Skip to content

Presentación do Plano de Residuos 2010-2020

25/05/2010

A Xunta de Galiza ven de presentar os primeiros datos do que será o novo plano de residuos 2010-2020,  un documento presentado no Consello Galego de Medio Ambiente (COGAMA) o pasado 21 de Maio. O novo plano de residuos conta cun presuposto de pouco máis de 510 millóns de euros, dos cales 410 serán para infraestructuras.

No apartado de Infraestructuras, aínda que se inclúen ata oito pequenas plantas de compostaxe cunha capacidade máxima de tratamento para 10.000 tn/ano, o groso do investimento adícase para a macroplanta incineradora do Sur de Galiza. Esta macroplanta, cunha capacidade superior á de Cerceda (290.000 tn/ano) conta cun orzamento de 244 millóns de Euros, case a metade do custe total do Plano de Residuos.

Sorprendentemente dos 500 millóns de Euros, 430 veñen de fontes privadas, o 84% do total,  destacando neste senso as aportacións de Gas Natural e Iberdrola, cun montante económico que supera os 200 millóns de Euros. Unha aposta clara e decidida pola privatización a grande escala e a continuidade dun modelo fracasado como é SOGAMA.

Coto do Frade oponse radicalmente a esta nova estafa contra a poboación galega, un modelo baseado na incineración dos residuos mesturada con insignificantes medidas de reducción e compostaxe a modo de escaparate verde. Esta operación de marketing consúmase coa declaración de intencións de reducir nun 10% a xeneración de residuos para o ano 2020, lembremos que este mesmo modelo foi o responsábel do incremento producido nos últimos dez anos, un 30%. Falamos polo tanto da imposición do fracaso consumado a nivel de xestión, outra cousa é o colosal negocio para as grandes empresas enerxéticas.

Gas natural (FENOSA) e Iberdrola, financiarán en máis do 90% a incineradora Sur, mercantilizando un problema social e ambiental en beneficio propio; a máis residuos máis beneficio. Negocio redondo e control político, unha estratexia propia de paises terceiromundistas.

O investimento en reducción ata o ano 2020 e de 56 millóns de Euros, pouco máis do que gastou o F.C. Barcelona para fichar a Villa, teremos ademáis en conta que a maioría deste ridículo presuposto a dez anos será investido en campañas e panfletos para a concienciación da abochornada poboación. Tamén, cabe destacar, que os obxectivos para a compostaxe da materia orgánica en 2020 é do 25%, Nostián e Barbanza superan estes obxectivos na actualidade con case un 45% mentres que SOGAMA, o modelo que se vai impoñer, acada o 0%.

En definitiva, aposta decidida pola incineración e remendos para lavar a cara. Os residuos en mans privadas e a xestión cara a cumplir os obxectivos da Directiva Marco Europea (2008/98) de festa en Xinzo de Limia (no esquecemento).

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: