Skip to content

O planeta “a tomar por culo”

20/12/2009

O acordo de mínimos (non vinculante) vomitado no cumio do clima en Copenhague ratifica a intención do mundo avanzado pola autodestrucción en nome de “la pasta”. A crueldade do capital quedou plasmada nun pacto ridículo argallado polos países ricos e carente de medidas firmes para reducir as emisións de CO2. Unha nova concesión ó verdadeiro poder, as industrias contaminantes teñen licenza para eternizar a emisión de gases de efecto invernadoiro á atmósfera. A perda do obxectivo legalmente vinculante, fai que o cumio sexa unha nova oportunidade estragada, outra evasión de responsabilidades, o apuñalamento definitivo á vida no planeta terra.

Podería tratar máis información, basta con ollar nos xornais; datos técnicos, anécdotas sanguinolentas, trapicheos millonarios a percibir polos países pobres, etc. Sería perder o tempo estrangulando a razón, dar voltas de peonza ata o síncope para acadar a mesma resposta, un único sentimento, unha derradeira reflexión. O diñeiro é quen governa e quen decide sobor do noso futuro, o capitalismo como a nai máis puta do convento precisa da retroalimentación para manter a súa vixencia, non ten límite e sempre precisa máis, devórase así mesmo sementando pobres de Norte a Sur, de Leste a Oeste. Se te quedas fora perdes, se xogas tes moitas posibilidades de perder, gañan só uns poucos, a industria e a banca que nos governa e asasina.

Países que xa están a padecer a crise ambiental e humanitaria definitiva, en moitos casos governados pola corrupción que ampara e patrocina occidente, países como Uganda, Senegal, Timor Oriental, Tuvalu, Kiribati, Illas Marshal, Maldivas, Haití, Bahamas, Granada, Bhutam, Laos ou Mali  “afogan de sequía ou respiran no salitre do mar” . A vida dos pobres vale menos que as alpargatas de “sus señorías”, menos que a bala que os mata, menos que menos, nada de nada.

Acaban de declararlle a guerra á humanidade, ós sentimentos colectivos, á conciencia solidaria, á intelixencia básica,  a nosa integridade física e moral pende dunha resolución afastada do humanamente soportábel. O xuiz da senrazón dictou sentenza, gaña a banca, perdemos tod@s. Bo nadal…

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: