Skip to content

Andaina polo día da terra

26/04/2010

O pasado sábado, membros de Coto do Frade participamos na andaina polo día da terra. Baixo o lema “O Clima Non Está  á Venda”, máis de cen representantes de diferentes colectivos ecoloxistas da Galiza percorremos os case tres quilómetros que separan a central térmica de Meirama e a incineradora de SOGAMA.

Os convocantes demandamos un tratado climático xusto, vinculante e ambizoso que sexa capaz de previr un cambio climático catastrófico comezando polo noso país. O peche das centrais térmicas de carbón e un plano enerxético que procure o abastecemento do cento por cento das necesidades enerxéticas con fontes renovábeis, un proceso de lóxica marcado pola soberanía alimentar que estimule a producción e o consumo local de alimentos ecolóxicos foron o eixo fundamental das reivindicacións. Sen esquecer a cuestión dos residuos, un plano galego onde priorice un modelo baseado na reducción, socialmente xusto e onde se concrete unha aposta clara pola reciclaxe. Os Colectivos participantes reclamamos o peche da planta incineradora de SOGAMA e a construcción de plantas de tratamento de residuos comarcais onde o modelo sexa a recuperación das materias primas contidas no residuo e a compostaxe para a materia orgánica.

Do mesmo xeito, solicitamos unha moratoria na construcción de novas autovías e autopistas e o potenciamento de modelos de transporte máis sostíbeis e sociais na Galiza. O sobreconsumo do petroleo, carbón e gas natural é factíbel reducilo en 20 anos ata nun 30% mediante a creación dun plan director de transporte e infraestructuras.

Mirar cara outro lado é, simplemente, roubar o futuro dos nosos descendentes, destruir para sempre o noso planeta.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: