Skip to content

Jello Biafra and the Guantanamo school en Compostela

13/12/2009

Aínda que non sexa habitual nen garde relación directa co ecoloxismo, de cando en vez é necesario falar de cultura alternativa, de persoeiros que atizan o sistema, de lúcidos disertantes do pensamento crítico. Jello Biafra é un exemplo vivo da escena Hardcore-Punk americana, fundador dos míticos Dead Kennedys e voz discordante da cultura convencional, monologuista ácrata e activista político do Green Party (partido verde), creador do selo discográfico independente Alternative Tentacles. Autodenominado anarquista aboga polo humor crítico e a desobediencia civil. O seu nome artístico é unha combinación da marca Jell-O e o nome dun pais de curta duración, Biafra, que tentou a independencia de Nixeria no ano 1966, o nome Jello Biafra foi creado partindo da combinación irónica dun comestíbel potencialmente pobre producido masivamente e da fame masiva que vapulea África.

As actividades de Jello Biafra foron e son perseguidas dende as institucións americanas, o PMRC (Parents Music Resource Center), unha institución liderada por Tipper Gore, coñecida muller do falso esquerdista Al Gore, e Susan Baker, muller de James Baker, instigador da guerra do Irak e un dos persoeiros máis malvados do governo de George Bush. A institución pretendía e pretende cercenar a liberdade de expresión dos músicos, estas dúas bruxas conseguiron que unha comisión do senado liderada polos seus respectivos esposos (curiosamente) chegara a dicir paiasadas do calibre; escoitar a Ozzy Osbourne provoca que os rapaces se suiciden, escoitar a Prince é a causa de que os adolescentes se masturben conducindoos a prácticas sexuais estranas. Biafra foi o primeiro da lista en pasar polos tribunais dado o contido do disco “Frankenchrist” de Dead Kennedys. Foi absolto pero a resultas daquelo ningunha das grandes cadeas de venta de discos quixo comercializar os seus  traballos por medo a que os amigos de Tipper Gore e Susan Baker lles pecharan o chiringuito.

Jello Biafra chegou a presentarse a alcalde de San Francisco, unha gamberrada anti-sistema que trataba de ridiculizar a campaña do alcalde, un demócrata de dereitas envolto en numerosos asuntos de corrupción. Dentro das súas propostas de governo destacaban; a policia tiña que ser elixida democraticamente polos habitantes do distrito onde ían traballar, legalizar a ocupación de inmóbeis abandoados, propugnar unha lei que obligara ós homes de negocios e ós banqueiros a vestir  traxes de paiaso. Utilizando o humor como resposta acadou o cuarto posto dos dez candidatos que se presentaban a elección.

A historia de Biafra tamén está marcada pola frustración, cando se reunificaron os Dead Kennedys, o novo cantante acusa a Biafra de terrorista ó non apoiar a guerra en Afganistan. O grupo transfórmase nunha pantomima Punk ó estilo de Green Day ou Blink 182, chegando incluso a emprender accións legais contra o fundador da banda ó negarse a que unha das cancións míticas do grupo, “Holiday in Cambodia” formara parte dun anuncio publucitario da marca Levis.

Biafra participa nas protestas de Seattle e Quebec contra as grandes institucións globais, contra a guerra fascista no Irak, pola abolición da pena de morte nos EEUU. Dende os anos setenta segue a manter unha loita incesante contra o sistema capitalista, contra o fascismo de novo cuño. Xunto a Howard Zinn, Noam Chomsky e Angela Davis, lidera o pensamento máis crítico nos EEUU.

O pasado sábado na sala Capitol de Compostela, os asistentes ó concerto puidemos disfrutar dunha actuación marcada por ese sentido crítico, pola desobediencia como instrumento necesario. A cultura como expresión de liberdade e vontade de xiro social.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: