Skip to content

Posicionamento Plan de Residuos 2010-2020

02/12/2010

Posicionamento oficial da Asociación Ecoloxista Coto do Frade en referencia ó Plan de Residuos 2010-2020

1- A Asociación Ecoloxista Coto do Frade aposta por unha muda integral da actual política herdada de anteriores gobernos; a redución dos residuos, a reutilización dos mesmos e finalmente a reciclaxe son pautas ineludibles para a consecución de obxectivos baixo criterios medio ambientais como aparece recollido na Directiva 98/2008/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, de 19 de novembro de 2008. A planificación de políticas neste sentido resulta fundamental, reducir en orixe apostando por envases retornables, a información ó cidadán por medio de campañas de sensibilización ante o problema, son prioridades para acadar resultados óptimos que non dexeneren no actual modelo liderado por SOGAMA.

2- A Asociación Ecoloxista Coto do Frade reclama a axilización do Plan de Xestión de Residuos de Galiza e rexeita calquera execución, medida ou actividade relacionada con este ata que se aprobe dito plan, denunciando que ata o momento non se están seguindo os principios de participación previstos na Lei 27/2006, de 18 de xullo, de acceso á información, de participación pública e de acceso a xustiza en materia de medio ambiente, así como as previsións de participación na tramitación recollidas na Lei 50/1997, de 27 de novembro, do goberno do Estado español, saltándose ademais o Convenio de Aarhus en canto a participación do público na toma de decisións e a Directiva 2003/35/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, de 26 de Maio de 2003, polas que se establecen as medidas de participación do público na elaboración de determinados plans e programas relacionados co medio ambiente.

3- A Asociación Ecoloxista Coto do Frade é radicalmente contraria á incineración, esiximos neste sentido unha planificación na xestión do lixo para cumprir cos obxectivos de recuperación establecidos na normativa europea – Resolución do 24 de febreiro de 1997 sobre unha estratexia comunitaria de xestión de residuos e a súa transposición a Directivas Comunitarias e Leis estatais ulteriores -, isto é, reducir a capacidade incineradora actual e incrementar a reutilización e reciclaxe.

4- A Asociación Ecoloxista Coto do Frade posiciónase en contra da xestión dos residuos sólidos urbáns do Sur de Galiza concentrados nun macropolígono. Esta Asociación aposta dun xeito claro e contundente, pola xestión a nivel comarcal en pequenas plantas, onde o impacto medioambiental e mínimo, o aforro enerxético faise evidente e os resultados acadan a máxima eficacia. Rexeitamos a idea dunha Planta Sur que xestione os residuos sólidos urbáns das provincias de Ourense e Pontevedra, exista ou non a incineración.

5- A Asociación Ecoloxista Coto do Frade maniféstase contraria á privatización na xestión dos residuos de Galiza sinalando que o feito de empregar o lixo como unha mercadoría só poderá ter como efecto ineludible o aumento na xeración dos mesmos, polo simple principio de que a maior residuos xerados, máis mercadoría coa que comerciar e maior beneficios para ás empresas que se encarguen de xestionalos.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: