Skip to content

Se isto é cultura, chámenme ignorante

29/07/2010

Hoxe, como ben sabedes, é un día de celebración pra tódolos amantes dos animais. A prohibición das touradas dos veciños cataláns énchenos de orgullo e fainos estar un pouco máis esperanzados de cara a abolición deste terrible atentado contra a dignidade animal alí onde se produza.

O rebumbio montado, tanto no Parlament como fora del, pretende facer disto unha cuestión política, esquecendo que a votación final levouse a cabo gracias a unha iniciativa popular que, pra poder ser votada e lexislada, necesitaba de 50000 firmas. Conseguíronse 180000. É que non se trata dun separatismo entre españois e cataláns, senon de eliminar un espectáculo tan cruel como é a barbarie do asasinato ó touro.

Proclamaban os pro-taurinos “Libertad, libertad” nas portas do Parlament. Tiñan como pobre alegato a elección libre da xente á hora de escoller se ir ver unha tourada ou quedarse na casa se a un non lle gusta. Iso é algo así como alegar que un lles pode mexar a eles nas cabezas, alegando que teñen a liberdade de apartarse se queren. Se todos fosemos libres de facelo que quiseramos…. É que non se trata de liberdade pra facelo que un quere, senon a liberdade pra facelo que é aceptable. Lembremos que en toda Catalunya só quedaba unha praza de touros, a Monumental de Barcelona, que apenas ofrecía quince festexos ó ano e, na meirande parte, non se chegaba a completar nin medio aforo.

Apelaron tamén a tradicionalidade, como se fose posible que algo, simplemente porque se veña facendo de xeito tradicional, xa ten que ser bo, sen ter en conta outro tipo de cuestionamentos que non sexan só a tradición. Un atentado contra a cultura, dicían. Nomes como o de Hemingway, Picasso ou Lorca saíron a relucir. Pero destes nomes fai máis de 50 anos, as sociedades avanzan e, agora sabemos, ó contrario que se pensaba fai máis de medio século, que o touro é un animal que padece un sufrimento terrible antes de morrer.

Primeiro o pican, destrozándolle músculos, vasos sanguíneos e nervios. Despois veñen as “banderillas”, que nalgúns casos teñen un arpón que chega ós 8 centímetros de lonxitude e a “sorte de matar”, que se fai cunha espada de 80 centímetros. Por último ven o “descabello” que, lonxe de matalo, secciónalle a médula espinal, o que fai que o touro sexa consciente en todo momento do seu arrastre final polos cabalos que o levan cara afora da praza, vomitando sangue, mentres o público amosa panos blancos que alaban a “gran faena” que acaban de presenciar.

Se isto é cultura, chámenme ignorante.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: