Skip to content

Vertido ó río Verdugo

23/08/2009

005D7ALA001_1Espuma tóxica arrasa durante a pasada fin de semán o río Verdugo ó seu paso por Pontecaldelas até a súa desembocadura. Non se trata dun feito illado, pois o Verdugo sofre vertidos tóxicos recorrentes procedentes da EDAR de Ponte Caldelas. A vertedura durou máis de 12 horas continuas sen que ningunha Administración fixese nada.

.

NOTA DE PRENSA EMITIDA POLA FEG

A FEG pide na denuncia presentada ante a Fiscalía de Medio Ambiente que investigue e que determine o risco da vertedura e que proceda a sancionar aos responsables.Amais tamén solicita na denuncia que investigue o tempo que se levan producindo os vertidos, que garantías reúne a EDAR e a súa xestión, e como actuaron as institucións con responsabilidade durante todo este tempo.

O máis grave é que estas verteduras son cíclicas e repetidas dende a Estación Depuradora de Augas Residuais, aínda que a da pasada fin de semana superou a tódalas anteriores. Sabemos que o río Verdugo alberga cíclicos vertidos espumosos que por onde pasan provocan unha alteración drástica de pH provocando unha elevada mortaldade de fauna até a súa desembocadura. A procedencia do que podemos denominar escapes tóxicos parten da EDAR de Ponte Caldelas e, dado a súa natureza cíclica e recorrente, estes escapes teñen relación cos produtos químicos que se empregan na mesma EDAR.

Así lévanse rexistrando durante moitos meses episodios recorrentes de contaminación xusto augas abaixo da EDAR de Ponte Caldelas, sospeitando que os vertidos poden provir de lixiviados ou deterxentes procedentes desta estación de augas.

A FEG denuncia a pasividade da Consellería de Medio Ambiente (en concreto da desidia e preguiza do Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra) e de Augas de Galicia, aos que non lles resulta descoñecido este problema, mais non fixeron nada por solucionalo, e lamentamos que se teña chegado agora a un grande escape tóxico que arrasa a conca media e baixa do río.

Esta contaminación recorrente orixina unha importante degradación dos valores naturais da conca do río Verdugo, pon en perigo a calidade das súas augas, atenta contra a súa biodiversidade diminuíndo as poboacións de troitas e outras especies como o salmón, e incluso pode resultar nociva para os bancos marisqueiros presentes na Enseada de San Simón, espazo que forma parte da Rede Natura 2000. Calculamos que o río non volverá ás súas condicións normais despois dun período de 4-5 anos, ao afectar o escape aos microorganismos e pequenos invertebrados dos que dependen os peixes do río.

Este feito quizais é máis grave ao ter en conta que Pontecaldelas forma parte do Núcleo de Sostibilidade da Comarca de Pontevedra, onde estes feitos deberían simplemente non existir e contar amais cun protocolo de actuación para solucionalos. Amais ao constituír un feito recorrente non entendemos como non se fixo nada antes.

Anxo Saborido, vogal de ríos e augas continentais da FEG

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: