Skip to content

Contencioso administrativo contra a proposta de parques eólicos

24/06/2010

A través da orde do 29 de Marzo de 2010 para a asignación de 2325 MW na modalidade de novos parques eólicos en Galicia da Consellería de Economía e Industria (DOG do 31 de Marzo de 2010). O Goberno da Xunta pretende  consolidar as vellas políticas neste senso que conlevarán danos irreversíbeis sobre o medio ambiente galego: sobre os seus recursos naturais, a biodiversidade e a paisaxe. Os danos virían dados pola ocupación, na maior parte dos casos, de hábitats naturais. A FEG considera que calquera desenvolvemento eólico debe ser contemplado ao abeiro dun novo Plan Sectorial Eólico, que leve aparellado un proceso de Avaliación Ambiental Estratéxica tal e como contempla a lexislación (Lei 9/2006 sobre Avaliación dos efectos de determinados Plans e Programas no Medio, transposición da Directiva 2001/42/CE en vigor dende o 21 de xullo de 2004) e un mapa de exclusión de zonas de elevado valor ambiental.

A Xunta do PP ampárase nun Plan vello para eludir o control ambiental do desenvolvemento eólico e así seguir na senda do continuísmo nesta materia: a instalación de máis MW a cambio dun enorme custo ecolóxico. A pretendida exclusión das zonas da rede Natura 2000 para realizar a instalación de parques eólicos, cae en saco roto e soamente serve para desviar a atención e como lavado de imaxe: a día de hoxe o 40% da potencia eólica está instalada en zonas da Rede (Ancares-Courel, Brañas de Xestoso, Carnota-Monte Pindo, Costa Ártabra, Costa da Morte, Estaca de Bares, Fragas do Eume, Monte Faro, Monte Maior, Ortigueira-Mera, Serra do Candán, Serra do Cando, Serra do Careón, Serra do Xistral e Xubia-Castro), mentres que as novas zonas propostas para a súa ampliación (en virtude da aplicación da lei) continúan desprotexidas e son susceptíbeis de acoller novos parques (Serra do Suído, Serra da Groba, Serra da Loba, Serra do Barbanza, Serra do Eixe…).

Deste xeito o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández, está a capitanear o segundo intento planificado dunha das maiores agresións ambientais ao conxunto do país. A FEG insiste en que antes que a Orde deben ser cumpridas as seguintes Directivas e Leis:

• Directiva de hábitats (Directiva 92/43 CEE do Consello, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres).
• Directiva de aves (Directiva 79/409/CEE do Consello, de 2 de abril de 1979, relativa á conservación das aves silvestres).
• Lei 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade.
• Decreto 88/2007 do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas.
• Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

Todas as citadas directivas e leis serán de imposíbel cumprimento se prospera a Orde do 29 de marzo de 2010. Cómpre mencionar, ademais, que seguindo o Decreto 88/2007, a propia Xunta de Galicia está a elaborar os plans de conservación de determinadas especies ameazadas (entre eles o da aguia real, o da tartaraña e a gatafornela, de morcegos, etc.) que serían completamente inútiles con semellante desenvolvemento eólico.

Esta Orde, amais, vai en contra do espírito e finalidade da lei de Avaliación Estratéxica Ambiental: dende un punto de vista xurídico cabería facer unha interpretación teleolóxica da normativa, pois o propósito, tanto da Lei de Avaliación como da Directiva Hábitats, é precisamente intervir sobre aqueles plans e proxectos que poidan incidir negativamente nos espazos naturais.

A FEG vese obrigada a reiterar unha vez máis o seu apoio á produción de enerxía por medios renovábeis, pero garantindo outros aspectos do medio ambiente galego, sendo ademais prioritario o aforro e a eficacia na política enerxética.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: