Skip to content

Gas Natural-Fenosa facendo caixa

17/11/2009

Gas Natural-Fenosa está baleirando o encoro de Albarellos, en tan só tres semanas foi quen de reducir a cantidade de auga embalsada de 68,33 Hm3 a 28 Hm3, tres semanas para poñer as cousas no seu sitio, para demostrar quen manda aquí, para servirse do dominio público hidráulico e para facer caixa  poñendo en risco a nosa seguridade. O gráfico resulta impresionante, seis meses sen aportar un só litro de auga ó malferido  Avia, chegando a secar o río en diferentes tramos e apodrecendo o resto, matando de sede a totalidade da área riparia, negándolle o alimento as árbores cando máis o precisaban. Agora, inundan todo o espazo ripario sementando cadáveres de madeira ó seu paso, definindo con total claridade a denuncia que en forma de escrito remitía no seu momento Coto do Frade instando ós órganos competentes a tomar medidas; medidas que nunca chegaron, medidas demasiado grandes para tan ananos políticos. Gas Natural-Fenosa é o Atila do século XXI, por onde pasa non queda nada en pé, nen tan xiquera a dignidade política resiste ó poderoso guerreiro.

Pregados unha vez máis como sociedade asistimos á defunción, as árbores mortas cóntanse por miles, por centos as que dobradas agardan o derradeiro empurrón para deitarse no río; para amosarnos as nosas vergoñas, para lembrarnos que non fixemos nada mentres puidemos, para indicarnos que somos unha sociedade morta e insensíbel, apática e cobarde, absurda e miserábel. O noso río asasinado, morto por tod@s.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: