Skip to content

Manual para destruir un río e botarlle a culpa ó tempo

19/02/2010

O manual que presentamos conta co beneplácito das administracións española e galega. Un pacto entre ambas cunha finalidade única, acabar con calquera rastro de vida nos nosos ríos e botarlle a culpa ó tempo.

Para comezar, teremos que contar cos materias (humanos) necesarios, esto é,  unha casta política que viva de costas á natureza e só fale de medio ambiente en campaña electoral. Outro actor indispensábel, un equipo técnico con cargo á caixa común e con certa predisposición a prostituir anos de estudos universitarios, unha especie de sicarios que dispensen informes (corta e pega) a gusto do políticucho de turno. Por suposto, a necesidade dunha empresa que explote os recursos públicos hidráulicos resulta imprescindíbel para acadar o obxectivo. Tamén, outro actor a destacar, é unha sociedade atrofiada e idiotizada que entre a saco nos grandes debates nacionais, “Gran Hermano” e “Mira quien Baila”, “Las discotecas y Guti” e “Los gluteos de Cristiano Ronaldo”.  Xa dispomos do material necesario, comezamos a traballar.

.

O primeiro que temos que ter en conta é que o río está para servirnos a nós como especie, calquera outro indicio de vida carece de importancia e, en moitos casos, sobra da paisaxe que pretendemos impoñer. Un río sen infraestructura para paseantes non é río, polo tanto, construiremos tantos kilómetros de paseos como presuposto dispoñamos para as cuestións medioambientais, sinxela regra de tres. Quitémoslle notoriedade ó río, o camiño a construir ten que ir xusto derriba del, polo tanto, temos que destruir a área riparia e levantar muros para encauzar o río, así, a ollo. Temos xa construido o fermoso paseo por onde camiñar sen manchar os zapatos, non hai vexetación que impida ver o transito do noso río.

Acadamos xa o noso primeiro obxectivo; o río quédase sen espazo ripario, sen vexetación agás un par de arboliños estratexicamente plantados. A temperatura da auga sofre unha importante variación cara arriba; proliferan as algas nocivas así como as especies invasoras e os fungos. Eso sí, o paseo é preciso.

.

A partida presupostaria quedouse curta e resulta imposíbel abarcar todo o río a paseazo limpo, polo tanto, imos a actuar con tesón “en los restos”. A cuestión fundamental radica na necesidade de contar con espazos onde só teñan cabida as árbores adultas e o cespede, para elo, contaremos cos traballadores da Confederación Hidrográfica de turno e os Concellos colaboradores. Repartimos motoserras e demais elementos cortantes entre o persoal “cuan” caramelos en calbalgata de reis, todo aquelo que ose medir máis de metro e medio ten que ser arrasado. Esta tarefa, para acadar mellores resultados, e ben facela nos meses de floración das árbores e prantas, tamén e recomendábel ter perseverancia chegando incluso a podar árbores entre Xuño e Setembro, desbrozar  e talar periodicamente toda a zona independentemente da época do ano.

Esta acción pode chegar a ser definitiva, unha vez acadado o peridodo de choivas ou ben cando o encoro rompa en augas, a inundación da zona en cuestión e o arrastre provocado pola corrente orixinará o derrube das barrancas ó estar completamente desprotexidas de vexetación. Esta circunstancia producirá danos irreversíbeis para a flora e a fauna que habitan o espazo ripario provocando a caída de numerosas árbores e o ancheamento no leito do río. A última liña para a protección da calidade da auga e os ecosistemas acuáticos quedará completamente destruida.

.

O terceiro paso necesario, para complementar a desfeita, é contar cunha empresa solidaria e un encoro “como dios manda”. Chegado o verán, ten que optar sempre pola calidade no servizo, aforrar auga para cando as necesidades do inverno. Esto significa, non aportar un só litro do líquido elemento ó río en cuestión, se é posíbel secalo totalmente. Neste escenario a proliferación de algas e outras especies exóticas campan as súas anchas para crear vistosas cores e afrutados aromas ó tempo que as árbores de ribeira morren de secas. Outra cuestión que resulta de vital importancia é a contaminación subxacente, os verquidos habituais ó que son sometidos os nosos ríos eliminarán calquera tentativa natural que derive nun escenario de autoprotección.

Acadamos o obxectivo, xa temos un río completamente esteril, un curso de auga presidido por toneladas de cadáveres de madeira, unha imaxe de sociedade avanzada que respeta o seu entorno máis inmediato.

.

Esto é o que lle fixeron ó río Avia sen que ninguén, agás esta Asociación, Ourense Natural e Naturaribeiro, fixera absolutamente nada. E isto é, tamén o resumo dunha denuncia, dun informe que Coto do Frade elaborou logo dun traballo que comezaba no mes de Maio de 2009 e “remataba” en Febreiro de 2010. Unha denuncia que o próximo luns encamiñarase a Bruselas e que pretende salvar ó río Avia da súa morte. Que busca, simplemente, recuperar a nosa memoria e devolverlle ó noso río tódolos anos de agarimo, de vida social, de alimento, que nos proporcionou ós veciños do Ribeiro sen pedir nada a cambio. Por decencia, paga a pena intentalo.

.

  • A vindeira semana publicaremos o informe.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: