Skip to content

Europa admite a trámite a denuncia do río Avia

05/07/2010

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo ven de admitir a trámite o informe Denuncia que Coto do Frade presentaba no mes de Febreiro onde se comunicaban as infraccións do dereito comunitario perpetradas no río Avia ó longo do ano 2009, remitindo como proba as conclusións derivadas do traballo de campo realizado por esta Asociación na zona. Traballo que viña a demostrar a relación causa-efecto dos feitos denunciados e a degradación ambiental provocada,  conculcando o expresamente citado nas Directivas (2000/60/CE) e (92/43/CEE), Directiva Marco de Augas e Directiva relativa á Conservación dos Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestre respectivamente.

O Informe-Denuncia demostra a responsabilidade tanto das administracións Galega e Española en materia de Medio Ambiente como da empresa Gas natural-Fenosa. Os feitos denunciados levaron ó río avia a unha situación de crise ambiental sen precedentes;  pola neglixencia e mala praxis das administracións competentes e pola xestión que do encoro de Albarellos ven facendo a empresa. Accións que remataron por propagar o fungo Phytophtora Alni por todo o cauce e que provocaron a seca do río entre os meses de Agosto e primeira quincena de Outubro de 2009, logo dun prolongado periodo sen aportar un só litro de auga dende o encoro.

Actualmente o río Avia aparece inmerso nun proceso dexenerativo do ecosistea ripario, sen que as administracións autonómica e estatal teñan feito absolutamente nada ó respecto. Á pandemia cabe engadir o derrube de barrancas e a caída de árbores en diferentes tramos, unha situación calamitosa provocada e consentida.

Coto do Frade considera a decisión da comisión de Peticións un primeiro paso cara recuperación do noso río, consideramos imprescindíbel a aplicación de sancións ás administración competentes así como, a retirada da concesión á empresa e a posterior demolición do encoro de Albarellos, único mecanismo para a consecución do bo estado ecolóxico das súas augas.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: