Skip to content

Green Power gives the blessing us (trailará)

13/12/2010

A empresa Green Power apresentará o vindeiro mércores ante a Consellería do Medio Ambiente un proxecto de planta de residuos para o sur da Galiza, a coñecida e teimosa nova Sogama semella ir tomando forma ante a negativa de Agustín Hernández a debater o novo (vello) modelo cos grupos ecoloxistas.

Eladio Veleiro, delegado da empresa na Galiza, ven de amosar o proxecto nos medios de comunicación asegurando que “é un sistema pioneiro no mundo da transformación de residuos e outros, con emisións de CO2 de practicamente cero e sen residuos finais, xa que aproveita tódolos compoñentes”. Veleiro sinala que este tipo de plantas de reciclaxe transforman todo tipo de residuos (orgánicos e inorgánicos) en combustibeis de alto rendemento.

Até aquí todo semella unha especie de Futurama, onde un xigantesco robot come 900.000 tn de merda-ano e caga combustíbel en proporción sen causar efecto algún no medio e nas persoas. Á folla de ruta do novo Plano de Residuos nácelle outro fillo, unha crianza de apariencia menos agresiva que a enxendrada por Estela Eólica pero que peca do mesmo, a centralización dos residuos do sur da comunidade galega nunha soa planta, e tódolos problemas asociados que a nivel de xestión e seguridade causan estas mega-instalacións.

En definitiva, outro episodio psicótico dun serial que comezaba alá polo ano 2007 baixo o mandado PSOE-BNG, a aquel contaminación cero e traballadores en garabata (que a Plataforma Si ó Parque defende na actualidade con soberana paranoia) engádese esta nova aportación futurista onde a mensaxe semella a mesma aínda que os actores sexan outros, mesmo can e distinto colar.

Da actual administración depende o modelo a instaurar, da clase política local depende ou non a defensa dos seus representados (as dúbidas asaltan), que para ben ou para mal seguen existindo máis aló da mercadoría electoral e da piara institucional.

Di NON á SOGAMA do sur, por unha xestión dos residuos descentralizada, onde prevaleza un modelo baseado na reducción e sexa socialmente xusta.

Texto orixinal de  Anacos do Ribeiro

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: