Skip to content

Habemus intereconomía

26/01/2010

Esta mañá recibín o correo dun amigo, en principio pensei que era unha desas parvadas que circulan pola rede e que bombardean sistematicamento o noso domicilio virtual, tonterías varias que por estética normalmente son redireccionadas á papeleira. O correo en cuestión presentábase baixo o seguinte nome de pila; “O millor video de humor da historia”. Ante un titular de semellante embergadura, a miña concepción da realidade levoume inexorabelmente a premer o enderezo.

Estamos xa no Youtube, espazo virtual onde guindar calquera archivo de imaxe e son. Ante nós, unha pantalla de 11×9 cm, unha pestaña de cor gris en forma de triángulo equilátero agardando un “click”. De repente, e unha vez tañido o devandito “Play”, aparece unha señorita guarnecida discretamente por unha chaquetilla de cor vermella fermoseada cunha especie de cucaracha que colga da metade esquerda. Está falando, mellor dito, baboseando a lingüaxe co ánimo de facer discernir a nova ó aflixido receptor. Unha vez exposta a mesma, aparece un “tío repeinao”, atabiado cun traxe que semella gris-oscuro, todo un red-neck creacionista de Alabama. Tamén fala…

No mundo da “información” atopamos todo tipo de tendencias, dende a obxectividade dalgúns (poucos) medios, ata a instrumentalización (manipulación animosa con fins político-empresariais) máis absoluta. O enderezo sinalado corresponde á canle de televisión Intereconomía, unha especie de Tele Arnoia con proxección nazi-onal. A reportaxe asinada por un tal Rafa G.García de Cosio, procura remendar o desaguisado que certos grupos de esquerda tiñan provocado ó criticar as verbas do humanista Benedicto XVI cando manifestaba: “en aquellos países en los que se difunde la fe católica la enfermedad del Sida se extiende menos que en las que se reparte el profiláctico”. Quero pensar, polo tanto, que os abusos sexuais en menores que se reparten por internados e institucións católicas de medio mundo, alo menos foron consecuentes e leváronse a cabo como deus manda, sen condón e atendendo as recomendacións do Vaticano. Pero esa, é outra historia.

Intereconomía, no seu afán de coherencia e seguindo os protocolos que marca a información de calidade, instrumentaliza a nova baixo regurosos criterios científicos. Un prospecto profiláctico como proba para argallar e demostrar que en Africa non saben ler, teñen dedos de antropoide e ademáis son promiscuos e ateos dexenerados, e por riba, negros e pobres que habitan en desertos e non teñen aire acondicionado nas súas barracas, tamén, se non fora suficiente, Africa, non destaca en manicura, son seres inferiores que nunca entenderán o uso do condón dadas as súas limitacións intelectuais.

Para esta pandilla de fascistas repugnantes, o racismo e o desprezo por Africa resúltalle tan natural como respirar.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: