Skip to content

A FEG esixe a restauración do dano feito pola central do Ramallal

21/02/2010

Medio FluvialDado que a alteración do río foi ilegal ao non estar contemplado na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) correspondente e que a agresión está a provocar unha degradación irreversíbel dun hábitat de interese prioritario, nun Lugar de Interese Comunitario (Rede Natura 2000), PLADEVER e a FEG esixen á Administración que adopte as seguintes medidas e que non sexa cómplice da empresa:

1.- Que se eleve sen adiamento a cota do río ao nivel orixinal para permitir que o sistema de canais e illas danado recupere os treitos desecados.
2.- Que se eleve o leito dragado que serviu para desviar todo o caudal por el, restaurando a marxe esquerda erosionada por este exceso de caudal.
3.- Que se investiguen as irregularidades cometidas tanto pola empresa concesionaria como pola propia Administración.
4.- Que se revise a DIA feita no seu día tendo en conta a alteración sufrida neste ecosistema de tan alto valor, cousa que non se tivo en conta no seu momento.
5.- Que non se devolva o AVAL até non seren reparados os danos causados.

Así mesmo queremos facer fincapé e insistir en que a restauración pasa por elevar a cota do leito do brazo secundario alterado, volvendo a auga así á rede de canais que alimentan as illas e recuperando deste xeito a morfoloxía fluvial que as xerou.

Queremos salientar que non sería válido dragar os brazos da illa para meter a auga por eles, pois iso alimentaría novos caudais artificiais, pero desecaría a parte terrestre do interesante sistema de canais e illas, provocando a eliminación da vexetación que fai destes ecosistemas un hábitat de interese prioritario. Calquera restauración que non se axuste ao dito será obxecto dunha nova denuncia.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: