Skip to content

A orixe do ecoloxismo no Ribeiro

26/01/2010

Non hai moito tempo mentres buscaba información na WEB de Secundino Lorenzo, a recoñecida e profusa “Ourense Natural, realidade ou ficción”, atopei algo que chamou poderosamente a miña atención. Cando aínda algúns nen tan xiquera tiñamos nacido ou ben camiñabamos de mala maneira con pañais de quita e pon, as beiras do Avia eran un lugar de encontro, a vida xiraba en torno ó río,  os chapuzóns no verán  contrastaban ó padecemento xenoroso das nosas nais, cargadas con cestos de roupa e agochadas co xabón do “lagarto” restregaban a nosa suciedade  para amosar a ridícula estampa dun calzoncillo vencido polo tempo,  aturado e dado de sí. En definitiva, o río Avia facendo vida, criando sociedade nunha paraxe, que entonces, era de tod@s.

En ningún momento me plantexara a existencia doutra realidade, a clase obreira soñaba coa lavadora, coa televisión a cores, o coche todavía quedaba moi lonxe, pequenos vicios burgueses que finalmente tomarían e marcarían o desenrolo da sociedade. No barrio de san Francisco erguíase o primeiro edificio da era moderna, por entonces todo parecía grande, enorme ante os ollos asombrados dun cativo; máquinas que paleaban aréa, grúas que acadaban o infinito, obreiros que facían malabarismo sobre as táboas dun andamio. Pasou o tempo e o famoso edificio só era baixo e dúas plantas; oito vivendas e o taller  do “Mundo”, onde  nos surtiriamos dos “rodamientos” para facer carros e tirarnos costa abaixo polas pendentes. No meu barrio tamén había catro bares, dúas fábricas de (por suposto) ataúdes, un aserradeiro, dous talleres mecánicos, unha panadería, dúas tendas,  unha estación de ferrocarril onde venciamos o tempo argallando falcatruadas, un estanco e a administración de autobuses. Pero tamén estaba o monte da “Generala”, a caseta onde descubrimos que a “piroliña” era para algo máis, os carballos e as hortas, os castiñeiros e os porcos do Marcial, a música con “Los Cisnes”. Todo un mundo de xigantes e cabezudos, recunchos a descubrir como as minas de wolframio, o “burru burru” do Fermín, o cacharro do leite que por entonces non nacía do tetra-brick, os clavos e os anacos de madeira, as pedras para atizarlle ó tren e as badaladas na igrexa, o paso a nivel onde as barreiras ergían dúcias de franxas branco-vermello. Francisco Franco negábase a morrer no Bar Alfonso, un prato firmado polos xogadores do real Madrid e un cartace que nin lembro o que poñía coa “efigie del caudillo”, a coca cola e os phosquitos que sisabamos co arte que Curro Jiménez, coa destreza na enésima reposición de Pipi Calzaslargas, coa organización dos Homes de Harrelson e coa firme convicción de que tarde ou cedo, chegaría o Sheriff Lobo e fodería o invento. Na recámara da memoria agóchase Tony Bareta, a primeira serie de televisión onde descubrín que os peitos das mulleres eran para algo máis …

A praia fluvial de “A Veronza” estaba ó outro lado das nosas vivenzas, separada por unha presa que en tempos alimentaba un muiño. FENOSA xa estaba presente nas nosas vidas, unha caseta e un cartel que rezaba “Peligro de muerte”, a figura dun humano fechado nun triángulo equilátero e atravesado por un raio alertaba do risco como una premonición da realidade actual. Alí nace a razón destas lembranzas, a Veronza como o espello dunha realidade social viva no presente, un grupo de rapaces erguen a bandeira do ecoloxismo local no ano 1977, a razón, a Veronza semellaba un basureiro, o lema ,“Por unha Ribadavia sin contaminación”.

Grazas por alimentar a memoria, por revelarme que tamén as persoas viviron e viven para algo máis…

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: