Skip to content

Privatización do monte, extinción de especies e lumes

10/09/2010

A consellería de Medio Rural acaba de anunciar que vai autorizar batidas ao xabaril desde abril ata xaneiro. Nada menos que dez meses de caza por ano e 20.000 batidas que nin precisan acreditar danos e serán autorizadas de antemán. Tal feito, inédito en calquera política ambiental seria, vai expulsar, ou colocar en grave risco para a súa integridade, a labradores e outras persoas que pretendan frecuentar o monte. Tamén pensamos que vai causar a extinción de outras especies debido a que non terán sosego para se reproducir, ou cuxas crías serán devoradas polos cans de caza. Agravarán o risco de incendios os vehículos, disparos e cigarros no monte, en época de verán, cando a lei correspondente prohibe tais actividades. Seica pretenden rematar cos danos á agricultura, cando tal sistema xa se amosou inútil para tal fin unha vez que cada ano se autorizan mais batidas e cada ano hai mais denuncias por danos, moitas delas baixo a sospeita de seren feitas polos propios cazadores co obxecto de acadar autorizacións para batidas.

Pensamos que solo se pretende favorecer, ata o inconstitucional, ao loby da caza e ao negocio que nela se sustenta, de venta de armas e complementos para a caza, en prexuízo dos demais cidadáns que tamén teñen dereito a frecuentar o monte e do propio monte.

Sostemos que esta non e maneira seria de resolver o problema xa que, bandas de cazadores dando tiros o ano enteiro no monte, solo representan perigo para terceiros e non están pensadas nin para realizar servicios públicos, moito menos actividades altruístas e a súa finalidade é mais a de se divertir.

A solución contra os incendios e os danos ocasionados por animais que foron introducidos artificialmente en Galicia, como agora están sendo introducidos os corzos debido á desaparición das especies cinexéticas clásicas, como coellos, perdices, lebres, faisáns, etc., a causa do exceso de caza e por abandono do rural, é o de poñer o monte en valor e coidalo racionalmente.

A tal fin pedimos que se destinen recursos a limpar o exceso de sotobosque durante o inverno, fomentar o incremento de frondosas que impiden o seu crecemento, obrigar aos tecores a realizar plantacións disuasorias lonxe dos cultivos productivos, promover o peche de fincas plantadas, etc.

Facer o xogo ao loby da caza, facilitando mais batidas, solo incrementa o problema, da mesma maneira que destinar inxentes cantidades de cartos a empresas para apagar lumes solo ten incrementado o número destes. Mentres que, as accións que propoñemos, evitarán a proliferación destes animais e dos lumes, porque un monte limpo racionalmente non ten exceso de lugares onde se agochar e tampouco arde, ponse en valor e crea postos de traballo.

Asinan: FEG, ADEGA, Coto do Frade, Verdegaia, Libera, Matar por Matar Non e Amigos da Terra.

Os comentarios están pechados.