Skip to content

Opinión, Xa temos Eroski

11/02/2010

Onte saín, coma sempre, a camiñar pola beira do río acompañado do meu ledo e fiel compañeiro. Cando xa levabamos un rato de camiñata escoitei unhas gaitas, máis uns trombóns e algún saxo que se perdían acusticamente polo paseo do río avia. Interesándome por estes sons, decidín dar a volta e deixar o camiño de terra pra coller o de asfalto e ver que ocurría.

Cal foi a miña sorpresa, ó camiñar pola rúa viña, cara min e en sentido contrario, un tropel de xente coas súas mellores galas e con caras de contentos. ¡Xa temos Eroski!, dicíalle unha feliz nai a súa filla namentres a levaba agarrada da man de volta a casa.

Pois si, que alegría, xa temos un hipercentro comercial na vila, non collo en min de gozo. É que deberíamos ter presente que por cada emprego precario creado nestas grandes superficies, pérdense cinco empregos estables no pequeno comercio, ó tempo que desaparece o tipo de relación social que se establecía neste último. Os empregos nestas superficies a cotío soen estar mal pagados e, o común, é que teñamos que empregar o automóbil para acceder a elas, en tanto que a calidade dos seus produtos non son mellores que os das tendas tradicionais1. Ademáis, ó levar o automóbil, multiplícanse os produtos da nosa lista da compra, moitos dos cales non nos son en absoluto necesarios, pero claro, están de oferta. Facemos compras semanais, quincenais e incluso mensuais, co cal mercamos, as máis das veces, por riba do que conscientemente precisamos. Non coma antes, que se mercaba para o día a día e se ía de tenda en tenda, sabendo que cousas estaban mellor e cales máis baratas dependendo da tenda a que iamos, costume que inda lle vemos ás nosas nais, herdada das nosas avóas e, déixenme que o diga, ten os días contados. Igualiño que o pequeno comercio.

É que nos gusta consumir, non por necesidade, senon polo pracer de facelo. Permítanme que lles poña outro exemplo: os puntos do móbil. As grandes compañías dannos puntos según fagamos gasto no móbil, pero iso si, con data de caducidade. E ocorre que chegado o momento, temos un montón de puntos acumulados e a data de expiración dos mesmos está por chegar, e aquí a disxuntiva, ¿Qué facemos?, perder os puntos que tiñamos acumulados despois de tanto tempo, ou en troques cambialos por un móbil novo, supostamente mellor, pero que en realidade non necesitamos. Non fai falla que responda.

É que, como dicía Bauman remendando a Descartes: merco, logo existo2.

  1. N. Ridoux, La décroissance pour Tous (Parangon/Vs, Lyon, 2006), páxs.136-137.
  2. Z. Bauman, Vida de consumo (Fondo de Cultura Económica, Madrid, 2007), páx.32.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: