Skip to content

Cortegada perfílase como lugar de ubicación da nova incineradora

08/06/2010

O alcalde socialista de Cortegada, Avelino De Francisco disposto a cargar coa Planta Incineradora do Sur de Galiza. O rexidor municipal pretende co seu equipo técnico valorar medioambientalmente a ubicación exacta e estudar se lle interesa ó Concello. A obsesión socialista por albergar toda a merda das provincias de Ourense e Pontevedra no Ribeiro comeza a ser un problema que vai máis aló do meramente anecdótico, primeiro o Parque Ambiental de Carballeda onde se pretendía, sen incineración, acoller baixo o capote da reciclaxe gran parte dos residuos urbanos das dúas provincias, e agora, o que faltaba, este persoeiro pretende rematar a faena acollendo no Ribeiro unha planta incineradora que supera en capacidade e ocupación do territorio á de Cerceda.

Ante solemne pallasada só cabe agardar un mínimo de sentido cidadán, unha resposta clara e conduntente dos veciños e veciñas do Ribeiro fronte a unha barbaridade ambiental e de saúde pública que mermará de xeito significativo a calidade de vida nestas terras. Para máis INRI, De Francisco, aporta infraestructuras o seu argumentario ecléctico, considerando oportuno o transporte por ferrocarril xa que, segundo as súas verbas, conta cunha estación a tres quilómetros.

Dende Coto do Frade consideramos inaceptábel esta posibilidade, posicionándonos totalmente en contra da incineración dos residuos así como da centralización dos mesmos. Coto do Frade só asume un modelo que priorice a reducción e cree unha rede de plantas comarcais de reciclaxe e compostaxe, calquera outro escenario contará co noso rexeitamento, máis cando estamos a falar de destruir as materias primas contidas no residuo por medio da incineración.

A incineración de residuos produce a emisión de sustancias moi tóxicas ó ambiente, dioxinas e furanos; sustancias altamente canceríxenas, resistentes á degradación que tenden a bioacumularse nos seres vivos. Circunstancia ésta, que semella obviar o alcaldete de Cortegada, por ignorancia ou afán de protagonismo  pretende vender a nosa terra ós intereses das empresas enerxéticas que entran no pastel; Iberdrola e Gas Natural (Fenosa) que aportarán o 90% do custe total da Incineradora Sur.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: