Skip to content

A FEG denuncia a parcelaria de Vilatuxe (Lalín)

21/02/2010

Biodiversidade e Espazos NaturaisA Federación Ecoloxista Galega (FEG) solicitará unha xuntanza co Fiscal de Medio Ambiente de Galicia para entregarlle un completo informe denuncia na que lle solicita que investigue se os danos ambientais ocasionados polas obras da concentración parcelaria son constitutivos de delito ecolóxico contra a biodiversidade e as especies ameazadas e se procede a apertura de dilixencias ante o mesmo.

O documento refírese ás perturbacións que están a ocasionar as obras da concentración parcelaria de Vilatuxe, Lalín, no que se pon de manifesto un exemplo claro do que está acontecer con moitas concentracións parcelarias que se fan en Galicia, e que son responsables de importantes danos ao medio ambiente orixinados por malas prácticas de ordenación do territorio que alentan procesos que derivan no tempo nunha clara perda de biodiversidade e que, nalgúns casos para maior preocupación, chegan incluso a afectar a Espazos Naturais Protexidos da Rede Natura 2000.

A FEG recorda que o ano 2010 está declarado pola Organización das Nacións Unidas (ONU) coma Ano Internacional da Biodiversidade, sendo ademais un ano clave dentro das políticas da Unión Europea na loita contra a perda da biodiversidade.  En Galicia as concentracións parcelarias teñen un lado moi escuro debido a malas praxes e carencia de sensibilidade sendo un factor determinante no empobrecemento do ecosistema e que se ceba finalmente coas especies ameazadas .

Con relación ás concentracións parcelarias entendemos que a administración galega está a autorizar Declaracións de Impacto Ambiental que teñen que ver coa Rede Natura 2000 cun carácter excesivamente permisivo, e que contraveñen a idea principal na que se sustenta o programa europeo Natura 2000, a de manter nun estado favorable a conservación da biodiversidade, mediante a protección dos seus hábitats naturais e dos hábitats das especies e das propias especies ameazadas así coma o mantemento da súa coherencia ecolóxica.

Por este motivo, a FEG esgrime diante do fiscal indicios suficientes que poñen de manifesto a necesidade de que se INVALIDE a Declaración de Impacto Ambiental pola que a Xunta de Galicia autorizou a execución da concentración parcelaria de Vilatuxe, AO CONSIDERALA INCOMPLETA E INSUFICIENTE, e na que a administración omite un elemento fundamental de avaliación, como é a identificación detallada e establecemento das medidas específicas de protección  para as “especies” e os “hábitats das especies” que deben gozar de “estrita protección” conforme ao disposto na Directiva 92/43

Este feito segundo o informe condiciona o cumprimento dun aspecto estratéxico para unha boa execución da concentración, xa que ao non fixarse as medidas de protección específicas necesarias para a protección da fauna e flora dificilmente se pode cumprir o obxectivo principal da propia D.I.A que é a de manter antes, mediante e despois das obras o ENP e os seus valores en “condicións óptimas”.

Denunciamos que as inadecuadas medidas establecidas de seguimento e control tradúcese nunha serie de actuacións que están a causar unha perturbación ambiental que afecta negativamente ao mantemento dunha parte dos valores ecolóxicos motivo polo que este espazo está recoñecido coma ENP, nunha intensidade e magnitude severa xa recoñecible sobre os hábitats danados, pero incerta aínda para as especies e nas que só o tempo manifestara o seu alcance, pero que teñen unha base fundamentada de delito ecolóxico por alentar procesos de degradación dos seus hábitats que son desencadeadores de perda de biodiversidade para este ENP.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: