Skip to content

Residuos, unha realidade molesta na sociedade de consumo (Informe)

27/10/2009

1.Unha realidade molesta na sociedade de consumo

residuosAta o século XVIII a actividade humana apenas ofreceu problemática algunha dende o punto de vista medioambiental, a xeración de residuos era asimilada polos ciclos naturais, nembargantes, xa se plantexaban os primeiros problemas cando a falla de planificación na recollida dos residuos en núcleos urbáns masificados foi causa de epidemias e pragas que tiveron un impacto tremendo na poboación. A finais deste século, o desenrolo da ciencia e da tecnoloxía marcará o nacemento da Revolución Industrial, xorden novas actividades e se desenrola extraordinariamente o comercio, a explosión demográfica e económica se manifesta no imparable desenrolo da urbanización. Nesta época se comeza a arbitrar as primeiras medidas con vistas a tratar tecnicamente o incipente problema dos residuos, os resultados dos novos procesos productivos xa non son asimilados en térmonos naturais polos ecosistemas. Pero é a partires do século XX cando o problema comeza a tomar proporcións críticas e a xerar un gravísimo impacto no medio ambiente, a expansión da economía baseada no consumo, na cultura do usar e tirar, e os avances técnicos experimentados fundamentalmente na segunda metade deste século, nos conducen a unha realidade molesta que a sociedade de consumo non pode obviar.

Resulta tremendamente sinxelo mirar cara outro lado dende o ponto de vista da sociedade, o problema deixa de ser tal cando o camión do lixo recolle cada noite o que producimos, sen importar demasiado o seu destino e sabendo que á noite seguinte o servizo de recollida voltará a liberarnos das nosas miserias. Do mesmo xeito, resulta complacente para a sociedade acomodada criminalizar os residuos cando o problema do seu tratamento se traslada a súa comarca ou cidade. Argumentando problemas sanitarios, socio-económicos ou estéticos,  pretendemos librarnos desta pesada carga para que sexan outros os que solucionen o problema. Dende a perspectiva ecoloxista, apostamos polo achegamento dos residuos, é dicir, pola xestión en orixe dos mesmos por medio da creación de plantas comarcais que asuman a súa cuota de responsabilidade, sen esquecer o fundamental, establecer dende a sociedade un modelo fundamentado nas políticas de reducción dos residuos e na reutilización dos mesmos, en definitiva; consumo responsable e conciencia ante o problema.

A actividade humana é potencialmente susceptible de producir residuos, na Galiza podemos destacar pola súa importancia e o seu volume os residuos agrícolas, seguidos polos producidos na actividade mineira, os derivados da industria, os residuos sólidos urbáns e finalmente os derivados da producción de enerxía. Hai que observar que os residuos derivados das actividades agropecuarias constitúen a fracción maioritaria, pero son os producidos pola industria e a producción de enerxía os que teñen un maior impacto potencial sobre o medio ambiente. É destacable a producción de inertes polo volume que representa, son residuos non perigosos que non experimentan transformación algunha, sexa física, química ou biolóxica. Polo contrario, unha soa pila de óxido de mercurio é capaz de contaminar 2 millóns de litros de auga. O volume do residuo, polo tanto, non é directamente proporcional á perigosidade do mesmo.

.

.

2. O vertido incontrolado no Ribeiro

p2220072Durante os últimos anos a Asociación Ecoloxista Coto do Frade ven denunciando o abuso constante que sofre o noso entorno, iniciativas de todo tipo e forma tentaron por tódolos medios rematar con esta lamentable situación, plantexamentos de carácter xudicial (denuncias ante o SEPRONA ós Concellos de Melón, Ribadavia, Carballeda de Avia e Arnoia), limpeza de vertedoiros e beiras do río Avia, así como, diferentes comunicados de prensa e denuncias públicas. A presentación do dossier “Vertedoiros incontrolados no Ribeiro” supuxo mostrar esa realidade molesta, un total de 79 puntos negros aparecen espallados ó longo da xeografía destas terras, preto de 50 hectáreas onde atopamos residuos con diferentes características que gardan relación co espazo que ocupan.

2.1 Actualidade insustentábel

Na actividade da construcción xenéranse grandes cantidades de residuos. A maior parte (80%) destes residuos son restos cerámicos, áridos e formigón, o restante 20% inclúe asfalto, metais, madeira, plástico, papel e tamén diferentes materiais tóxicos e perigosos como o amianto (xerador de enfermidades relacionadas co aparato respiratorio). No Ribeiro, unha parte importante dos vertedoiros incontrolados obedecen a estas características, residuos da construcción e demolición (RCD) que rematan espallados pola nosa xeografía e que finalmente se completan con todo tipo de residuos incluíndo os perigosos (baterías, recipientes agroquímicos, aceites de automoción ou compoñentes electrónicos). A construcción dunha pranta de xestión de RCD de titularidade pública no Concello de Leiro debe ter en conta esta realidade, amén de significar o principio na xestión dos RCD na nosa comarca, ten que representar a erradicación dos vertedoiros existentes na actualidade.

O problema dos vertidos incontrolados non é unha cuestión simplemente de orixe estético que agranda o feismo da comarca, as filtracións á capa freática  por tóxicos e as augas de escorrentía que rematan por envelenar os acuíferos ou as condicións meteorolóxicas adversas (forte vento, altas temperaturas, fortes choivas, etc)  contribúen a unha contaminación que demos en chamar silenciosa. O ecosistema presenta graves transformacións para combater esta realidade (aparición de especies animais e vexetais adaptadas a estas condicións e, en ocasións, fonte para a proliferación de procesos infecciosos).

2.2 Relación de residuos perigosos que aparecen de xeito incontrolado no Ribeiro.

  • Aceites minerais. Procedentes do sector da automoción.
  • Baterías de vehículos.
  • Residuos de material electrónico. Teléfonos móbiles, ordeadores, etc.
  • Electrodomésticos de liña branca. Poden conter CFC, perxudicial para a capa de ozono.
  • Medicamentos.
  • Pilas.
  • Productos químicos en forma de barnices, colas, disolventes, etc.
  • Residuos agroquímicos. Maiormente envases plásticos contaminados.
  • Lámparas fluorescentes.

.

.

3. Os residuos sólidos urbáns (RSU)

oEn Galiza a producción de residuos sólidos urbáns se multiplicou de xeito alarmante nas últimas dúas décadas, se nos anos oitenta a xeración apenas alcanzaba os 400gr por habitante e día, na actualidade a cifra supera o quilogramo sendo un dos maiores problemas medioambientais da nosa comunidade. Todo isto nos leva a concluír que o crecente nivel de desenrolo e industrialización dos países ricos  ten o seu correlato nun aumento da cantidade de residuos producidos por habitante.

3.1 Impacto ambiental e socioeconómico

Durante un longo período de tempo o único tratamento que se dispensou os residuos sólidos urbáns foi a súa recollida e posterior traslado a determinados puntos máis ou menos alonxados de núcleos habitados. Na súa composición predominaban as materias orgánicas e os materiais de orixe natural (cerámica, texidos naturais, vidro, etc.), e as cantidades verquidas non supuxeron maior problema para o medio ambiente, ademais, a propia estructura económica e os hábitos sociais favoreceron a existencia de formas de vida que se baseaban no aproveitamento dos poucos residuos que a sociedade xeraba.

O desenrolo económico supuxo unha variación significativa na composición dos residuos e nas cantidades producidas, incorporándose novos materiais como o plástico de orixe sintético. O aumento dos compostos metálicos, os derivados da celulosa ou o vidro, que antes se reutilizaban en altas proporcións agora se descartan con grande profusión. A todo isto, cabe engadir a aparición  doutros compoñentes de gran potencial contaminante que, derivando do seu verquido incontrolado, é causa de graves afeccións medioambientais:

  • Contaminación de solos.
  • Contaminación de acuíferos por lixiviados.
  • Contaminación das augas superficiais.
  • Emisión de gases de efecto invernadoiro.
  • Ocupación incontrolada do territorio xerando a destrucción da paisaxe.
  • Creación de focos infecciosos.
  • Producción de malos olores.

Nos nosos días, o modelo de explotación dos recursos naturais entra en crise. O quecemento global, a destrucción dos bosques primarios, a desaparición da biodiversidade ou o esgotamento dos caladoiros pola sobrepesca evidencian a necesidade doutro modelo que sexa capaz de frear as consecuencias de todo tipo que dela derivarán para a humanidade. En resposta a esta derivación xorde un novo concepto; o desenrolo sostible, nacido da Conferencia de Medio Ambiente e Desenrolo en Rio de Janeiro no ano 1992. Este encontro se caracteriza proclamando “O dereito o desenrolo debe cumprir de forma equitativa coas necesidades de desenrolo e de caracter medioambiental das xeracións presentes e futuras”. En definitiva, se pretende que se satisfagan as necesidades humanas actuais diminuíndo a degradación ambiental e evitando a contaminación.

Este aparente cambio inflúe na xestión dos residuos, que comezan a ser considerados unha fonte de materia prima que a nosa sociedade non pode permitirse desaproveitar. Paralelamente comeza a calar a idea na que a correcta xestión e aproveitamento dos residuos constitúe un novo xacemento de emprego e unha oportunidade para o desenrolo económico.

3.2 As tres (rs)

O tratamento que se lles da ós residuos é o que diferencia un sistema axeitado doutro que non o é. Aqueles baseados na destrucción sen aproveitamento algún ou ben para o beneficio da empresa de turno sen ter en conta a insalubridade do proceso, se pode considerar como non adecuado dende o punto de vista medioambiental, por exemplo a incineración. Mentres que outros modelos de xestión nos que se busca un novo rendemento para o residuo e que permiten a súa reincorporación ós ciclos productivos é incuestionablemente asumida polos movementos ecoloxistas.

A xestión dos residuos ten que contemplar tódolos aspectos implicados, dando unha resposta integral  que permita unha solución aceptable do problema dende o punto de vista medioambiental. Así, aínda que o aspecto económico non se ignore, tense que ter en conta outras consideracións que pasen a un primeiro plano, como a prevención da contaminación e o aproveitamento dos recursos.

3.2.1 Prevención (reducción)

A prevención na producción de residuos urbáns ten que ser unha estratexia a contemplar, o mellor residuo é o que non se chega a producir. Para elo é necesario aplicar políticas valentes que muden os actuais modelos productivos.

  • Fabricación. Reducción da súa perigosidade, volume e peso. Deseño do producto de maneira que se facilite a súa reutilización ou posterior recixclaxe.
  • Transporte. Diminución de envases e embalaxes innecesarios.
  • Consumo. Favorecer a reutilización, menor xeración de residuos a traveso de cambios de hábitos de consumo e facilitar a separación. Consumo responsable e concienciación.

3.2.2 Reutilización

Relacionada directamente coa prevención. A adopción de medidas céntrase principalmente na reutilización dos envases. No pasado este sistema era utilizado de xeito permanente, a actual cultura do usar e tirar, tanto dende o eido social como productivo, é o principal causante desta realidade molesta e insalubre. Tradicionalmente o sector das bebidas e os alimentos líquidos era o que maior reutilización dos envases desenrolaba, sen embargo, este sistema practicamente fica desaparecido debido ós novos hábitos de consumo e á implantación de novos sistemas de distribución que inclúen empresas auxiliares para a fabricación dos envases. A economía de mercado se converte, polo tanto, no inimigo medioambiental a perseguir.

3.2.3 Reciclaxe

Se entende por reciclaxe, a transformación dos residuos. Implica unha serie de procesos industriais que partindo do residuo orixinal é sometido a un tratamento físico, químico ou biolóxico, obtense un material que formará novamente parte do proceso productivo.

.

.

4. Xestión dos RSU

bolsa-de-basura23Consideraremos como xestión dos residuos ó conxunto de operacións que se realizan dende que se xeran nos fogares e servicios ata a derradeira fase do seu tratamento.

4.1  A recollida

A recollida dos residuos urbáns consiste na  recolección  para efectuar o seu traslado ás prantas de tratamento. Na actualidade, en practicamente tódolos casos, existe a recollida selectiva, é dicir, diferentes contenedores claramente diferenciados onde depositar os residuos; vidro, plásticos e envases, papel e cartón, e finalmente, residuos orgánicos. Este sistema require un grao de concienciación por parte da sociedade, o primeiro paso resulta de vital importancia se pretendemos reducir a perigosidade dos residuos e se buscamos o seu correcto tratamento. Por outra banda, é usual a existencia de puntos limpos, no caso do Ribeiro este servizo se pode considerar axeitado en referencia os voluminosos (colchóns, mobles, etc) pero deficitario para os perigosos (pinturas, disolventes, recipientes agroquímicos, etc).

4.2 O transporte

Coto do frade aposta pola xestión en orixe dos residuos, plantas comarcais que acerquen o transporte e causen o menor impacto, a diferencia dos grandes centros de tratamento de residuos sólidos urbáns que son un fracaso tanto a nivel de xestión como de salubridade para o medio e para as persoas, este modelo de xestión supón un aforro considerable de enerxía á hora do transporte e sobre todo, o tratamento resulta moito máis eficaz o tratarse de menos cantidades. Hai que ter en conta que o trasego diario de camións, aínda que falemos de plantas comarcais, ten un impacto sobre as vías de circulación, que deben estar adecuadamente acondicionadas para evitar, no posible, as molestias para os veciños; ruídos, malos olores, axentes contaminantes.

4.3 O tratamento

A etapa final do proceso é a de maior importancia. Si os residuos veñen xa separados a eficacia multiplicarase (Cristal, papel, envases plásticos para a selección pola súa natureza, materia orgánica). Cando isto non ocorre, a fracción de persoas que non separan correctamente, o proceso perde eficacia e pode derivar no almacenamento de residuos.

4.4 O punto limpo

É un espazo habilitado para tratar os voluminosos e perigosos catalogados como RSU. Previa separación e reducción do seu volume son enviados a plantas de tratamento.

  • Residuos procedentes da limpeza de vías públicas, zonas verdes, áreas recreativas.
  • Mobles, electrodomésticos, enseles, vehículos abandonados.
  • Residuos e refugallos procedentes de obras menores.

4.5 Características dos principais RSU

Orgánicos

Restos de comidas, industria alimentaria, podas, etc.

  • Volume de recheo sanitario. Medio.
  • Tempo de degradación natural. Rápido.
  • Efectos incineración. Orixina emisións de CO2, CH4 e dioxinas.
  • Reciclado. Factible a través de técnicas de compostaxe.

Plásticos

Proveñen de envases de un só uso. Envoltorios e embalaxes (botellas de PVC ou PET, bolsas de polietileno, bandexas, etc.)

  • Volume de recheo sanitario. Alto.
  • Tempo de degradación natural. Dende décadas ata milenios.
  • Efectos incineración. Orixina emisións de CO2, organoclorados, dioxinas e furanos perigosos para a saúde e o medio ambiente.
  • Reciclado. Sempre e cando conserven as súas propiedades orixinais.

Papel e cartón

Empaques, revistas, etc.

  • Volume de recheo sanitario. Medio
  • Tempo de degradación natural. Medio.
  • Efectos incineración. Orixinan emisións de CO2 e dioxinas.
  • Reciclado. Tratamentos específicos pola perigosidade ó empregar grandes cantidades de auga onde se disolven as tintas. Factible para uso comercial como papel de segunda calidade.

Vidro

Conservas de alimentos non retornables, illamentos, etc.

  • Volume de recheo sanitario. Alto.
  • Tempo de degradación natural. Inexistente.
  • Efectos incineración. Imposible de incinerar.
  • Reciclado. Como materia prima da industria para a fabricación de vidros.

Metais

Latas, fabricados con ferro (Fe), zinc (Zn), fabricados de aluminio (AI).

  • Volume de recheo sanitario. Medio.
  • Tempo de degradación natural. Lenta, xerador de contaminación por lixiviado.
  • Efectos incineración. Alta contaminación por causa de aditivos e metais pesados.
  • Reciclado. Como materia prima da industria metalúrxica. O seu uso permite importantes aforros de enerxía.

.

.

5  O tratamento dos residuos

5.1 Materia orgánica

Os materiais orgánicos se poden someter a dúas clases de procesos:

  • Proceso anaerobio. Biometanización.
  • Proceso aerobio. Compostaxe.

bolsabasuraNo primeiro caso, trátase dun proceso biolóxico acelerado artificialmente que ten lugar en condicións pobres de osíxeno ou na súa ausencia total, como resultado obtense unha mestura de gases formada por un 99% de metano e dióxido de carbono e un 1% de amoníaco e ácido sulfídrico. O gas combustible, metano, permite obter enerxía.

No segundo caso, o compostaxe é a transformación biolóxica da materia orgánica en productos húmicos coñecidos como compost e que se emprega como fertilizante natural. Realízase en condicións con presencia de osíxeno, humidade, PH e temperaturas controladas. O compost se pode obter a partires de dous tipos de materia:

  • Residuos domésticos.
  • Residuos vexetais (podas, limpezas, etc.)

No caso dos residuos domésticos é precisa a separación en orixe, é desexable que a materia orgánica non presente impurezas nin leve restos de sustancias tóxicas. En primeiro lugar, o proceso comeza no moído para logo dispoñer en ringleiras de 2 metros e medio a ceo aberto. Os montóns son volteados periodicamente co fin de facilitar a súa osixenación para evitar a fermentación anaerobia. O volteo chega a facerse unha ou dúas veces por semana mentres a temperatura se mantén o redor de 55ºC e o grao de humidade entre o 50% e o 60%. A partires do terceiro volteo  a temperatura é de 25ºC, o que nos indica que o proceso de fermentación xa rematou, isto ocorre transcorridas tres semanas. Despois, é necesario outro período equivalente para que se cure e proceder o seu afino, deste xeito evitaremos calquera clase de restos (partículas metálicas, vidro, etc.) que puidera quedar.

Existen outras variantes a ceo aberto como a pila estática aireada. Tamén é destacable, que se están desenrolando sistemas a cuberto co fin de optimizar o proceso e sobre todo evitar os malos olores.

5.2 Plásticos

Os envases de plástico poden ser sometidos a tres tipos de proceso.

  • Reciclado físico
  • Reciclado químico
  • Valorización enerxética.

O reciclado físico consiste en trocear o material para introducilo nunha máquina granceadora para ser logo moldeada por métodos tradicionais, só pode aplicarse ós termoplásticos, que son aqueles que funden pola acción da temperatura. Presenta dous problemas fundamentais: o plástico xa utilizado perde parte das súas propiedades o que obriga a empregalos na fabricación doutro tipo de productos con menos esixencias. O segundo inconvinte, é a dificultade para separar os diferentes tipos de plástico, para elo se desenrolan diversos sistemas aínda que a súa eficacia é mellorable.

O reciclado químico se utiliza cando o plástico aparece moi degradado ou resulta imposible de aillar da mestura na que se atopa. Se define como unha reacción reversible da polimerización ata a recuperación das materias primas.

Por último, a valorización enerxética é un tratamento pouco recomendable dende o ponto de vista medioambiental. Se utilizan plásticos moi degradados que son sometidos a incineración para xerar enerxía asociada ó proceso de combustión. As plantas son semellantes as centrais térmicas pero defiren no combustible que neste caso son residuos plásticos.

5.3 Vidro

Os envases de vidro se poden reciclar sen que o material perda ningunha propiedade. Unha vez recollidos son triturados formando un po groso denominado calcín, que sometido a altas temperaturas fúndese para ser novamente moldeado en forma de botellas, frascos, etc. O proceso supón un aforro de materias primas e de enerxía sendo eficaz e non poñendo en risco o medio ambiente.

5.4 Papel e cartón

Consiste na recuperación das fibras de celulosa mediante separación en solucións acuosas nas que se incorporan sustancias tensioactivas co fin de eliminar as tintas. A tinta queda na superficie do baño e se separa con facilidade. Unha vez retirada a tinta, se somete a suspensión das fibras a un secado sobre a superficie para recuperalas. Logo pasan por uns rolos que aplanan e compactan, saíndo finalmente a lámina de papel reciclado.

5.5 Metais

Os envases de aceiro estañado, máis coñecidos como oxalato, son perfectamente reciclados, se empregan na fabricación doutros envases ou como chatarra nas fundicións siderúrxicas logo de ser desestañado o oxalato. Todo o aceiro recuperado se recicla sendo un proceso que reduce o consumo enerxético de maneira notable. Os envases de aluminio se consideran materia prima nos mercados internacionais. O seu reciclado supón un elevado aforro  de enerxía e os materiais obtidos manteñan as súas propiedades ó fundirse repetidas veces. Para a súa separación se utiliza un mecanismo denominado de correntes inducidas de Foucault, que proxecta cara afora da cinta transportadora os envases de aluminio. En combinación con sistemas de electroimáns serve para completar a separación dos metais. O seu tratamento non supón risco significativo para o medio ambiente.

5.6 Tetrabrik

Se reciclan de dúas maneiras:

  • Reciclado conxunto. Dando lugar a un material denominado tectán.
  • Reciclado por separado. Os compoñentes son aproveitados de modo independente.

Neste último caso se separan as fibras de celulosa do polietileno e do aluminio por frotamento. Finalizado este proceso se valeira o hidropulper pola súa parte inferior atraveso dun filtro que deixa pasar a auga e a fibra de celulosa. Con esta operación xa recuperamos o 80% do peso total do envase. Para aproveitar o resto se pode obter unha granza de polietileno reforzada por aluminio. Este resto é utilizado como combustible nas cementeiras.

5.7 Outros residuos

5.7.1  Neumáticos

Os neumáticos poden ser sometidos a diferentes procesos:

  • Recauchutado. Có que pode volver a utilizarse. Consiste en realizar o debuxo gastado.
  • Corte. Para que mediante o fundido a presión se poidan fabricar felpudos, zapatillas, etc.
  • Triturado. Ten dúas variantes:

–   Trituración a temperatura ambiente.

–  Trituración crioxénica. A baixas temperaturas, có que se obtén un material fráxil e quebradizo

O triturado se emprega como caucho asfáltico, formigón de  asfalto modificado, combustible en grao, compostaxe de fangos, etc.

5.7.2  Pilas

As pilas presentan diversos graos de potencial contaminante. Segundo a súa composición e tipo terán como destino o reciclado ou ben, o depósito controlado baixo importantes medidas de seguridade.

Son reciclables as pilas de botón de óxido de mercurio, óxido de prata e as de níquel-cadmio.

5.7.3 Aceites de automoción

Son residuos perigosos. Conteñen productos da degradación dos aditivos que se lles engade como fenois, compostos de cloro, hidrocarburos polinucleares aromáticos clorados (PCB), compostos de chumbo, etc. Son procesados por destilación, o que permite obter novamente aceites dunha calidade comparable ós obtidos do cru petroleiro.

.

.

6 Valorización enerxética (Incineración)

imagen-de-una-incineradoraA incineración consiste na oxidación total dos residuos en exceso de aire e a temperaturas superiores ós 850º segundo a normativa europea. Se realiza en fornos con aproveitamento ou non da enerxía producida. A valorización enerxética dos residuos consiste na obtención  de enerxía a partires da combustión. O poder calorífico é variable, no caso dos plásticos hidrocarbonados se estima que é comparable á dos derivados do petróleo con algunhas vantaxes medioambientais como a de non xerar óxidos de sofre, causantes da choiva ácida.

6.1 Vantaxes da valorización

  • Reducción do volume do lixo ata nun 90%.
  • Recuperación de enerxía
  • As cinzas son máis estables que os residuos de partida.

6.2 Inconvintes da valorización

  • A combustión do lixo sen separación produce como efecto a combustión de determinados productos moi tóxicos. A presenza de PVC na mestura, aporta ós gases de combustión ácido clorhídrico que en presenza de materia orgánica pode orixinar productos tóxicos derivados das dioxínas e dos dibenzofuranos (canceríxenos).
  • As cinzas producidas conteñen metais pesados, cádmio en cantidades consideradas perigosas que deben recibir un tratamento especial para evitar a súa alta toxicidade.
  • Como consecuencia é necesaria unha cuantiosa inversión en tecnoloxía, ata o de agora ningunha destas novas tecnoloxías asegura reducir considerablemente a perigosidade deste tratamento sendo rexeitado por todo o movemento ecoloxista (leito fluidizado, plasma, NEUTREC)

6.3 Outras maneiras de valorización

6.3.1 Pirólisis

É un proceso térmico realizado en ausencia de osixeno e a unha temperatura próxima ós 400ºC no que se xera:

  • Mestura de gases hidrocarbonados e algo de monóxido de carbono.
  • Mestura de hidrocarburos líquidos.
  • Un sólido carbonoso que presenta incrustacións de elementos inertes que non pilorizan.

6.3.2 Gasificación

Consiste na oxidación do residuo en atmosfera empobrecida para conseguir unha combustión parcial. Tense experiencia en materiais homoxéneos.

.

.

7 O vertedoiro “sanitariamente controlado”

RedVertederos-4Unha vez realizados os tratamentos necesarios sempre quedará unha fracción de residuo denominada rexeite, que non se puido reciclar ou valorizar e que precisa dun vertedoiro controlado. Se considera sanitariamente controlado cando  se toman as medidas necesarias para evitar que resulte nocivo, molesto e cause deterioro no medio ambiente. Consiste nunha depresión do terreo, natural ou artificial, no que se verten, compactan e recobren con terra diariamente os residuos previamente tratados para reducir a súa perigosidade. Unha vez selado e sempre que o plan de xestión fose o correcto, pódese pensar nunha posterior recuperación do terreo para zona de recreo, pistas deportivas, etc.

.

.

8   Residuos industriais

informacion_residuosO fin último do tratamento dos residuos perigosos é o de reducir, anular a perigosidade destes, ademais de facilitar o seu transporte, almacenamento, a recuperación dos recursos que poidan ter algún valor e finalmente a súa eliminación.

Existen varios tipos de tratamentos e a elección do método máis axeitado depende de moitas variables, dende as económicas ata a dispoñibilidade de infraestructuras de tratamento próximas ó orixe dos residuos. Os sistemas máis comúns de tratamento son as fontes de xeración dos residuos, son diversas e tendo en conta a súa procedencia as características serán diferentes. Se ben téndese a equiparar os conceptos de “residuo industrial” co de “residuo perigoso” esto non é certo en tódolos casos, podendo facerse unha primeira clasificación separándoos en residuos industriais asimilables a residuos urbáns, residuos inertes e residuos perigosos.

8.1 Residuos inertes

Os residuos inertes, tamén coñecidos como residuos de construcción e demolición (RCD), inclúen basicamente terras e áridos mesturados, pedras, restos de formigón, ladrillos, cristais, restos de pavimentos asfálticos, xeos, plásticos ou madeiras. En xeral, tódolos desfeitos orixinados nas actividades propias da construcción, remodelación, rehabilitación, reforma e mantemento de edificios e infraestructuras en xeral.

8.1.1 Proceso de reciclaxe

Os residuos inertes deberán ser recollidos e transportados as instalacións de clasificación e tratamento, onde serán separados en función do seu volume e granulometría. Posteriormente, atraveso da maquinaria móbil e o estriado manual, sepáranse os materiais como metais, madeiras, papel e outros non aptos. A continuación, os residuos pasan por unha cribadora onde é eliminada a parte máis fina, como areas e arcelas, antes de pasar por unha máquina trituradora onde se obtén o producto final  reciclado.

Os materiais non aptos, clasifícanse, separándose os residuos perigosos, a parte susceptible de valorización e a parte non valorizable. Os residuos perigosos como amiantos, disolventes ou fibras minerais entréganse a un xestor autorizado. A parte susceptible de valorización como os metais ou as madeiras transportaranse a unha pranta de reciclaxe axeitada. Por último, a parte non valorizable (rexeite), deposítase nun vertedoiro controlado.

Este proceso de reciclaxe se pode levar a cabo en plantas móbiles a pe de obra, o que permite a fabricación de áridos coas características propias necesarias “in situ”, segundo a aplicación para a que vai destinado.

A traveso deste proceso obtense novos áridos que poden ser utilizados como recheos de canteiras, gravas para xardín, bases e sub-bases para estradas, etc. A separación exhaustiva dos residuos deriva noutras aplicacións, tales como, fabricación de ladrillos, elementos cerámicos, materiais de formigón, etc.

8.2 Residuos perigosos

A lista de residuos perigosos orixinados pola industria é asombrosamente extensa, nela débense considerar tamén os envases nos que se almacenan moitos destes residuos. Resulta irónico como na fabricación de productos finais inofensivos, que os nenos poden meterse na boca, orixínanse residuos de elevada toxicidade que sen un control axeitado afectan seriamente a nosa saúde e o medio ambiente. Nos procesos industriais podemos atopar residuos perigosos en calquera das etapas da producción, estes poden ser orixinados dende o período inicial ou durante o mantemento dos equipos e infraestructuras, na súa limpeza (desinfectantes, disolventes, etc.).

As industrias que non están autorizadas a depositar estas residuos perigosos nos puntos limpos, deben estar dadas de alta coma productoras de perigosos e a continuación, xestionar os residuos a traveso de xestoras autorizadas. O consumidor non debe esquecer, que os procesos industriais orixinan residuos e que a xestión e o tratamento destes produce consecuencias ambientais e económicas (proceso de producción, impactos debidos ó gasto enerxético, consecuencias sociais debidas as inadecuadas condicións dos traballadores). A lexislación e a tecnoloxía procuran os mellores procesos existentes para minimizar os danos, pero estes sempre existen. Por todo isto, debemos ter en conta que o consumo responsable dos productos industriais é o mellor tratamento para os seus residuos.

.

.

9 Reducir como alternativa

residuos5Como sociedade non debemos esquecer a nosa responsabilidade a hora de producir residuos. Como consumidores e usuarios do actual modelo capitalista, intervimos directa ou indirectamente na degradación do medio coa nosa compra diaria, co uso irresponsable de envases, co uso do coche, co uso que se fai dos nosos impostos, etc. Polo tanto, está nas nosas mans mudar os hábitos de consumo e asumir esa responsabilidade máis aló de plantexamentos estúpidos que pretenden esquivar esta realidade molesta. Pero non só é cousa nosa:

  • Os fabricantes deben poñer no mercado productos duradeiros (non de un só uso), deseñados para seren reutilizados e , o final da súa vida útil, reciclados.
  • Os comerciantes deben poñer ao alcance do consumidor productos respectuosos co medio ambiente e que contribúan a reducir os residuos.
  • As administracións deben promocionar as medidas necesarias para que os cidadáns poidamos consumir sen estragar o medio ambiente.
  • Os cidadáns, coas nosas actitudes e decisións económicas e sociais, podemos influir para que os fabricantes, comerciantes e administración garantan unha xestión respectuosa co medio, baseada na reducción e na recuperación dos materiais e non no vertido e na incineración.

9.1 Propostas sinxelas para reducir

A causa principal do aumento do peso e do volume dos residuos son os envases dun só uso. A solución a este problema non é fácil, mais como consumidores podemos tomar algunhas medidas moi sinxelas destinadas a diminuír a producción de residuos.

Cando vaiamos mercar:

  • Evitemos

As bolsas de plástico

As bandexas de plástico

Os envoltorios innecesarios

Os aerosois

Os envases dun só uso

O estrago de papel

  • Escollamos

O carro e o cesto

Os envases reutilizábeis

Os productos a granel

Os pulverizadores

Os envoltorios mínimos

O papel reciclado

9.2  Criterios á hora de mercar

  • ¿É adecuado o producto que mercamos para a función que queremos que faga?
  • ¿Cómo afecta á saúde, á poboación e ao medio ambiente?
  • ¿Qué lle vai pasar cando sexa residuo?
  • ¿De onde veñen os productos que mercamos?
  • ¿En qué condicións laborais se producen?
  • ¿Qué facer con eles cando deixan de ser úteis?
  • ¿Qué pode dicir o que está escrito na etiqueta?
  • ¿Qué non di?

Estas son algunhas das preguntas que nos poden axudar a mellorar os nosos  hábitos de consumo.

9.2.1  Consumo responsable

Moitos/as cidadáns incorporan motivos éticos a hora de escoller un producto de compra. É posible propoñerse que o noso consumo non poña en perigo o benestar doutras persoas ou comunidades. Precisamos dunha información adecuada para ser críticos. Compre axudar naquelas iniciativas e loitas sociais que poden dar a coñecer os problemas socioambientais derivados da nosa actividade cotiá e propoñer solucións máis respectuosas co medio ambiente.

9.2.2  Comercio xusto

O comercio xusto ten nalgúns países unha longa tradición. Ademais de artesanía e café, pódese adquirir unha ampla gama de productos alimentarios ( sucre, bolachas, chocolate, especias, etc.). Estaremos consumindo productos derivados da agroecoloxía e do mesmo xeito evitando a explotación dos menos privilexiados ( comunidades indíxenas, colectivos sociais autoxestionados, etc.). Antes somentes se distribuía nas súas tendas ou entidades de comercio xusto, actualmente están abrindo mercado noutros establecementos. Aquelas tendas que teñen productos de comercio xusto levan o distintivo; Rede de Consumo Solidario.

9.2.3 Agricultura ecolóxica

Non utiliza pesticidas nen fertilizantes químicos agresivos. Deste xeito evita os problemas de toxicidade da agricultura convencional. Aplica o principio de prevención fronte a posibles efectos sobre a saúde humana dos productos empregados na agricultura e gandería. Frea a progresiva perda de variedades autóctonas e adaptas o noso contorno sen necesidade de plaguicidas, transxénicos, hormonas, etc. Etiquetas como AENOR ou do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galiza son un xeito de certificalo.

9.3    Falsas ideas, malas interpretacións

O incremento da sensibilización sobre os problemas medioambientais levou á cidadanía a escoller productos menos nocivos co entorno. Isto produciu a aparición de trucos empresariais para fomentar o consumo de productos supostamente respectuosos co medio.

90% biodegradable

Os deterxentes a miúdo indican que o 90% do seu contido é biodegradable. Mais é aquel 10% restante o que os fai perxudiciais para o medio. Sempre son máis recomendables os xabóns naturais; limpan igual sen necesidade de facer tanta escuma.

Protexe a capa de ozono

Os gases CFC en aerosois, neveiras, etc, van a ser prohibidos polos problemas ambientais que implican (destrucción do ozono estratosférico que nos protexe dos raios ultravioleta). Os CFC son substituídos a miúdo por substancias como o HCFC, aparentemente menos problemáticos pero que contribúen o efecto invernadoiro.

Producto ecolóxico

Non sempre é certo, somentes os selos acreditativos recoñecidos poden asegurar algunhas calidades. Noutros casos fará falla sentido común e información para saber se o producto é ecolóxico ou non.

Reciclable

Que un producto sexa potencialmente reciclable non quere dicir que se recicle. Moitos productos de usar e tirar preséntanse como reciclábles. Algúns plásticos recíclanse enerxéticamente, e dicir, incinéranse.

.

.

Bibliografía

Gestión y tratamiento de residuos urbanos Uned.es.biblioteca

O vertido incontrolado no Ribeiro Coto do Frade, 2006

Unha morea de propostas sinxelas FEG, 2007

Os residuos na Galiza Bahía Edicións, 1994

Come mierda Ediciones Libertarias, 2001

Opinión e redacción dos textos Coto do Frade

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: