Skip to content

La Sogama del sur

30/11/2010

O goberno do PP volve deixarnos abraiados cun exercicio de total desprezo á poboación galega, ás leis deste país, ás do Estado español e ás europeas, ó conceder a través do concurso eólico – que nada ten que ver coa xestión do lixo – a construción dunha macroplanta de xestión de basuras sen que exista unha convocatoria pública  á que outras empresas poidan optar, un xeito de actuar totalmente fraudulento, herdanza oculta do fraguismo que se está destapando como habitual no último mes.

“La Sogama del sur” (La Voz de Galicia, 23/11/2010), deste xeito tan explícito definiu o administrador de Estela eólica a planta que a súa empresa, cos parabéns da Xunta de Galicia, pretende crear no noso entorno. A explicación de que unha empresa descoñecida, creada no 2007 e que no ano 2009 xa presentaba números roxos, se presentase para a adxudicación de megavatios no presente concurso, debemos agradecerlla, entre outros, a un dos seus administradores, José Luis Quintáns Pérez, responsable das Novas Xeracións do PP en Zas ata o 2002, e a algún dos seus socios, claramente vinculados co PP, tal como explica Lara Graña no Xornal de Galicia. O reparto no concurso eólico sorprendentemente, ou non tanto, favoreceulles sobremaneira quedando coa medalla de bronce no reparto do vento galego, 186 Megavatios dun pastel que elevaba a 2166 os anacos de torta a repartir. A cambio a empresa, adquirida por un grupo burgalés, Gecal renovables,  – que con esta concesión practicamente dobrará a potencia que xa ten instalada en todo o Estado español-  construirá a macroplanta de residuos do Sur de Galiza.

Vista lateral da planta de Sogama en Cerceda

Gecal renovables, unha descoñecida ata o de agora formada polo fondo de infraestruturas do Banco Santander, Caja Rural de Burgos, Caja de Burgos (agora dentro de Banca Cívica) e Aciturri Aeronáutica (grupo empresarial burgalés), fíxose coa empresa Estela eólica no mes de Maio. Curiosamente nese mesmo mes a Xunta presentaba oficialmente, no Consello Galego de Medio Ambiente, os primeiros datos do que sería o novo plano de residuos 2010-2020, na que o groso do investimento adicábase a macroplanta incineradora do Sur de Galiza. Unha macroplanta que, ó igual que o novo plano de residuos, está sendo levada con absoluto escurantismo por parte da administración, sen ningún tipo de participación social e sen acceso posible á información por parte dos colectivos implicados.

O que tamén chama a atención é que o novo plano de residuos inda non está aprobado – farase o mes que ven – pero o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, xa confirmou o pasado día 23 que intentará encaixar a oferta no Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos (PXRSUG) 2010-2020, “Dentro de él, se desarrollará este proyecto de acuerdo con la oferta que hizo este adjudicatario”, sen que se saiba, inda que si se intúe, onde será o lugar desta macroplanta e o tipo de tratamento que se lles dará ós residuos. Polos antecedentes ocorridos ata a data podemos prever que o lugar de elección para a ubicación da mesma será no Ribeiro ou nos seus redores, – a previsión de que a chamada planta sur estea nunha zona limítrofe entre Pontevedra e Ourense e ben comunicada, autovía e tren, e algo que xa quedou plasmado nos documentos previos deste novo plan e destapado no mes de Marzo polo “heroe contemporáneo” Luis Lamas, actual presidente de Sogama, manifestando que a idea era facer outra incineradora no sur de Galiza “para reducir gastos de transporte” –  ademais do máis que posible emprego da valorización enerxética – un método excelente para a obtención de máis e máis cartos para os petos dos de sempre, pero que medioambientalmente é un auténtico disparate, estando a anos luz de calquer plantexamento ecoloxista – , o que se traducirá nun macroproxecto que levará consigo a instalación dunha ou varias plantas incineradoras, “Compre dicir que se primará a valorización dos residuos, o que non se poida reutilizar ou reciclar vaise valorizar, xa que a idea é reducir o nivel de residuos”, segundo declaracións da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas feitas hoxe mesmo o periódico La Región.

Coto do Frade quere denunciar que, o igual que o modelo proposto polo anterior goberno, prima o negocio como eixo fundamental, baseado na creación de infraestruturas e non na xestión sustentable dos residuos. Non existe unha información clara senón que trátase sistematicamente de confundir a opinión pública, buscando a confrontación social como método para distraela atención do que verdadeiramente está a ocorrer. O único certo polo de agora é que a creación dunha macroplanta – a nova planta terá unha capacidade para “xestionar” entre 600.000 e 900.000 toneladas de lixo anuais (dependendo das fontes consultadas, administración ou propia empresa, a capacidade da planta varía “simplemente” en 300.000 toneladas, ata ese extremo chega o nivel de desinformación á poboación galega), incluído depósito en vertedoiro –  que concentre toda a merda do sur de Galiza, máis o sobrante de Sogama, nunha zona en concreto é unha realidade que están dispostos a impoñernos a calquer prezo, incluíndo a nosa propia saúde e a do entorno que habitamos e do que dependemos. O único certo é que a única modificación ó anterior modelo Sogama, condenado ó fracaso dende o momento mesmo da súa creación, é que este tiña un 51% de participación pública mentres que a nova planta que nos tratan de impoñer financiarase 100% con capital privado, todo un despropósito que significará que mentres se siga mercadeando co lixo non se deterá o aumento na produción deste – unha produción que aumenta un 4,76% anual, mentres que a poboación galega segue estancada dende hai 20 anos – e que nos levará a unha produción de dous millóns de toneladas de lixo anuais, necesitando nun futuro próximo a creación e ampliación de macrovertedoiros que poden levar a un grave problema de salubridade pública e que a algún veciño lle tocará ó carón da súa casa.

Detalle do vertedoiro de Areosa, en Cerceda

Os comentarios están pechados.