Skip to content

PP (Pelotazo Popular)

25/11/2010

Unha nova volta de torca do goberno do PP, de mans do excelentísimo conselleiro de Medio Ambiente Agustín Hernández, propiciará a especulación urbanística en solos de especial protección de Galiza, amparándose en medidas que se aplicarán “excepcionalmente…, cando a utilidade pública o xustifique”, segundo un comunicado do departamento de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que dirixe o propio Hernández.

Para entender todo isto o primeiro que debemos facer é comprendelos antecedentes. A Xunta de Galicia aprobou o 25 de Marzo deste mesmo ano,  a Lei 2/2010 que modificaba en parte a Lei 9/2002 de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galiza. Esta lei, a todas luces un primeiro paso para lograr esta segunda volta de torca, xa foi emprazada tanto por Coto do Frade como pola Federación Ecoloxista Galega e outras asociacións para interpoñer un recurso de inconstitucionalidade ante distintos estamentos do Estado español, por non protexer de xeito efectivo e integral o litoral galego, os espazos naturais e protexidos tanto da costa como do interior, a biodiversidade, os hábitats protexidos e a Rede Europea Natura 2000, ademais de bosques autóctonos, montes, praias, ríos….; abocando ó medio rural e ó territorio galego en xeral a unha gran desprotección e destrución, infrinxindo gravemente a normativa ambiental e urbanística superior (constitución do Estado español, sentencias do tribunal constitucional, normativa europea, lei de costas do Estado español, …etc.).

Grazas a este recurso, o Ministerio de Medioambiente español xa declarou que ve indicios de inconstitucionalidade en catro preceptos da norma por entender que a Xunta se extralimita nas súas funcións e interfire nas competencias do Estado en materia de costas. Entre esas interferencias figuran a capacidade da Xunta para xestionar determinados usos nas zonas de dominio público marítimo – lembremos a pretensión da construción de plantas de acuicultura en plena Rede Natura, como por exemplo a de Cabo Touriñán (un terreo dunhas 120 hectáreas mercado por Pescanova que xa foi declardo como de Interés Comunitario, coa existencia de  hábitats prioritarios de flora e fauna), onde o actual presidente da Xunta respondeu a unha emenda admitida a trámite polo Parlamento Europeo para impedir precisamente a instalación deste tipo de plantas en plena Rede  manifestando “la ley es la ley, pero la Xunta hará una piscifactoría en Touriñán (La Voz de Galicia, 23/3/2010), con dos cojones-.

Terreos onde se pretende construir a piscifactoria de cabo Touriñán

Tamén mencionar aquí a pretensión de legalización de construcións levantadas sen licenza e con anterioridade o 1 de Xaneiro de 2003 e sobre as que non pese expediente ningún. É dicir que, se o presidente da Xunta, o conselleiro de Medioambiente ou o de traballo ou algúns dos seus amigotes e familiares teñen unha construción megalítica – tales como urbanizacións ou parques empresariais, por poñer un exemplo –  en plena costa, ou na Rede Natura  ou en zonas de especial protección…, crease unha lei que fará que deixen de ser ilegais para pasar a un estado, non de alegalidade nin moito menos, senón de construcións perfectamente legais que cumpren tódolos requisitos para estar onde están. Tendo en conta que a lei e os xulgados están demasiado colapsados para abrir expediente a tódalas construcións ilegais feitas nos últimos sete anos – ou que a xustiza é moi lenta, según se mire -, podemos prever que o número de legalizacións de construcións totalmente ilegais será un absurdo.

O ministerio de Política Territorial do Estado español, a instancias do de Medio Ambiente,  xa enviou unha “carta de cooperación” (Faro de Vigo, 13/7/2010),  na que advertía a Xunta que ten que reformar a redacción destes catro preceptos se quere evitar que a lei acabe recorrida no Tribunal Constitucional. E agora ben o bo, despois de que tanto Xunta como Goberno español puxeran en marcha unha comisión encargada de negociar os artigos cuestionados e solucionar discrepancias, a Xunta, recurrindo a Lei de Acompañamento dos Orzamentos que permite realizar modificacións sen recurrir o trámite parlamentario, deslizou  habilmente dentro desta lei cinco emendas dirixidas a corrixir a Lei do Solo – o martes, 23 de novembro, o Parlamento galego iniciou a súa tramitación -, pero non para evitar que esta sexa recorrida polo Tribunal Constitucional aumentando as figuras de protección, nin moito menos, senón que está servirá para aumentar a desprotección das concas fluviais e dos espazos naturais, ademais dos terreos agrarios e forestais.

Así, dun so golpe, seis categorías de solos rústicos especialmente protexidos desaparecen da Lei do Solo – protección de infraestruturas, das augas, de costas, de espazos naturais, da paisaxe e de zonas con interese patrimonial, artístico ou histórico -. Só se manterá a de protección agropecuaria e forestal, pero cun cambio adicional que permite a instalación de industrias o cal, a efectos prácticos, significa a desaparición tamén desta protección  en solos rústicos, que só precisarán dun informe favorable do departamento de medio ambiente, o mesmo que está a modificar todos estes artigos da lei da que estamos a falar, para legalizar proxectos amparándose nunha suposta “utilidade pública”.

Do mesmo modo, o retirar este muro de protección  legal, tamén se permitirá a construción no mesmo ámbito de equipamentos públicos de interese xeral. Así á construción de naves, fábricas e polígonos industriais en zonas de especial protección, haberá que sumarlle a posibilidade de edificación de residencias para anciáns, hospitais ou centros de saúde. O que en poucas palabras pódese considerar como unha porta aberta de cara á especulación.

O primeiro paso de todo este tinglado é a cobertura xurídica para oito parques empresariais – polígono de Barbanza, plataforma loxística de Mandiá, Campus Industrial de Paderne de Allariz, os de Taboadela e A Gudiña, ampliación do de Pousadoiro, A Arroufana e o de Bueu Cangas, ademais do parque empresarial de Lavacolla, proposta esta última de Medio Ambiente -, onde a superficie de solo rústico protexido de estes oito parques supera os 3,4 millóns de metros cadrados, o que supón un 41% da superficie total conxunta. Unha auténtica barbaridade.

Hai que salientar que o anterior goberno do bipartito (tan anxeliños eles agora) xa pretendía legalizar estes oito parques, o que parece é que na nosa terra non hai máis sitios para construír que en zonas onde existe unha protección especial e que se deberían adicar para outros usos. Estamos desprotexidos ante a clase política, sexa do signo que sexa, capaces de modificar leis o seu antollo sen ningún tipo de participación cidadán, ou o que é peor, cando esta participación existe e os que temos algo que dicir opinamos, menosprézase a nosa voz porque é considerada inferior a dos nosos noxentos políticos.

Que sigan legalizando o ilegalizable, privatizando o que debería ser de uso público e dándolle poder ás empresas por diante dos cidadáns, poñéndonos a todos o servizo do capital. Que rematen coa biodiversidade, a maior riqueza do noso  pobo.  O pan de hoxe será a fame de mañán.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: