Skip to content

A Xunta ignora a ampliación da Rede Natura

26/08/2010

A Federación Ecoloxista Galega (FEG) presentará coma alegación principal ás Directrices de Ordenación do Territorio a exclusión da ampliación da Rede Natura 2000, un documento que acadou “estado administrativo” e financiado con cartos públicos, que resulta indispensábel para construír o marco xeral de referencia da ordenación do noso país. O documento das DOT fai referencia ao respecto das áreas que non gozan de recoñecemento coma espazo protexido; así di que se terán en conta “coma punto de partida” na identificación de “áreas complementarias” os documentos previstos no apartado 3.2 do anexo (ver páxina 222), tales como Normativas, catálogos e inventarios, e dos que fai unha relación, algúns propostos por ONGs, pero non menciona os propios da Xunta, tal como é o documento presentado de ampliación ou outro interno coma é o mapa de corredores ecolóxicos de Galicia.

A extensísima documentación “literaria” de análise e diagnóstico que presenta a Xunta de Galicia, e que destila un enfoque asentado na absoluta ambigüidade na definición das directrices, queda en total evidencia do que son as intencións do goberno coa simple detección desta irresponsábel e moi probabelmente intencionada omisión. Dende a FEG preguntámonos como é posíbel que o documento máis “meneado” nos despachos da Consellaría de Medio Ambiente e na do Rural meses atrás, incluso empregado con todo detalle por determinados medios de comunicación, e na que consta cartografía precisa, teña quedado no absoluto ostracismo administrativo. Isto só beneficia aqueles intereses, como o do sector eólico, o das minicentrais, canteiras, piscifactorías, ou os urbanísticos, por citar algúns exemplos, que seguen a gañar tempo para despregar toda a súa capacidade de execución coas menores pexas de ordenación posíbel. Dende a FEG preguntámonos: a onde se quere chegar con estas Directrices de Ordenación do Territorio cando se esconden elementos de análise tan determinantes e oportunos para unha sostíbel e cabal ordenación?

Este feito sen dúbida beneficiará que determinados espazos naturais galegos, de destacada relevancia e representatividade, continúen nunha especie de “limbo administrativo” que polo de agora se atopan desafiuzados de protección ambiental. Polo de agora xa beneficia ao novo reparto eólico, ou á autorización da ampliación dun parque eólico na Serra do Suído derrogado anteriormente por motivos ambientais, ou a algunha das 31 minicentrais que poden ser autorizadas novamente.

A FEG amais de solicitar que se contemple a súa inclusión nas DOT, reclama á Xunta que se lle dea validez ao documento de ampliación, xa que cunha interpretación fiel á finalidade do que se supón que debe ser o dereito administrativo, pode considerarse que existe, con respecto á proposta de ampliación da Rede Natura, un inicio de “estado administrativo” que figura esquecido pero que está aí, e que polo tanto se debe resolver dende o momento que foi presentado o documento formalmente no Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel en xullo de 2007 (tal e como recolle a páxina 8 da acta do devandito Consello, no seu punto 6º da orde do día. Esa mesma proposta está publicada e cartografada no documento Proposta de Ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia, editado pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel o 12 de maio de 2008 e elaborado polo IBADER.

A FEG opina igualmente que o lóxico sería que, mentres se agarda á aprobación dun documento de referencia tan importante coma son as DOT, non se tivese activado o reparto do concurso eólico. Así facilmente pode apreciarse un claro conflito, por incompatibilidade, do que poden ser as futuras Directrices de Ordenación do Territorio tal e como recolle o seu apartado “determinacións relativas ás infraestruturas de xeración e abastecemento enerxético” fronte aos efectos do desenvolvemento eólico vixente.

Os comentarios están pechados.