Skip to content

Corpus Luris Civilis

26/03/2010

A balanza da xustiza e a súa tendencia á fuxida da reciprocidade ten como obxectivo fundamental sopesar o valor líquido de ambos pratos. É tal a brusquidade da precipitación cara a un lado que os desgrazados e inxenuos que ocupan o outro extremo saen despedidos con tal virulencia que os seus requerimentos agochan expandidos no infinito, perdidos entre toneladas de papeis que a modo de arquivo descansan placidamente ó longo dos tempos á espera da súa degradación como materia orgánica afastada do disco duro da realidade. A toga intimida ó cidadán raso,  o mazo remacha con destreza e tenacidade ós exploradores de xustiza para máis tarde, en reverencia, saudar con despotismo á conxestionada servidume.

Coto do Frade e a súa estrana inclinación a visitar periódicamente o cuartel da garda civil de Ribadavia e outros, papeleta en man con selo da Asociación e sinatura dos denunciantes incluído o Documento Nacional de Identidade, pretende do benemérito corpo o subterfuxio das súas demandas como colectivo amparado polo código de identificación G32213456 e polas diferentes taxas satisfeitas a efecto da sempiterna legalidade. Cada certo tempo e tempo certo, membros desta Asociación, perfectamente aliñados e cumprindo escrupulosamente as normas de réxime sanitario, é dicir, curiosos e peripostos co mellor do seu fondo de armario, presentámonos para denunciar os diferentes atropelos que sofre o noso entorno.

Denuncias que, a día de hoxe, terceira etapa da reviravolta do estropicio 2010, o montante económico das sancións incoadas por delictos contra os recursos naturais acada os cerocentos mil Euros, redondeados e plasmados no diario dos horrores varios da (súa) legalidade.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: