Skip to content

Prestige

20/11/2009

A FEG fai balanzo da catástrofe do “Prestige, sete anos despois”, criticando duramente as nulas medidas de protección fronte ó paso de 45.000 buques ateigados de sustancias perigosas polas nosas costas, considerando que Galiza tería que ser referente en Europa en canto ó funcionamento e dotación de lugares refuxio. Do mesmo xeito, dende a FEG  queremos insistir na inexistencia de seguimento ciéntifico dos efectos contaminantes sobre a biodiversidade. Como expuxemos nun anterior artigo, a situación actual é a mesma que aquel 13 de Novembro de 2002.

.

A FEG anima estes días, do sete cabodano do desastre ecolóxico do Prestige,  a dar un paseo por praias como a do Rostro (Fisterra e Cee) ou Nemiña (Muxía), e comprobar in situ a presenza de centos de fragmentos de chapapote desenterrados diariamente da area. Son pequenas bolas que ocupan ata a palma da man, e que abertas gardan no seu interior o rezume fresco dun chapapote que semella recen vertido e de propiedades contaminantes case intactas.

Bos testemuños actuais de coma pode perdurar os efectos dunha marea negra atopámolos en coídos de Punta Insua ata Punta dos Remedios (Carnota), no Petón Vermello (Cee), Touriñán, Moreira e Cuño (Muxía), ou no tramo da Praia de Reira ata a Punta do Boi no Cemiterio dos Ingleses (Camariñas).

A FEG lamenta que neste tempo practicamente se esvaeceu e se perdeu novamente o pulso por dotar a costa galega de maiores e máis fiables garantías de seguridade e protección fronte a posibles accidentes.

A pesares da grande cantidade de “papel xerado”, co desenvolvemento de novos paquetes lexislativos emanados dende Europa e Plans de Continxencia, parece semellar que todo queda niso, en papel¡. Resulta paradoxal que aínda se teña sen ter claro a idoneidade de trasladar un barco accidentado a porto refuxio.

Galiza nestes momentos tiña que ser un referente Europeo no funcionamento e dotación destes lugares ao que todo mundo debía mirar.

Resulta lamentable que non se coñezan os “lugares de refuxio”, que en sete anos xa deberían ter sido dotados con material de primeira intervención (quilómetros de barreiras anticontaminación e equipamento de recollida inmediata, e incluso heliportos).

O feito da supresión do CEPRECO, fai agora un mes, é o sinal máis indicativo dun relaxamento das autoridades, e que non é para nada bo. Dende este tipo de organismos se debía traballar de xeito constante na implantación e mellora dos Plans de Continxencia e  na rede de lugares refuxio, e na coordinación cos diferentes organismos estatais e rexionais con competencias.

Dende un punto de vista científico perdeuse unha grande oportunidade para chequear e estudar no tempo a evolución e efectos das mareas negras. A situación e coñecemento dos efectos no tempo é obxectivamente descoñecida. Non é un problema da comunidade científica senón do desinterese gobernamental plasmado na falta de dotación económica. O estudo dos seus efectos foi tomado con rotunda lixeireza e despreocupación por parte das autoridades, chegando a existir máis voces e opinións sobre a errónea idea do concepto do “está todo limpo e que non era para tanto” que na curiosidade científica de afondar no que supón un episodio de contaminación a macro escala, como foi o caso. Mentres que noutros casos, coma na marea do Exxon Valdez ou no Erika, organismos coma o EVOSTC ou o CEDRE teñen operativos programas de seguimento científico que están xerando unha profusa documentación e artigos, nos que se constata a permanencia no tempo da contaminación e dos seus efectos sobre a biodiversidade e calidade dos medios mariños, e con programas vixentes de recuperación e a restauración.  Aquí nin tan sequera os espazos costeiros da Rede Natura 2000 afectados contan hoxe en día cun plan de conservación e un diagnóstico da súa recuperación.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: