Skip to content

Nova certificación fraudulenta de NORFOR

29/07/2010

Unha nova certificación baixo estándares do FSC (Forest Stewardship Council), vén de ser concedida a NORFOR, a filial de ENCE dedicada á xestión forestal. O FSC é una organización internacional sen ánimo de lucro, que ten sido apoiada polo movemento ecoloxista, pero que está a amosar unha deriva que a separa dos seus obxectivos orixinais de promover unha xestión forestal “ambientalmente responsable, socialmente beneficiosa e económicamente viable”, como demostra a nova certificación de NORFOR. A concesión do certificado tense levado a cabo pola multinacional da certificación Bureau Veritas e vén de amosar a falla de capacidade deste sistema para garantir que detrás do mesmo existe unha xestión forestal sostible e formula serias dúbidas sobre a orixe dos produtos que se acompañan deste selo.

A certificación de xestión forestal sostible baixo os principios do FSC, tíñase concedido anteriormente pola empresa certificadora SGS, no ano 2004, a NORFOR, para a superficie que xestiona directamente, unhas 12000 hectáreas en réxime de propiedade ou consorcio con comunidades de montes. O movemento ecoloxista galego, que sempre tiña apoiado este sistema de certificación, veuse sorprendido pola concesión dun certificado que gozaba de prestixio e credibilidade a unha empresa cunha actividade forestal diametralmente oposta aos estándares baixo os que se concedía o selo. Foi precisamente a denuncia do movemento galego de defensa ambiental e doutros grupos de ámbito internacional como Greenpeace e WWF, e as reclamacións diante das instancias do FSC, o que forzou á retirada do certificado en 2007.

Ao longo dos anos de reclamación, nos que se pretendía salvar o prestixio e a confianza que inspiraba o FSC, demostrouse con absoluta claridade que a xestión forestal de NORFOR está moi lonxe de ser ambientalmente responsable; en efecto, con datos e fotografías de parcelas xestionadas pola empresa, amosouse que o monocultivo de eucalipto que levaba a cabo a empresa danaba severamente os solos e atentaba contra a biodiversidade polo uso indiscriminado de grandes cantidades de agrotóxicos utilizados. O uso de agrotóxicos impide tamén a obtención doutros beneficios do monte como son os recursos de interese económico como o apícola, cinexético ou micolóxico ou os beneficios como a conservación dos recursos hídricos. Tamén se amosou no proceso de reclamación en contra da certificación, a falla de capacidade da empresa para proporcionar ningún beneficio social nas zonas onde opera e o dano económico que provoca a especulación levada a cabo pola empresa coa que consigue tombar o prezo da madeira de eucalipto empobrecendo o rural e aos produtores. Como consecuencia do escándalo que supuña a certificación de NORFOR e das reclamacións presentadas, o FSC forzou á empresa para que renunciara ao selo, facéndoo en 2007.

Agora, unha nova empresa certificadora, Bureau Veritas, vén de conceder outra vez o selo FSC a NORFOR aínda que o sistema de xestión dos montes controlados por esta empresa segue a ser a mesma. En efecto, aínda que se ten producido unha renovación no “marketing” da empresa, non se aprecian cambios reais nos montes nos que intervén ENCE. Para conseguir levar adiante este engano a empresa certificadora e a certificada simplemente realizaron unha serie de actuacións destinadas a camuflar a actividade forestal de ENCE como sostible. En primeiro lugar, dada a evidencia dos danos provocados pola empresa nas parcelas que xestiona, Bureau Veritas escolleu unha pequena parte do total, concretamente certifica so 3700 de 12000 hectáreas, seleccionando aquelas parcelas máis fáciles de maquillar. Este feito, constitúe en si mesmo unha das serias deficiencias da certificación xa que racha co primeiro principio do FSC que pide un compromiso da empresa cos principios do sistema e non existe compromiso se ENCE mantén a maior parte da súa superficie sen intentar nin sequera mellorar a súa xestión.

Dende a Federación Ecoloxista Galega (FEG), que formou parte do Grupo Galego de Apoio ao FSC, queremos denunciar agora a deriva que está a amosar nesta e noutras certificacións indebidas. O sistema de certificación parece estar a converterse nun mero negocio no que, quen paga, obtén un selo que aporta unha mellora no beneficio de contorno ao 20 por cento nos produtos elaborados con madeira certificada. Bureau Veritas ten amosado unha absoluta falla de honestidade ao conceder de forma fraudulenta un certificado que gozou de prestixio entre os ecoloxistas e a sociedade, sucumbindo ante os intereses económicos, e prexudicando a credibilidade do selo.

Pero o máis grave é que, na actualidade, non está garantido que detrás dun produto co selo FSC exista unha xestión forestal sostible; ao contrario, existe a probabilidade de que o que se estea a dar tras dun produto certificado, sexan certificacións como a que Bureau Veritas acaba de conceder a NORFOR; é dicir, tras un produto certificado polo FSC, podemos atoparnos unha xestión forestal que implica danos irreversibles a nivel de solos e de biodiversidade, que agrava problemas sociais e económicos no medio rural ao tombar os prezos da madeira coa conseguinte diminución de recursos e o empobrecemento da poboación nas áreas onde existen plantacións de NORFOR.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: