Skip to content

A rectificación do alcalde

18/06/2010

Coto do Frade quere amosar a súa satisfacción ante a rectificación pública que o señor alcalde de Cortegada ben de facer en relación á incineradora Sur que pretende instalar a Consellería de Medio Ambiente na comarca de O Ribeiro. Din que rectificar é de sabios, aínda que o caso que nos ocupa máis que un ataque repentino de cordura no edil, semella unha chamada a filas cociñada nos fogóns da sede socialista en Compostela.

A sorprendente aparición do señor De Francisco, como actor secundario aspirante a premios de maior fuste, non deixou indiferente a ninguén cando destapaba nos medios de comunicación o frasco do seu inverosimil argumentario pro-incineración, unha cantimplora malcheirenta capaz de provocar a fuxida masiva dos seus conveciños na procura doutra realidade. O persoeiro, parece, confundir o biocompost coa incineración, e tras consultar o Plano de Residuos que pretente impoñer contra vento e marea o actual goberno da Xunta de Galiza indagou na existencia de luz máis aló do seu despacho, modificando a mensaxe.

O cambio de escena do rexidor municipal ven a sumarse ó apoteósico NON que clama o Ribeiro contra a incineración dos residuos, un suma e sigue constante que está a revolotear no casco do Señor Hernández, actual Conselleiro do Medio Ambiente e Outras Lerias, que busca dar continuidade a un modelo de xestión fracasado e mesmo corrupto como SOGAMA. A xestión dos residuos ten que estar marcada pola descentralización, que aposte pola compostaxe da materia orgánica e a reciclaxe das diferentes fraccións de residuos, que sexa socialmente xusta e dentro dun modelo fundamentado na reducción . Pretender condear a unha comarca a centro receptor de 600.000 tn/ano de residuos é unha auténtica loucura, e plasmar o seu tratamento na queima e depósito en vertedoiro un problema social e de saúde pública que non estamos dispostos a asumir.

Galiza xenera unha cantidade de residuos correspondentes a cinco veces o tamaño do seu territorio, dende o establecemento do modelo SOGAMA a xeneración de residuos ven de aumentar dende 700.000 a máis de 1.000.000 de tn/ano. A bagaxe da reciclaxe é simbólica por non dicir ridícula, un mísero 2% que nos coloca á cola da Unión Europea neste senso. O novo Plano de Residuos ven a ratificar a aposta polo fracaso consumado, a nova SOGAMA preténdese instalar na comarca do Ribeiro, o departamento do señor Hernández sinala como lugar de ubicación da  planta o límite das provincias de Ourense e Pontevedra, deixando claro que a mellor opción é Ourense, non fan falla demasiados coñecementos en xeografía para situar o cadáver.

Coto do Frade rexeita a incineración sexa en Cortegada, Melón ou en calquera outra ubicación que teñan en mente os actuais gobernantes, sendo a nosa premisa a comarcalización na xestión, que cada comunidade se faga responsábel dos residuos que xenera e se apliquen as políticas de proximidade.  Calquera outro escenario contará co noso rexeitamento.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: