Skip to content

O clima non está á venda

17/04/2010

O exceso de contaminación e a sobreexplotación dos recursos naturáis provocaron unha crise ecolóxica planetaria da que a mudanza climática é a manifestación máis preocupante. Galiza é corresponsabel deste grave problema socioambiental, causado principalmente polo sobreconsumo de petróleo, carbón e gas natural. As nosas emisións por habitante de gases de invernadoiro causantes do cambio climático son moi altas. Non resulta sorprendente, se consideramos a localización no noso país de grandes industrias emisoras, o uso masivo de vehículos, a incineración e o vertido da maior parte do lixo ou o retroceso da agricultura labrega.

O fracaso do cumio do clima de Copenhague  non nos desanima. Por iso, co motivo do día da terra, volvemos defender un modelo económico baseado no aforro e na eficiencia enerxética, as enerxías renovábeis e o emprego verde, afastado do produtivismo e do consumismo, que torne a nosa pegada ecolóxica sustentábel.

Queremos un tratado climático internacinal xusto, vinculante e ambicioso capaz de previr unha mudanza climática catastrófica. Demandamos da xunta e dos demais poderes públicos a aplicación de políticas coherentes con este obxetivo,  que posibiliten unha reducción mínima do 30% das emisións galegas de gases de invernadoiro en 2020 a respecto de 1990. É unha obriga moral e tamén oportunidade para mellorarmos as nosas vidas.

Rexeitamos falsas solucións contra a crise climática, como a enerxía nuclear ou os agrocombustíbeis insustentábeis, e reivindicamos:

–          O peche das centrais térmicas de carbón e un plan enerxético que decreza o consumo de enerxía e procure canto antes o abastecemento do %  das nosas necesidades con fontes renovábeis.

–           Unha moratoria na construcción de novas autovías e autoestradas e na ampliación dos aeroportos e un plan de transporte e infraestructuras que potencie os modos de transpostes sustetábeis ( bicicleta, tren convencional, transporte público…).

–          Unha aposta forte pola soberanía alimentar, estimulando a producción e o consumo local de alimentos de agricultura ecolóxica.

–          O peche da incineradora de SOGAMA e o impulso dunha política de resíduos urbáns que priorice a reducción e cree unha rede de plantas comarcais de reciclaxe e compostaxe.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: