Skip to content

O Ribeiro do silenzo

22/10/2009

Image3113As infraestructuras hidráulicas no Ribeiro superan tódolos preceptos elementais se atendemos a un marco de xustiza social como eixo que debe tutelar unha sociedade do seculo XXI, a circunstancia actual amosa unha comarca sometida ó poder da industria enerxética. Unha situación límite e ambientalmente insostíbel que nos ten que levar á reflexión, a totalidade dos ríos no Ribeiro con caudal mantido (constante), a excepción do noso benquerido Maquiáns, son explotados pola industria do sector ou ben, están pendentes de selo. Esta indisposición (descompostura por decreto) non revirte na poboación local; abaratamento das facturas, creación de postos de traballo, mellora do servizo ou retribución de beneficios.

O prezo que pagamos os veciños desta comarca é demasiado elevado, apenas chegamos a consumir o 7% da enerxía que producimos, o deterioro ambiental e paisaxístico provocado pola industria do sector enerxético ven marcado pola modificación do réxime hidrolóxico dos nosos ríos, cambiando os parámetros físico-químicos das augas; velocidade das correntes, profundidade, morfoloxía dos cauces, anchura do leito, concentración de sustancias e temperatura das augas. Ditas accións estimulan a transformación da flora e da fauna asociados ós cauces fluviais, a práctica desaparición dos salmónidos é unha realidade no Ribeiro, o debilitamento das especies autóctonas  que está a levar ó río Avia á perda da vexetación riparia e outro factor determinante.  A colonización de especies invasoras (Eichhornia crassipes, Senefio mikamioides, Fabaceae mimosoideae) identificadas por esta Asociación nos cauces dos ríos Avia, Arenteiro, Maquiáns e Miño veñen a pechar o círculo, a confirmar a degradación absoluta do noso entorno.

silencio

O Ribeiro está colonizado por señoritos e vividores que confiscan o dominio público hidráulico, secuestran as nosas augas, privatizan os nosos ríos e prostitúen a nosa cultura. Ó amparo dun poder político corrupto, a industria cébase tal que un porco a nosa conta, cunha renta per cápita semellante a de Afganistán os aboríxenes do Ribeiro temos que aturar catro torretas de alta ou media tensión por veciño, unha central hidroeléctrica por pesebre e cableado suficiente para trazar unha liña torta dende o centro da terra ata a lúa.  Esta é a nosa realidade, a nosa lamentábel actuación neste teatro chamado vida intelixente. O telón está a punto de baixar, os actores apuran as últimas frases ante as bancadas valeiras, ante a cegueira colectiva. Non hai ovacións, o Ribeiro do silenzo.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: