Skip to content

A FEG reclama activar a Rede Natura

03/09/2009

A FEG considera moi urxente activar e aprobar tódolos mecanismos legais que amparan esta figura de protección para poder planificar axeitadamente a xestión do territorio. Nestes momentos a Xunta de Galicia está a obviar totalmente a Directiva 92/43/CEE de Hábitats, marco legal da Rede Natura 2000, amais de esquecer aspectos moi importantes no seu articulado.

A FEG quere saír ao paso das declaracións da conselleira do mar que dixo que “as plantas de acuicultura son de lo poco que se puede hacer en Red Natura”, salientando que a devandita interpretación escapa totalmente do recollido en varios dos artigos da Directiva de Hábitats. Amais, dado o retraso que leva a aprobación da Rede Natura 2000 en Galicia, neste momento nin tan sequera é posible determinar exactamente que podemos facer dentro da nosa Rede Natura ao non contar cos Planos de Xestión e Conservación. Antes de aprobar os proxectos de mega-piscifactorías (por exemplo a suposta de Touriñán) queda por realizar todo un traballo de documentación que aclare que pasa con cada espazo Natura, estabelecendo como se adaptan os planos e programas a estes, e como se adaptan os proxectos concretos a cada lugar Natura e aos seus hábitats prioritarios.

Asemade, a FEG pide a anulación do Plano de Acuicultura do PP ao abeiro do exposto na sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pola súa falla de valoración ambiental, e dado que a maioría dos proxectos aparecían en espazos da Rede Natura 2000 obviando polo tanto o principio de cautela ao que se refire a propia Directiva de Hábitats. Análise moi negativa da situación da Rede Natura en Galicia.

A FEG ve demasiada desprotección, desentendemento, despreocupación, falla de rigor, escepticismo político e un inxustificable descoñecemento por parte dos organismos máis directos en velar pola aplicación da Rede Natura 2000, circunstancias que levan á súa debilidade dende a súa xestación hai xa unha década.

A FEG considera preocupante que a xestión da Administración se teña sustentado en actuacións erráticas, provocando que Galicia chegue tarde e mal ao proceso de aprobación da Rede Natura 2000, transmitindo unha sensación de que a devandita figura supón unha grande pexa.

A FEG critica o escaso empeño institucional posto no éxito da Rede Natura, tendo en conta que a situación do medio natural galego é moi delicada, cando se está a incrementar progresivamente a degradación ambiental do seu territorio, con irreversibles danos para a biodiversidade.

A FEG lembra que Galicia, cun 11,65 %, é a comunidade autónoma con menor porcentaxe de superficie do seu territorio incluída na Rede Natura, moi por debaixo do 26,6 % da media estatal. Tamén lembramos que xa no ano 2002, a FEG presentou un informe á UE e á Xunta de Galicia onde se enumeraban os novos espazos para a ampliación da Rede Natura. Así, resulta inaceptable que despois de que a Unión Europea xa teña revisado e ampliado por dúas veces as súas listas da Rede Natura 2000 (Decisión 2008/23/CE e Decisión 2009/96/CE, dando así cumprimento as súas esixencias de ampliación das propostas máis insuficientes) en Galicia teñan transcorrido 5 anos sen se ter feito nada tanto na agardada e necesaria ampliación, como na aprobación dos Planos de Conservación que culminan o proceso de designación das Zonas de Especial Conservación da Rede Natura 2000.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: