Skip to content

A FEG rexeita o decreto de reponteciación eólica

18/08/2010

Coto do Frade como representante local da FEG considera que os plans de repotenciación eólica non contribuirán a solucionar o grave impacto ambiental dos parques eólicos en Galicia, en particular sobre a Rede Natura. A pesar de que a repotenciación de parques eólicos é precisa e recomendable, de nada vale cando o modelo eólico galego continúa sen ser sometido a unha adecuada avaliación ambiental.

A FEG lamenta que a posible substitución de aeroxeradores non se faga baixo unha estratexia clara de minorar impactos e incardinada nun plan eólico global de medidas, no que se tivera en conta, entre outras, unha delimitación de zonas de exclusión en espazos protexidos, incluso a retirada de parques eólicos, ou a localización e estudo das áreas más convenientes e o modo para facer a repotenciación. Ademais considerase que se o repowering se fai sen estudo de avaliación ambiental a repercusión ecolóxica pode ter un efecto contrario, xerando a intensificación dos efectos negativos existentes. Os novos muíños resultan moito máis potentes, precisamente polo incremento considerable das súas dimensións, polo que novamente sobre moitos espazos protexidos será necesario mobilizar maquinaria moi pesada e adecuar as vías de acceso até 12 metros de ancho por zonas que resultan moi sensibles. Na práctica os efectos serán equiparables á construción dun novo parque, con tódalas molestias e consecuencias que isto ten para o contorno, e polo tanto, para un expediente que se pretenda resolver en seis meses calquera proceso de avaliación ambiental coa súa respectiva exposición e aprobación carecera de rigor.

O máis urxente nestes momentos é substituír o Plan Sectorial Eólico de Galicia, do ano 1997, por outro que se axuste á realidade e necesidades do noso territorio. Anunciar que o novo decreto sobre repotenciación é pioneiro no Estado resulta extravagante, e só pon en evidencia o anticuado que poden quedar os Plans Eólicos. Mencionar que nos últimos anos xa é unha realidade noutras Comunidades a denominada “segunda xuventude” dos parques eólicos, baseado na substitución de aeroxeradores anticuados por outros de maior potencia, tal e como xa se vén facendo en Andalucía, Navarra ou Canarias.

O repowering pon en evidencia a idade dos muíños e as perdidas que afronta o sector, ao que sen dúbida lle sae máis rendible conseguir incrementos “gratuítos” de potencia, diminución en custos de mantemento, e colocación dos aeroxeradores vellos nun emerxente mercado de segunda man en terceiros países. Nos últimos anos o sector eólico está a presionar ás administracións para que se lles permitan máis Mw nas concesións vixentes mediante a repotenciación con tecnoloxía moito máis potente.

A FEG vén de presentar un recurso contencioso contra o novo reparto eólico feito pola Xunta, e insiste en denunciar que a administración galega resístese a aceptar que tamén a enerxía eólica ten que someterse a unha Avaliación Estratéxica Ambiental, segundo a normativa Europea. Resulta un disparate que toda a previsión eólica, coas sucesivas modificacións de ampliacións de potencia, se faga ao abeiro dun Plan feito nun tempo no que resultaría ciencia ficción imaxinar aeroxeradores de ata 5 Mw de potencia por unidade.

Reclamamos un novo  documento que fixe unha estratexia eólica que conte tamén con claras directrices de respecto aos espazos naturais protexidos, á paisaxe, e á flora e fauna ameazada do noso país. Principalmente que contemple un mapa de zonas de exclusión por motivos de conservación da natureza, até o de agora inexistente, e que outros plans eólicos estatais xa teñen (caso de Estremadura, ou Cataluña).

Nestes momentos o modelo eólico galego impulsado pola administración só está centrada en espremer a potencia do vento a calquera prezo en base ao ditado do lobby eólico. A Consellaría de Industria e a Xunta de Galicia están a enganar ao conxunto da poboación galega, baixo un discurso e publicidade no que se coida moito unha mensaxe de protección ambiental que finalmente responde a outros intereses estritamente especulativos dentro do sector enerxético. A situación resulta moi preocupante, ao contrastar os dous aspectos máis relevantes no modo de desenvolver a enerxía eólica en Galicia: por unha banda, compracer á industria eólica cun incremento de potencia fronte, pola outra, á ausencia de medidas de protección ambiental dun patrimonio de tódol@s galeg@s.

Os comentarios están pechados.