Contaminación das augas
A especie humana, dende tempos inmemoriais, tratou de canalizar, almacenar e trasvasar auga con fins de salubridade pra as súas poboacións. Ocorre que cando as poboacións empregamos esta auga pra nosa salubridade, rematamos coa salubridade da mesma auga utilizada. Ademais, a través destas accións, modificamos o ciclo natural da auga, con empregos abusivos da mesma que se perden pra non volver a recuperarse. Probabelmente, de seguires así, os problemas de erosión por falta de choivas e a falta de augas pros regadíos e mesmo hortiñas propias, sexa un problema en aumento en anos vindeiros.
No anterior artigo falamos, moi por riba, da eutrofización das augas. As augas xabonosas, que proveñen de fregadeiros e lavadoras, conteñen en exceso nutrintes e materia orgánica que, como dixemos, provocan unha diminución de osíxeno, coa conseguinte perda de calidade das augas e que, ademais, se ve alterada en canto o seu sabor e olor. Outro aspecto moi importante, en canto ó contido de materia orgánica se refire, é a formación duns compostos chamados “trihalometanos”, que son compostos orgánicos volatis que xorden da reacción da materia orgánica que se transporta na auga sen tratar co cloro que se emprega nas plantas potabilizadoras pra a súa desinfección.
Estos compostos, trihalometanos, inxeridos en exceso, provocan danos hepáticos e renais e, segundo a Axencia Internacional do Cancro, son “potencialmente canceríxenos” (fundamentalmente dous dos compostos que se forman: cloroformo e bromodiclorometano), estando relacionados con cancros de colon, veixiga, pulmón e mama, ademais de problemas durante o embarazo como abortos ou retardo na maduración do feto. O límite imposto polos expertos en canto a cantidade destes compostos na auga potábel é de 100 microgramos por litro, sendo éste o tope imposto pola Unión Europea. Pero a directiva do Estado español, que segue Galiza, é de aumentar perigosamente este límite até os 150 microgramos por litro (o que supón un incremento dun 50 por cento), que ademais é superado en moitas zonas, como na conca do Llobregat (que abastece a boa parte de Cataluña), Cáceres, Cidade Real, Alacante, Ávila, Murcia…Na provincia de Ourense superouse, segundo un estudo do ano 2005, a cifra imposta pola directiva comunitaria.
Este problema xa ven de tempo atrás e unha das solución consiste en instalar filtros de carbón nas plantas potabilizadoras. O que ocorre, según a OCU, é que moitas destas plantas xa dispoñen destes filtros, pero ou ben non os empreñan, ou ben non teñen o manteñemento axeitado. Un problema de saúde comunitaria que nun país como Costa Rica, nas súas zonas rurais que son moitas, soluciónase dun modo ben distinto. Falo do emprego de bioxardiñeiras que poden utilizarse en réxime pechado reciclando a auga que se utiliza pra fregar e que, tralo paso por estas bioxardiñeiras, pódese empregar pra regala horta.
.
Pra coñecer máis sobre o funcionamento destas, ollade arquivo PDF, onde podedes observar a utilidade e fácil implantación das mesmas, grazas á actividade biolóxica do “lirio da esperanza” ou “jacinto de auga” (Eichornia crassipes). Estos lirios logran filtrar augas contaminadas mediante a súa asombrosa capacidade de absorción dos contaminantes que lle permite purificala auga tomando dela o chumbo, mercurio, deterxentes, e outras substancias, inclusive hidrocarburos. Animádevos a facer unha experiencia deste tipo. A nosa saúde e a do medio está nas nosas mans.
Os comentarios están pechados.