Skip to content

Incineradora SI, en San Caetano

31/07/2010

A incineración consiste na queima dos residuos a temperaturas superiores a 850º, segundo a Unión Europea. Esta queima trae consigo certos inconvintes como son:

  • A combustión do lixo sen separación produce como efecto a combustión de determinados produtos moi tóxicos. A presenza de PVC na mestura aporta ós gases de combustión ácido clorhídrico que, en presenza de materia orgánica, pode orixinar produtos tóxicos derivados das dioxinas e dos dibenzofuranos (canceríxenos).
  • As cinzas producidas conteñen metais pesados, cádmio en cantidades consideradas perigosas que deben recibir un tratamento especial para evitar a súa alta toxicidade.
  • Como consecuencia é necesaria unha cuantiosa inversión en tecnoloxía, ata o de agora ningunha destas novas tecnoloxías asegura reducir considerablemente a perigosidade deste tratamento sendo rexeitado por todo o movemento ecoloxista (leito fluidizado, plasma, NEUTREC).

No Ribeiro pretenden impoñernos este sistema, centralizando a xestión dos residuos do sur de Galicia, perpetuando e acentuando un modelo que demostrou ser un fracaso: SOGAMA. Para elo, o novo plano de residuos de Galicia consta dun presuposto do que 430 millóns de euros proveñen de fontes privadas (84% da inversión total), destacando as aportacións de Gas Natural e Iberdrola. Se tanto as directivas europeas como as estatais propoñen como último recurso a incineración, antes da eliminación en vertedoiro, ¿Como se explica esta forte inversión neste sistema?. A explicación é sinxela: cartos.

A valorización con recuperación de enerxía a través da incineración é un negocio redondo. Nós pagamos pola xestión dos nosos residuos, separámolos e depositámolos no contenedor axeitado. Unha empresa os leva, quéimaos e gracias a esta queima obtén un exceso de calor que transforma en enerxía. Esta enerxía é vertida á rede pública e vendida de novo ás mesmas persoas que pagaron polo tratamento dos seus residuos, só que agora teñen que pagar por esa enerxía que procede dos seus mesmos residuos e que xa pagaron por xestionar. O dito, un negocio redondo, e así é como se comprende que dúas empresas enerxéticas como son Gas Natural e Iberdrola sexan quen máis cartos aporten ó novo plano de residuos de Galicia.

Dende o ecoloxismo propoñemos un modelo descentralizado, socialmente aceptable e xusto, onde prevaleza a minimización (reducción, reutilización e reciclaxe), no que cada bisbarra xestione de xeito eficaz os seus residuos sen atender a intereses económicos senon medioambientais, amparándose nas leis existentes que priman a minimización para lograr un modelo estable de xestión que preserve o noso futuro e o das nosas fillas e fillos.

NIN PARQUE AMBIENTAL NIN INCINERADORA

POLA XESTIÓN COMARCAL DOS RESIDUOS

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: