Skip to content

Ciberacción, mina nas Fragas do Eume

10/06/2010

Dende Coto do Frade (FEG) queremos convidarte a participar nesta acción e a espallar por toda a rede o contido da mesma, e así, frear este novo atropelo que en nome de “la pasta” pretende instalarse a 50 metros do Parque Natural. Un proxecto da empresa sudafricana Picovello Andalucita S.L que era sometido a información pública en Marzo de 2005, sendo rexeitado en Setembro do 2006 por invadir o Parque Natural das Fragas do Eume. A empresa volta a carga en 2007,  presentando outro proxecto mineiro no que retira a 50 metros do Parque a explotación.  Esta modificación do proxecto consegue o obxectivo da multinacional sendo aprobado  en Febreiro de 2010.

Ciberacción en http://www.salvalaselva.org/protestaktion.php?id=589

Estimados/as Señores/as:

A través desta carta quero compartir a miña preocupación cos grupos ecoloxistas galegos ante a recente aprobación da Declaración de Impacto Ambiental para o proxecto de explotación mineira da concesión Sonsolves IV 6156.1, na Parroquia de Goente, concello de As Pontes de García Rodríguez (A Coruña), promovido por Picobello Andalucita, S.L.

O xacemento está na zona do Pico Vello, lindante co Parque Natural Fragas do Eume, e constituída na súa maior parte por unha fraga mesta e pasteiros, coa presenza de numerosas especies de fauna e flora con interese biolóxico como os queirugais húmidos atlánticos de clima temperado, considerados como hábitat prioritario, é dicir, en perigo de desaparición, segundo a Directiva Hábitats do Consello da Unión Europea. Tan só unha zona próxima a Pico Vello está incluída na proposta de ampliación da Rede Natura 2000, sendo esta a principal rede ecolóxica a nivel europeo baseada na conservación da biodiversidade e que otorga unha figura de protección a aqueles territorios onde existan hábitats de interese comunitario.

O monte Fontardión, ao pé do cal se atopa Pico Vello, constitúe o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural Fragas do Eume e Lugar de Interese Comunitario Xubia-Castro, ámbolos dous incluídos xa na Rede Natura 2000. A posta en funcionamento da explotación suporía a perda deste corredor ecolóxico e a destrución irreversible dun inmenso patrimonio natural e etnográfico (fragas, regos, brañas, muíños, …).

Non hai que esquecer que o proxecto afectaría tamén ó Parque Natural Fragas do Eume, dado que a entulleira situaríase xusto sobre rego Maciñeira, afluente do río Eume, principal cauce que percorre o Parque Natural, o que suporía unha grave contaminación, por lixiviacións, escorreduras, etc. No informe de avaliación ambiental non se detallan as repercusións negativas derivadas da execución do proxecto sobre o Parque Natural situado a tan só 50 metros de distancia da zona da extracción; entendemos que a franxa de amortecemento non é abondo para librarlo das afeccións causadas pola contaminación da mina.

Autorizar esta explotación provocaría tamén a eliminación definitiva e irreversible dunha das fontes principais do río Belelle, afectando gravemente tanto á cantidade como á calidade das súas augas, das que se subministra a unha poboación importante dos concellos de A Capela, Cabanas, Fene, Neda e Ferrol. A valoración do Impacto Ambiental faise unicamente sobre unha das dúas bacías fluviais afectadas, a do río Eume, omitindo expresamente a afección á bacía do río Belelle. Dicimos “expresamente” pola razón de aparecer encadrado o Rego Cernadas na bacía do Río Eume e non na cunca do Río Belelle, como corresponde coa realidade. Debido a esta omisión, enténdese claramente porque non se fai un balance axeitado sobre as afeccións a esta bacía.

Súmome, por todo o dito, ao rexeitamente público manifestado por diferentes colectivos sociais e concellos afectados, que ven en perigo a captación de auga para abastecemento das poboacións, ademais de non atopar ningún beneficio económico na posta en marcha dun proxecto de forte impacto na contorna. Apoio o rexeitamento expresado polos grupos ecoloxistas galegos ante un proxecto de explotación que suporía a destrucción da fraga de Pico Vello, o nacemento do Río Belelle e afectaría gravemente ao Parque Natural Fragas do Eume. Os responsables públicos deberían invalidar a declaración de Impacto Ambiental, dadas as eivas atopadas na mesma.

Por último, esixo aos diferentes órgaos da Adminsitración Pública o respeto da lexislación vixente e un compromiso claro coa salvagarda da contorna, en detrimento de intereses particulares e transitorios como é a mina de andalucita no lugar de Pico Vello, favorecendo modelos económicos sustentables e respetuosos social e ambientalmente.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: