Skip to content

A FEG ratifica o traballo de Coto do Frade

25/09/2009

P8252048A Federación Ecoloxista Galega ratifica os plantexamentos de Coto do Frade  e insta a CH Miño-Sil a dar explicacións e informes xustificativos das actuacións realizadas esixindo un plan específico de recuperación da vexetación de ribeira que permita restaurar as zonas afectadas pola seca dos amieiros. Logo das denuncias pola tala indiscriminada que a Confederación Hidrográfica levou a cabo na zona de A Quinza así como, as labouras de desbroce perpetradas polo Concello de Ribadavia, dende a Federación, tamén, amósase o mal estar pola agresiva actuación sen ter en conta negún criterio técnico e científico á hora de levar a cabo os traballos.

(Compostela, 24/09/2009) A Federación Ecoloxista Galega lamenta o nulo respecto polos ríos amosado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, alén de diversos concellos do Ribeiro. Os ecoloxistas denuncian que a tala masiva de ameneiros, realizada sen ter en conta ningún criterio técnico ou biolóxico, vai empeorar a saúde dos cursos fluviais desa bacía. A FEG tamén apoia publicamente o traballo informativo e de denuncia desenvolvido por Coto do Frade.

Durante a primavera e verán do 2009 un andazo afectou a milleiros de ameneiros (Alnus glutinosa) na bacía do Miño-Sil. Aínda sen coñecer a causa exacta desa mortandade, a principios de verán a C.H. Miño-Sil, amais de diversos concellos da bacía, levaron adiante medidas de eliminación de árbores mortas ou doentes no río Avia. Estas actuacións, realizadas con criterios que a día de hoxe non son públicos e empregando maquinaria pesada, poden agravar este andazo, xa que os movementos de terra xunto coa ausencia de medidas hixiénicas (desinfección das ferramentas de tala) favorecen a dispersion do fungo Phytophtora alni, patóxeno que foi isolado en mostras de árbores mortas no Ribeiro.

A FEG quere lembrar que a vexetación de ribeira contribúe a mellorar a saúde dos ríos. Nomeadamente, as árbores contribúen a fixar as marxes do río, regulan a chegada de auga de escorrentía aos cursos e reducen tamén a velocidade das augas, polo que a eliminación masiva e caótica de ameneiros vai empeorar a calidade das augas e os efectos das enchentes do vindeiro outono.

A FEG reclamará na vindeira xuntanza da C.H. Miño-Sil explicacións e informes xustificativos das actuacións realizadas e esixirá un programa específico de recuperación da vexetación de ribeira que permita recuperar as zonas afectadas por talas masivas. Aliás, a FEG pedirá á Confederación que se constitúa unha Comisión de seguimento do andazo dos ameneiros.

Finalmente, a FEG, e os 17 grupos que a forman, queren apoiar e sumarse ao traballo de información e denuncia que está a levar adiante no Ribeiro o grupo Coto do Frade (integrante da Federación) con motivo da mortandade de ameneiros e as actuacións agresivas da C.H. Miño-Sil e o Concello de Ribadavia.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: