Skip to content

FEG. A biodiversidade galega en perigo

11/05/2010

No ano internacional da biodiversidade, o Patrimonio Natural Galego fica no abandono absoluto. A FEG discrepa do diagnóstico do Conselleiro do Medio Rural sobre o bom estado do Patrimonio Natural galego. Nestes 12 meses a bagaxe achegada polo Director Xeral de Conservación da Natureza, máis preocupado na repoboación de piñeiros no Courel que na súa declaración coma Parque Natural, é moi pobre. A súa actitude reflicte cal é o seu criterio no fomento da nosa biodiversidade: ningún.

Así, a biodiversidade galega atópase á deriva e orfa de instrumentos eficaces de protección, pois na práctica non existe unha xestión efectiva da conservación do patrimonio natural. Ante a falla de aplicación das normas e dos instrumentos de protección e conservación do patrimonio natural vixentes, a FEG esixe a asunción de responsabilidades xurídicas e políticas.

Nestes 12 meses a política instaurada polo goberno Feijoo en materia de conservación dos espazos protexidos e das especies ameazadas foi nula. Na semana pasada, nun foro sobre Patrimonio natural galego, o Conselleiro do Medio Rural só foi capaz de destacar coma logro nesta materia a declaración da ZEPA da Limia e a ampliación do PN do Xurés. Ambos proxectos herdados da anterior lexislatura e, no caso da ZEPA, a resultas dunha advertencia de multa por parte da UE.

Como mostra, a dotación económica para os Parques Naturais é pírrica; por exemplo o Goberno de Asturias vén de anunciar que este ano destinará 9,8 millóns de euros para o Parque Natural de Somiedo, cifra que duplica o que se investirá en conxunto nos 6 Parques Naturais Galegos.

Ademais, o Director Xeral de Conservación da Natureza acaba de anunciar que nin Ancares nin Courel serán declarados parques naturais, impedindo deste xeito a dinamización económica destas áreas deprimidas pero naturalmente privilexiadas.

Con relación á rede Natura 2000, o prazo de seis anos dado pola UE para aprobar os seus plans de conservacións remata ao final deste ano, e existen lugares da Rede que xa non teñen nada que ver cos atributos polos que foron recoñecidos por Europa. Literalmente moitos deles están esnaquizados, particularmente as áreas de media montaña, invadidas por parques eólicos e canteiras (Cando, Xistral, Careón, Candán), amais dos sistemas fluviais (Verdugo, Ulla-Deza, Sil). Somos, despois de Ceuta e Melilla, a última Autonomía do estado en contribución de superficie protexida da Rede Natura 2000, e do expediente administrativo iniciado para ampliación da Rede Natura 2000 nada se sabe. Para este ano a Xunta en convenio co Ministerio de Medio Ambiente gastará 1,5 millóns de euros na Rede Natura 2000, unha cifra que supón menos de 5 euros por hectárea.

As medidas específicas de recuperación das especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas paralizáronse sen avanzar nin aplicar os escasos plans de conservación que se comezaran facer.

Vista a pobre bagaxe realizada na principal materia que debe atender Conservación da Natureza cuestionamos o papel de xestión do Director Xeral de Conservación da Natureza.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: