Skip to content

A FEG esixe a devolución de 25 millóns de Euros a SOGAMA

05/03/2010

(3/3/2010) A Federación Ecoloxista Galega (FEG) e Amigos da Terra queren denunciar que desde o ano 2004 a empresa SOGAMA ingresou máis de 25 millóns de euros por servizos non prestados, polo que esixen a súa devolución.

A orixe desta situación relátase no informe de fiscalización de SOGAMA que fixo público o Consello de Contas no ano 2005: o Plan de Negocio da empresa calculaba que entre os anos 2002 e 2005 o custo do Canon Único a cobrar aos concellos pasaría de 32,35€ a 56,31€/tonelada de lixo (no ano 2009 o canon único era de 54,6 €, IVE incluído). Esta suba (dun 74%) provocou a oposición dos concellos, polo que finalmente no ano 2003 fixouse un prezo político (44€/Tm no ano 2004) que non cubre o custe total do servizo e desde aquel ano vén provocando un déficit nas contas da empresa.

Porén, o colapso de SOGAMA, cun macrovertedoiro de residuos onde se acumulan máis de 2 millóns de toneladas de lixo xéralle á empresa grandes beneficios que compensan ese déficit. Tal como estima o Consello de Contas, o custo para SOGAMA de manter o vertedoiro de Areosa e verter lixo nel no ano 2004 foi de 22€/tonelada. Nembargantes, SOGAMA cobrou o dobre (44€) por cada unha das máis de 250.000 Tm que verteu en Areosa no ano 2004.

Así a conclusión 4.6 do Informe dí que “o vertido controlado de importantes e crecentes cantidades de lixo –a última das opcións na xerarquía das opcións de tratamento– é o que está a equilibrar as contas da Sociedade”. En concreto, para o ano 2004, o balanzo déficit (prezo político)-beneficio (macrovertedoiro) supuxo para SOGAMA uns ingresos de máis de 2 millóns de €.

Empregando as estimas feitas polo Consello de Contas para o ano 2004, e aplicándoas aos datos fornecidos por SOGAMA nas súas memorias ambientais anuais, a FEG e Amigos da Terra estimamos que entre os anos 2004 e 2008 SOGAMA tivo, grazas ao depósito de perto de 2 millóns de toneladas de lixo na Areosa uns ingresos “extras” de máis de 25 millóns de euros.

Estes ingresos son “extras” xa que no caso de que SOGAMA fose quen de incinerar todo o lixo que recibe sería inviábel economicamente, xa que o canon único non cubre o custo real da incineración. A mesma inviabilidade económica que tería a creación dunha nova planta incineradora no sur de Galiza dentro do novo Plan de Xestión de Residuos 2010-2020.

Tendo en conta que a Directiva 2008/98/CE marca que o depósito en vertedoiro é a última das opcións na xerarquía de xestión de residuos. A FEG e Amigos da Terra esiximos que SOGAMA devolva eses 25 millóns de euros de beneficio xerados polo vertido, e que estes recursos económicos sexan empregados nas verdadeiras prioridades :

Programas e medidas de redución (tanto educación ambiental como medidas sobre o mercado)

Fomento dos sistemas de retorno de envases

Establecemento de sistemas de recollida selectiva de materia organica

Plantas comarcais de compostaxe

.

O modelo SOGAMA subverte as directivas europeas, é prexudicial para o ambiente e supón un enorme gasto económico que só se compensa a través do vertido de milleiros de toneladas de lixo. Os grupos ecoloxistas chamamos ao traballo colectivo para que nesta década o peche definitivo de SOGAMA sexa un feito.


[1] Informe deFiscalización da Sociedade galega do Medio ambiente s.a. (SOGAMA). Exercicio 2004. Dispoñíbel integramente no enderezo: http://www.ccontasgalicia.es/pdf/INFORMES/ADMINISTRACION_COMUNIDADE_AUTONOMA/ADMINISTRACION_INSTITUCIONAL/2004/SOGAMA_2004_G.pdf

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: