustentabilidade e de PARTICIPACIÓN CIDADÁ que permita a selección da opción máis vantaxosa, sempre baixo criterios de reparto máis xustos e transparentes.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: