Skip to content

O estado contra a cultura

09/01/2010

O Consello de Ministros á caza e captura dos perigosos blogueiros e as súas  terroristas páxinas onde descargar anacos de cultura de xeito libre e gratuito. Un anteproxecto de lei aprobado no día de onte polo cal se creará unha comisión de propiedade intelectual que remitirá as denuncias “recibidas” á Sala do Contencioso Administrativo para solicitar o peche das páxinas que incumpran esta lei.

As medidas anunciadas polo governo deixa en mans dunha futura comisión de Propiedade Intelectual a potestade de tramitar as denuncias e os avisos ós responsábeis, mentres que a Audiencia Nacional, en caso de persistir as conductas denunciadas, encargarase de autorizar o bloqueo e o peche das páxinas infractoras mediante un proceso xudicial onde os denunciados non terán a posibilidade legal para defenderse.

A sociedade ten que reaccionar contra este ataque á democratización da cultura, non se trata como os interesados reclaman, que se esté roubando a ninguén, é unha cuestión de aposta polo coñecemento independentemente do poder adquisitivo de cada cidadán. A explotación dos dereitos de autor está a ser utilizada como un elemento de dominación, un arma o servizo da casta cultural máis acomododada no sistema establecido. Dende a óptica transformadora que aspiramos, unha sociedade máis xusta e igualitaria, só cabe apoiar e promover o libre coñecemento, a defensa dos intereses comúns ten que estar moi por riba dos interesados da SGAE e de todo o seu entramado mafioso amparado e subvencionado polo estado español.

Internet é un dereito é non un eslogan publicitario, así o deciden os usuarios en cada actuación; creación ó marxe dos entramados empresariais, medios de información libres, espazos abertos para a opinión, etc. A exclusividade que pretende esta lei, restrinxido o acceso a determinados contidos,  só busca crear unha rede de elitistas e amparar os seus dereitos en detrimento do coñecemento colectivo, beneficiando a un sector incapaz de reciclarse e adaptarse ós novos tempos.

Dende este blogue seguiremos apostando por esta liña de compromiso coa liberdade, co dereito a que tódolos nosos lectores teñan acceso á información. Seguiremos colgando videos por moitos dereitos de autor que teñan, colgando links de descargas cando o tema a tratar así o recomende, en definitiva, percorrendo o camiño da nova cultura onde a sociedade é actor e protagonista do desenrolo cara a un modelo social igualitario.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: